Por Galicia Confidencial | A Estrada | 09/07/2017 | Actualizada ás 10:29
Carlos Faílde presentará a próxima semana a súa demisión voluntaria como persoal laboral fixo do Concello da Estrada, polo que deixará de desempeñar as funcións de coordinador do Servizo Municipal de Protección Civil para dedicarse "en exclusiva" á súa actividade empresarial.
Esta decisión prodúcese tras as informacións publicadas por Galicia Confidencial, que despois recolleron outros medios como o Faro de Vigo, La Voz de Galicia, a Cadena Ser ou o xornal dixital Praza, pola súa dobre faceta de coordinador do Servizo Municipal de Protección Civil e de propietario de empresas adxudicatarias de contratos de administracións públicas como a sociedade Ricarsat S.L. , da que é propietario desde o 30 de xaneiro de 2014. Unha situación que provocou tamén importantes críticas dos partidos da oposición, que pediron a súa dimisión nun pleno o pasado xoves.
Nun comunicado remitido aos medios, tal e como recolle Faro de Vigo, Faílde resalta que é unha decisión "persoal, voluntaria" e que a adopta "principalmente por responsabilidade cos 18 traballadores de Ricarsat S.L., que non merecen converterse en danos colaterais dunha estratexia política de clara orixe política e con evidentes intencionalidades políticas que está a ameazar a sustentabilidade do seu modo de vida".
Renuncia
Faílde adianta que esta semana presentará a súa renuncia como membro da executiva local do PP aínda que a súa "ideoloxía e compromiso persoal co proxecto político que está a defender o goberno" local seguirán intactos". "Négome a que se utilice a miña vida persoa ou a miña actividade empresarial de forma totalmente torticera, como arma para atacar e menoscabar a imaxe de ningún cargo do PP", apunta.
De feito, insiste en aludir ao informe da Secretaría municipal para defender a súa situación profesional no concello. "Vistas as filtracións políticas parciais e interesadas e as desinformacións divulgadas nas últimas datas, remítome ao informe da Secretaría municipal, que recoñece que a compatibilidade que solicitei en 2003 obtívena por silencio administrativo positivo e axústase á normativa aplicable aínda que fora o pleno o órgano que debera pechar o expediente".
Respecto da contratación pública de Ricarsat S.L. di que "é unha das escasas compañías existentes en Galicia especializadas na transformación de vehículos policiais e de emerxencias e na prestación de servizos e subministracións de equipamentos de telecomunicacións, electrónica e electricidade". Así, indica que adquiriu todas as súas participacións sociais en xaneiro de 2014, cando a firma atravesaba "profundas dificultades". Xa prestaba servizos "historicamente" ao Concello, á Xunta e a "outros moitos concellos de diferentes cores políticas". Por iso ve "sorprendente e totalmente demagóxico e finxido o actual alarmismo político dos representantes de Móvete, PSOE e BNG na Estrada "cando mesmo algún ou algunha deles recibiu servizos de Ricarsat S.L. como membro do goberno bipartito PSOE-BNG entre 2007 e 2011", actuando o propio Faílde actuaba de "comercial para a dita empresa".
Decisión difícil
Recoñece que lle "resulta particularmente difícil no plano persoal" ao ser "un punto e aparte nunha faceta profesional á que leva dedicado 22 anos da súa vida". Para el "é e sempre será un orgullo" estar " vinculado todos estes anos a Protección Civil da Estrada e de contribuír modestamente desde a miña responsabilidade como coordinador do servizo a convertelo nun referente no ámbito autonómico" -conta cun "cociente" superior ás 2.000 intervencións anuais- e "sobre todo, nun servizo querido e valorado polos veciños".
Agradece a "confianza e o apoio recibido desde o goberno local" e "a colaboración e axuda da maior parte dos compañeiros de Protección Civil". Rógalles "desculpas polos erros que poida cometer nesta etapa" e pídelles que "axuden" á persoa ou as persoas que "vaian asumir as tarefas de coordinación nun futuro" a fin de que o servizo "sexa cada día máis eficiente e dispoña de máis medios".
Interese público e privacidade
Por último, reclama, "sen cuestionar a liberdade de expresión e o dereito á crítica", a "determinados representantes políticos, xornalísticos (particularmente a Galicia Confidencial) e mesmo a cidadáns particulares que se expresan en redes sociais, o máximo respecto para o meu ámbito familiar e a miña privacidade". Non entende que achega informativamente unha foto do portal da súa casa nunha información e permanecerá "vixiante para evitar que a liberdade de expresión e o dereito á información da forma en que o exercen algúns menoscabe o meu dereito á honra, a intimidade persoal e familiar e á propia imaxe".
Este medio quere aclarar que a foto do portal foi publicada por ser o domicilio social de Emersafe, a empresa da súa muller, na que el é apoderado e que factura tanto ao concello da Estrada, como á Vicepresidencia da Xunta. E, obviamente, GC entende e comparte que se exprese o máximo respecto cara a súa persoa, o seu ámbito familiar e a súa privacidade a través das redes sociais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.