Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/06/2017 | Actualizada ás 14:00
885.720 euros. Esa é a cantidade con IVE que pretende destinar a Consellería de Infraestruturas e Vivenda para contratar e executar un plan de medios de ámbito galego durante este 2017 para "trasladarlle ao conxunto da cidadanía" as iniciativas de natureza pública que desenvolve este departamento "relacionadas coas seguridade viaria, a mobilidade e o transporte público e a rehabilitación de vivendas en Galicia".
Segundo o prego deste concurso, o case millón de euros investirase en "estratexia, investigación, planificación, execución, xustificación e avaliación das campañas de Medios" e da aquisición de espazos publicitarios en "todos os medios que se determinen", que, xeralmente, soen ser os medios "tradicionais" de Galicia. Un diñeiro que, con todo, contrasta coa escasede de fondos para as vivendas en réxime de alugueiro.
Así, a lista de espera segue sendo longa e a Xunta só dispón de 3.000 vivendas para alugar. A demanda practicamente quintuplica á oferta, xa que hai 11.332 persoas apuntadas no rexistro de demandantes para ocupar un piso público de aluguer. En total, case 15.000 persoas para un parque público cinco veces inferior. E non hai vivendas dispoñibles.
Campaña
A pesar desta situación, a consellería insiste nesta campaña propagandística para que sexa publicitada en "tres ondadas" relacionadas coa sensibilización cidadá e información sobre a seguridade viaria, sobre a mobilidade e o transporte público e sobre a rehabiitación de vivendas en Galicia.
Curiosamente, Infraestruturas e Vivenda aposta porque sexa o "mesmo empresario" o que deseñe o plan de medios destas campañas para "incrementar o recordo destas na cidadanía". "Que sexa o mesmo empresario o que deseñe o dito plan de medios permite ter en conta de xeito global variables que desmembrando o contrato en lotes non sería posible", suliña o prego de condicións.
Ademais, insiste en que o seu obxectivo, con esta campaña propagandística, é que os galegos coñezan os servizos públicos, "moitos deles esencias para a sociedade e que estes sexan disfrutados polo maior número de ciddadáns que, a súa vez, deberán ser conscientes de que estes servizos só se poderán preservar grazas a súa responsabilidade e contribución".
A consellería insiste en que o obxecto da campaña é "sensibilizar" á poboación galega, en xeral, da "importancia dos servizos públicos existentes" en materia de vivenda. Por iso, as campañas diríxense a unha poboación, apunta, de máis de 14 anos e ao grupo de idade ou sexo "proposto polo adxudicatario de modo que as accións de comunicación teñan unha maior efectividade no que se refire ao coñecemento dos servizos públicos, á necesidade do seu mantemento entre todos e ás actuacións realizadas con fondos públicos".
Uns fondos públicos que, non obstante, son escasos para aumentar as vivendas sociais en alugueiro. Unhas vivendas protexidas que están dirixidas a familias con escasos recursos, cuns ingresos inferiores a 1,5 veces o Iprem, é dicir uns 11.200 euros anuais. A demanda destas vivendas segue crecendo ano tras anos -de 10.782 inscritos en 2015 pasouse a 11.332 en 2016-, e iso despois de que 4.300 galegos foron borrados do rexistro no últimos catro anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.