Por M.V. | Bertamiráns | 12/06/2017 | Actualizada ás 08:00
Como exemplo explican que o alumno que “queira escoller en segundo de bacharelato métodos estatísticos deberá coller relixión”. Unha problemática que, segundo pais consultados poresta redacción, prodúcese noutros centros públicos do país.
Como é posible que na práctica o catolicismo sexa obrigatorio nalgúns centros públicos? Dende a Consellería de Educación, preguntados por este caso, negan a maior.
RESPOSTA DA XUNTA
“Os centros teñen que ofrecer a materia de relixión, pero non se lles pode obrigar a que a elixan. En ningún caso se pode forzar aos alumnos a que escollan relixión nin se pode impedir que a escollan”, argumentan dende a Xunta.
A Administración lembra que “os centros teñen autonomía para deseñar os itinerarios que consideren máis axeitados dentro do seu proxecto educativo con materias de 4, 3, 2 e 1 hora, e con iso deben xogar”. Unha das materias de 1 hora a ofertar debe ser obrigatoriamente relixión católica.
MENOS PROFESORES
O núcleo do problema en centros como o de Ames parece estar en que o recorte de profesores obrigou a reducir o número de horarios e de optativas dispoñibles. A consecuencia é que para algúns alumnos se queren coller determinadas asignaturas non lle queda outra que completar as horas obrigatorias con relixión.
“ No caso de primeiro de Bacharelato, ao obrigar ao alumnado a cursar necesariamente unha materia de catro horas se elimina calquera posibilidade de cursar unha materia de libre configuración do centro ou de configuración autónomica, se non é acompañada da materia de relixión”, explica unha das nais afectadas por esta problemática.
Esta nai insiste en que nese centro hai “imposibilidade de cursar materias de configuración autonómica, como é o caso de Métodos estatísticos e numéricos, se non están acompañadas da materia de Relixión”.
Dende a Consellería de Educación, tras admitir que “non dispoñemos dos datos pormenorizados das materias optativas concretas do IES de Ames”, argumentan que “cada alumno vai completando o seu itinerario en función das súas preferencias, intereses, ….E non se lle obriga a escoller relixión como tampouco se lle obriga a coller métodos estatísticos , cada un o deseña según lle conveña”.
En definitiva, malia que a Xunta pode estar cumprindo coas normas, o certo é que hai alumnos que se queren estudar estatística en Bacharelato, tócalles apandar con relixión.
ASEMBLEA DE PAIS
Este é un dos motivos polo que os pais deste centro convocan unha asemblea o próximo luns as 20:30 no Pazo da Peregrina. Están preocupados tamén por outras cuestións como “a redución drástica de proxectos integrados de centro que fomentaban a excelencia, a mellora educativa e a convivencia escolar”, a falta de aulas e a “masificación do centro” que din está a provocar un “deterioro notable”.
Malia aconfesionalidade teórica do Estado, a Lei obriga a administración educativa a ofrecer relixión católica en todos os centros públicos. No caso das outras relixións, so ten a obriga no caso de que haxa determinado número de alumnos que así o soliciten.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.