Música e poesía para unir Galicia e Portugal

Ses e os portugueses Quinta do Bill, na categoría de música, e Paco Souto e Pedro Craveiro, na categoría de poesía, son os gañadores da II edición dos Premios aRi(t)mar.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/07/2017 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

Galicia e Portugal novamente da man. E, desta volta, grazas a a músicos e poetas galegos e portugueses premiados na segunda edición dos Premios aRi(t)mar Galiza e Portugal que compartirán voces e sentimentos o vindeiro outubro en Santiago.

Presentación da  II edición dos Premios aRi(t)mar, un evento que une a Galicia e Portugal
Presentación da II edición dos Premios aRi(t)mar, un evento que une a Galicia e Portugal | Fonte: xunta.gal

Ses e os portugueses Quinta do Bill, na categoría de música, e Paco Souto e Pedro Craveiro, na categoría de poesía, son os gañadores da II edición dos Premios  aRi(t)mar Galiza e Portugal que se entregarán na próxima gala aRi(t)mar 2017. Esta celebrarase no Teatro Principal de Santiago de Compostela o próximo 31 de outubro. No festival, con entrada gratuíta, interpretaranse as cancións e poemas gañadores e concederáselle a Fran Pérez, Narf, o Premio da Embaixada da amizade galego-lusófona a título póstumo. Precisamente, na súa intervención durante a rolda de presentación, o secretario xeral de Política Lingüística tivo un recordo especial tanto para Narf como para o poeta Paco Souto, recentemente falecidos.

aRi(t)mar distinguiu catro categorías de premios votados pola comunidade educativa virtual e social da EOI e mais polo público xeral galego e portugués entre dez poemas e cancións finalistas seleccionadas por un xurado que integraron os membros do seu equipo de dinamización da lingua galega (EDLG).  Máis de 7000 persoas participaron, en Galicia e Portugal, nas votacións para elixir os gañadores. As cancións e as poesías seleccionadas nesta II edición de aRi(t)mar poden lerse e escoitarse, canda ás pezas finalistas, no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal e no web da EOI de Santiago www.eoisantiago.org.

Colaboración interinstitucional

A II edición de aRi(t)mar Galiza e Portugal é un proxecto do equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) e os departamentos de galego e de portugués da EOI de Santiago de Compostela que ten por obxectivo dar a coñecer e difundir a poesía e a música editadas en 2016 en Galicia e en Portugal, amais de achegar as linguas e as culturas que configuran os dous territorios ás dúas beiras do Miño, no marco da Lei  1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, mais coñecida como Lei Paz-Andrade. 

Conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Concello de Santiago e da Deputación Provincial da Coruña, así como coa colaboración da Corporación Radio e Televisión de Galicia, que ten asinado un protocolo para a difusión do evento coa Consellería de Cultura e Educación. Colaboran tamén con aRi(t)mar o Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões, os institutos de secundaria da Consellería que imparten portugués como lingua estranxeira, o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e as EOI de Lugo e de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta