Como afectará o cambio climático á nosa saúde?

A Universidade de Santiago de Compostela, a Autónoma de Madrid e a Oficina Española de Cambio Climático realizan un estudo estatal que mostra que existe o convencemento xeralizado entre a poboación de que o cambio climático é unha realidade e supón un risco para a nosa saúde. Con todo, aos investigadores preocúpalles o feito de que non é un tema relevante para os cidadáns e alertan de confusión sobre os efectos na sáude.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 12/07/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A maioría da poboación considera que a súa saúde poderá verse afectada nalgún momento polo cambio climático e que este aumentará as posibilidades de padecer determinadas enfermidades, como alerxias, asma e enfermidades respiratorias. Con todo, resulta difícil asegurar que a conciencia sobre os riscos do cambio climático e os seus vínculos coa saúde se vaia traducir a curto prazo en actitudes e comportamentos orientados a limitar as ameazas percibidas, dado o escaso grao de relevancia que, na práctica, ten o cambio climático no ámbito social. Esta é a principal conclusión dun estudo feito por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidad Autónoma de Madrid e da Oficina Española de Cambio Climático. Os resultados da investigación preséntanse na Revista de Salud Ambiental, nun artigo titulado 'La percepción social de los riesgos del cambio climático sobre la salud en España'.

Contaminación por gases
Contaminación por gases | Fonte: DUVI.

Os investigadores fixeron tres sondaxes demoscópicas sobre unha mostra representativa da poboación do Estado español que permitiron recoller as valoracións dos riscos derivados do cambio climático para distintos escenarios temporais (xeracións actuais - xeracións futuras), económicos (países ricos - países pobres) e de proximidade á persoa entrevistada (sociedade española - propia comunidade - propia familia - vostede persoalmente). A análise dos datos obtidos revela a existencia de diversos "estilos" de valoración do risco, describíndose catro grupos característicos: despreocupados, distantes, conscientes e alarmados. O traballo revisou tamén as opinións das persoas entrevistadas sobre as repercusións do cambio climático sobre a propia saúde. 

A MAIORÍA RECOÑECE A REALIDADE DO CAMBIO CLIMÁTICO 

Os resultados obtidos debuxan unha sociedade que, segundo os autores do estudo, recoñece de forma xeral a realidade do cambio climático e a influencia humana na súa xénese. De feito, tan só unha de cada dez persoas enquisadas cre que o cambio climático "non está a ocorrer" ou o atribúen "principalmente" ou "exclusivamente" a causas naturais e non antropoxénicas, é dicir, causas humanas.

As respostas á batería de cuestións empregadas para coñecer as valoracións do risco para as persoas revelaron unha certa tendencia a estimar as afeccións en función da proximidade das persoas entrevistadas ao escenario presentado: a porcentaxe de persoas enquisadas que percibe riscos importantes é máis alta canto maior é a distancia espacial, temporal ou social cos riscos expostos. E á hora de valorar os riscos, algunhas persoas profesan o que podería ser descrito como "pensamento excepcionalista", o cal se resume na proposición "si, pero non a min".

Ence, dende a praia de Lourido
Ence, dende a praia de Lourido | Fonte: Diego Portela en Flickr.

ESTILOS DE VALORACIÓN DO RISCO

Máis aló destas tendencias xerais, o estudo permitiu identificar diferentes "estilos" na valoración do risco que o cambio climático conleva para as persoas e sociedades humanas.

O gupo máis numeroso é o que fai "valoracións do risco intermedias". Estas persoas son as que os investigadores identifican como "conscientes". Estes cidadáns non asumen un pensamento de tipo excepcionalista (non valora os impactos en función da súa distancia persoal ao escenario). Con todo, só valora como elevado o impacto sobre as xeracións futuras.

O segundo grupo máis numeroso é o que fai "valoracións do risco baixas para escenarios próximos", é dicir, para os países ricos, as xeracións actuais, a sociedade española, a propia comunidade, a propia familia e a propia persoa enquisada. Estas persoas son identificadas como o grupo de "distantes". Con todo, concede riscos significativos para os países pobres pero para as xeracións futuras. Desta forma, este grupo valora que o risco será crecente para todos co paso do tempo.

O terceiro grupo por número de convencidos é o que fai "valoracións do risco altas". Estes son os cualificados polos investigadores como "alarmados". Este grupo caracterízase por facer unha elevada valoración do risco, para a que non establece excepcións de natureza económica, temporal ou de distancia persoal. Para este grupo o risco é elevado e inmediato e os afectados somos todos. 

Por último, o grupo menos numeroso é o que fai "valoracións do risco baixas". Son os "despreocupados". Estes establecen unha excepción: os países pobres, onde se considera que o cambio climático "afectará bastante". Este grupo parece interpretar que os recursos propios dos países desenvolvidos permitirán evitar ou amortecer os impactos derivados do cambio climático, mesmo no futuro.

En resumo, a análise revelou que os grupos que fan valoracións de risco máis baixas só consideran realmente vulnerables aos países pobres e, nalgúns casos, as xeracións futuras. Pola contra, quen realiza as valoracións de risco máis elevadas caracterízanse por non establecer excepcións económicas, temporais ou sociais.

