Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2017 | Actualizada ás 14:16
A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, celebrou este venres unha vista por esta causa derivada da 'Operación Retablo', na que as partes formalizaron o acordo, logo de que o condenado, M.M., non comparecese no anterior sinalamento, que tivo lugar a mediados do pasado mes de maio.
Por iso, este empresario foi declarado en rebeldía, aínda que este venres xustificou que a súa ausencia foi debida a un fallo na dirección á que foi remitida a carta de citación para comparecer na vista do 16 de maio.
NON ENTRARÁ NO CÁRCERE
Así, as partes acordaron impor a M.M. unha pena dun ano de cárcere e 1.000 euros de multa, así como a asumir unha sexta parte das costas do proceso, compartidas xunto cos outros acusados no coñecido como 'Caso Retablo'. O condenado poderá eludir a pena privativa de liberdade se abona as cantidades da sanción e non comete ningún outro delito durante o tempo que dure a pena.
Esta persoa e outros tres empresarios aceptaron realizar pequenas obras para o líder da trama --con identidade C.G.G. e que durante os anos 2003 e 2009 ocupou un alto cargo na Consellería de Cultura da Xunta-- a cambio de que lles fosen adxudicados determinados traballos de restauración.
A Fiscalía considera que os responsables das entidades implicadas contactaron con C.G.G. para "adecuar os seus proxectos ás condicións que el establecese". "Como contrapartida á adxudicación, asumiron o pago dunhas cantidades e outros favores que abonarían en efectivo" ao principal acusado, sinala a Fiscalía.
Entre outras, realizaron obras nas Clarisas de Tui, San Martiño da Gudiña, o Mosteiro de San Clodio de Leiro, Santa María a Real de Entrimo, San Salvador de Celanova, Santiago de Coedo de Allariz, Santo André de Cedeira en Redondela ou Santa María de Castro de Cima de Riós.
'OPERACIÓN RETABLO'
O empregado público aceptou unha condena de dous anos de cárcere, a inhabilitación por seis anos para o exercicio de emprego ou cargo público, así como unha multa de 2.190 euros e o embargo doutros 103.350 euros por un delito de suborno na restauración de bens da Igrexa en Galicia.
Deste xeito, C.G.G. era o encargado de informar os proxectos de restauración de inmobles eclesiásticos para que se adecuasen ás técnicas de restauración e fosen realizados por profesionais cualificados.
Por iso, conforme explica a Fiscalía no seu escrito de acusación, coñecía as funcións relativas á restauración e tamén o funcionamento dos procesos de adxudicación das axudas públicas. "Isto permitiulle iniciar unha práctica de imposición de proxectos de restauración a determinadas empresas en detrimento de as restantes", sinala.
Deste xeito, o Ministerio público explicou que "reconducía" aos interesados nos proxectos de restauración ás empresas da súa preferencia". "Como contrapartida", a Fiscalía considera que C.G.G. recibía diñeiro en efectivo ou ben labores que non remuneraba por parte das empresas que executaban as restauracións".
Ademais, o xuíz tamén considerou probado que este principal acusado adquiriu do Bispado de Tui unha casa reitoral en Paraños, en Covelo, nunhas condicións económicas "moi vantaxosas" grazas á "prestación de favores nos procedementos de restauración adxudicados". Así, adquiriu a casa por 60.000 euros a pagar en dez anos, inmoble que acabaría ofrecendo para a súa venda por un prezo de 680.000.
ARQUITECTO DA S.A. XACOBEO
A maiores deste extécnico e dos empresarios, no proceso tamén foi condenado un arquitecto da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, con identidade J.M.P.P., quen aceptou unha multa de algo máis de 700 euros --seis euros ao día durante catro meses-- por outro delito de suborno.
En concreto, o Ministerio Público acusáballe de iniciar unha relación con C.G.G. a través da que este arquitecto propuña obras de restauración a financiar polo Xacobeo. Deste xeito, informaba a esta entidade en sentido favorable para que abonase cantidades para proxectos de restauración que foran informados por C.G.G.
"A finalidade común de ambos era a obtención de beneficios económicos que lles serían facilitados polas empresas adxudicatarias dos labores de restauración", sinala a Fiscalía. Ademais, o xuíz considerou probado que, a través desta forma incrementou o seu patrimonio e chegou a recibir beneficios en especies, como unha caca dun valor "incerto" e "superior aos 1.000 euros".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.