Por Galicia Confidencial | Santiago | 16/06/2017 | Actualizada ás 09:00
O Instituto da Lingua Galega e o Centro Ramón Piñeiro organizan o Atlas Linguarum Europea e o Atlas Linguistique Roman, dous congresos de investigación en humanidades que se desenvolverán na Facultade de Filoloxía o vindeiro 20 de xuño e no Centro Ramón Piñeiro, o 21, 22 e 23, e nos que participarán 75 investigadores de varios países europeos. A súa finalidade é afondar no coñecemento da variedade lingüística existente no territorio europeo (ALE), e de maneira especial no territorio no que se falan linguas románicas (ALiR).
O Atlas Linguarum Europae é un proxecto lanzado xa a comezos dos anos 70 co patrocinio da UNESCO, coa finalidade de describir e representar cartograficamente a diversidade existente en todas as variedades lingüísticas de Europa na actualidade. Este proxecto propiciou o desenvolvemento da metodoloxía motivacional, explotada por lingüístas como Mario Alinei, que levou ao descubrimento de primitivas unidades culturais que quedaron ocultas co devir histórico.
Por outra banda, o proxecto do Atlas Linguistique Roman foi promovido pola Universidade de Grenoble como unha necesidade xurdida dentro do Comité románico do Atlas Linguarum Europae de afondar no estudo da realidade dialectal do espazo románico europeo. Neste proxecto participan máis de trinta universidades e centros de investigación de todos os países europeos que teñen falas románicas no seu espazo territorial. Segundo apuntan os organizadores nun comunicado “o resultado material plásmase nun atlas interpretativo, en que cada mapa vai acompañado dun estudo realizado por un romanista a partir dos datos proporcionados polas sínteses románicas de cada comité nacional”.
Xuntanzas periódicas
Ambos os dous proxectos celebran reunións periódicas en distintos puntos de Europa, co fin de presentar e discutir cada mapa e comentario antes de seren publicados. No simposio do ALE do ano 2015 en Sofia (Bulgaria) decidiuse que o do ano 2017 se celebraría en Santiago, e no Congreso do ALiR do 2016 en Baia Mare (Romanía) acordouse facer coincidir o do 2017 co do ALE en Santiago.
Nestes proxectos existe un Comité Galego, que é o responsable de proporcionar todos os datos e os estudos pertinentes referidos á lingua galega. Ademais, no Centro Ramón Piñeiro estase desenvolvendo unha parte do proxecto ALiR, que é a Base de Datos do ALiR, á que se incorporan todos os datos proporcionados polos distintos comités románicos (mesmo aqueles que non aparecen cartografados e publicados) e que permitirá no futuro que a comunidade internacional explote estes datos e que cada investigador poida confeccionar mapas á carta, segundo os seus intereses.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.