Por Galicia Confidencial | Londres | 04/07/2017 | Actualizada ás 12:43
O filme 'Dhogs', do director e guionista Andrés Goteira, presentarase en primicia europea no Festival de Cinema Fantástico e de Terror ‘Fright Fest’, que se celebra en Londres do 24 ao 28 de agosto. O certame inglés é considerado un dos festivais cinematográficos do fantástico de máis prestixio e proxección a nivel internacional, e o visionado de ‘Dhogs' está previsto para o 25 de agosto.
'Dhogs' é ‘opera prima’ de Andrés Goteira. Coproducida por Gaitafilmes e PixelFilms e coa colaboración de La Panificadora Estudos, conta cun elenco de primeira categoría formado por destacados nomes do audiovisual galego como Antonio Durán ‘Morris’, Miguel de Lira, Carlos Branco, Melania Cruz, Iván Marcos ou María Costas.
“Dhogs é a miña primeira viaxe como director de cine, e nesta primeira viaxe quixen realizar unha película de xénero, xogar coas narrativas e a partir de aí, darlle ao espectador a posibilidade de sacar as súas propias conclusións. Interésanme moito os cambios de perspectiva e as miradas dende diferentes puntos de vista. Quería sinalar aos malos e facelos partícipes no filme", explica o director.
O filme conta como mentres un estraño personaxe cruza as rúas da cidade ao volante dun taxi, no bar dun luxoso hotel está Alex, unha muller que goza dunha última copa é inconsciente do alude de acontecementos que a arroiará nas próximas horas. Unha fugaz aventura cun executivo será o preámbulo cara a unha espiral de violencia sen sentido aparente, obrigándoa a percorrer unha senda de sufrimento fóra do seu control. Dhogs sinala aos malos, nun mundo perverso de amos e escravos. Onde os crimes teñen lugar ante unha sociedade pasiva, insensible, que todo o permite. Un reflexo da realidade máis escura.
A película rodada en Galicia e Almería, foi financiada por máis de 300 pequenos investidores a través de micromecenado e foi subvencionada por Agadic e a Deputación Provincial de Lugo. Ademais conta cos patrocinios Galipizza, Cervexa Áncora e o Concello de Meira e coa colaboración dos Concellos de Viveiro, A Coruña, Oleiros e a Deputación de Almería entre outros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.