UNHA AMEAZA PARA A NOSA SAÚDE

Os cidadáns residentes no Estado español consideran maioritariamente que o cambio climático constitúe un risco para a súa saúde. En concreto, dúas terceiras partes das persoas enquisadas consideraron "moi probable" (25 %) ou "bastante probable" (40,7 %) que a súa saúde se poida ver afectada nalgún momento como consecuencia do cambio climático.

Respecto das enfermidades que se relacionan máis frecuentemente co cambio climático, o 71% das persoas entrevistadas declarouse "bastante de acordo" ou "moi de acordo" coa idea de que, como consecuencia do cambio climático, terán máis posibilidades de padecer procesos alérxicos. Seguindo en orde de importancia aparecen "padecer asma ou enfermidades respiratorias" (66,5%), "ter máis problemas coa excesiva calor ou o frío" (66,2%), "ter máis posibilidades de padecer cancro de pel" (63,3%) ou "sufrir infeccións pola calidade da auga ou os alimentos" (60,5%). Foron minoría os que consideraron ter máis probabilidades de padecer cataratas (38,7%) ou enfermidades tropicais (40,9%).

CONFUSIÓN NA POBOACIÓN

Para os autores do estudo, malia a existencia dunha divulgación de calidade, os datos obtidos confirman a existencia de malentendidos, amplamente estendidos, sobre as relacións entre cambio climático e saúde. Así, comprobaron que os cidadáns asocian o cambio climático con enfermidades que, en realidade, non teñen unha relación directa co fenómeno, en concreto, as posibilidades de padecer cancro de pel e cataratas, ambas as dúas reforzadas polo enfraquecemento da capa de ozono, pero non polo cambio climático, como apuntan os expertos.

A raíz deste malentendido é, segundo os científicos, a crenza, moi estendida dunha relación estreita entre a degradación da capa de ozono e o cambio climático, a miúdo considerando a primeira como causa do segundo.

ESCASO INTERESE NO CAMBIO CLIMÁTICO

Os autores da investigación tamén alertan de que aínda que o recoñecemento das relacións entre cambio climático e saúde constitúe unha "boa nova", isto "non debe levar a supoñer que o tema forma parte de cuestións que se teñen en mente ou das prioridades persoais ou sociais".

Así, lembran que nun traballo previo xa advertiron precisamente que un dos puntos débiles da resposta da sociedade española ante o cambio climático é a escasa relevancia real outorgada ao tema e que se expresa a través de indicadores tales como: "o cambio climático non se cita entre os problemas máis importantes", "fálase pouco sobre cambio climático con amigos ou familiares", "os españois infórmanse pouco de forma activa sobre cuestións relativas ao cambio climático" ou "a participación en demanda de políticas e medidas fronte ao cambio climático é moi escasa".

Con toda a información recollida e analizada, o estudo conclúe que malia que os cidadáns consideran maioritariamente o cambio climático un risco para a saúde, sendo os procesos alérxicos, a asma e as enfermidades respiratorias as enfermidades máis amplamente asociadas ao cambio climático, é necesario ser cautos á hora de valorar se esta conciencia dos riscos para a xente, e en particular os riscos para a saúde, se traducirá en respostas activas e responsables de adaptación e mitigación.

Os autores do estudo son: Francisco Heras Hernández (Oficina Española de Cambio Climático), Pablo Angel Meira Cartea (Universidade de Santiago de Compostela, Facultade de Ciencias da Educación, Campus Vida) e Ana Justel (Departamento de Matemáticas, Universidad Autónoma de Madrid).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Cabarcos

Agora que saia o BNG a defender a Endesa

2 two

porque claro si se chega o seis grados de calentamento global incidiría directamente nas zonas de producción agrícola no mundo por exemplo a zona dos cereais no medio oeste americano, etc... e ademáis e un proceso que retroalimentase (vapor de auga, hidrato de metano, turbeiras en Siberia e canada, etc mais a suba de auga de 60 metros dos océanos) SERIA UNHA CATASTROFE PARA A HUMANIDADE E PARA O RESTO DE ESPECIES ANIMAIS - https://www.youtube.com/watch?v=H0j...

1 one

seguen sen enterarse de nada, falan de cambio climativo "evolutivo" onde a poboación human adaptariase o incremento das temperaturas globais, independentemente de expansión de vagas de calor que matarían a milleiros de ... de vellos, ou algúnha outra persoa pero isto xa minoritario, bebes deshidratados, traballaodres expostos durante moito tempo o sol, etc, outro aspecto cancros de pel, e expansión de enfermedades "tropicais" o hemisferio norde, etc... pero ise cambio climático "evolutivo" onde a poboación adaptariase non e mais cunha pura fantasia, e como os que creen que o cambio climático vai favorecer os viñedos na galiza, despois pode vir un.ha xiada e rematar con todo... non non imos por ise cami-ño- https://www.youtube.com/watch?v=hMa...