Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 14/07/2017 | Actualizada ás 08:00
O carballo anano (Quercus lusitanica Lam.) ten no Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) a súa última esperanza de salvación en Galicia. Nos laboratorios do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas, en Santiago de Compostela, levan anos traballando para garantir a supervivencia deste arbusto, incluído no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Os únicos exemplares en Galicia localízanse no Monte Pindo —que marca o punto máis setentrional desta especie—, onde o carballo anano logrou resistir o incendio que arrasou o Olimpo Celta en 2013. Agora, os científicos do CSIC presentan un protocolo para a micropropagación e conservación a curto prazo de Quercus lusitanica Lam., o cal abre unha nova vía á súa supervivencia.
Os investigadores do CSIC en Galicia presentan os seus resultados nun artigo na revista científica Trees titulado 'Biotechnological efforts for the propagation of Quercus lusitanica Lam., an endangered species'. Neste explican que "esta é a primeira vez que se presenta un protocolo simple para a micropropagación e conservación a curto prazo de Quercus lusitanica, unha especie endémica e en perigo de extinción que se atopa en hábitats moi restrinxidos da Península Ibérica e do Norte de África".
Este é o primeiro estudo que define un método simple para a micropropagación desta especie a través da proliferación de brotes axilares, utilizando un protocolo de enraizamento e aclimatación de alta frecuencia.
Os resultados, din os autores do estudo, "parecen indicar un bo potencial para a aplicación de técnicas de micropropagación no carballo anano de orixe madura", ofrecendo esta tecnoloxía desenvolvida en Galicia "excelentes oportunidades e ferramentas para a rápida reposición e conservación" desta especie na súa contorna natural, ademais de "proporcionar unha plataforma para profundar na investigación desta emblemática especie en perigo de extinción", salientan os científicos do CSIC.
A grande importancia botánica do Monte Pindo reside en boa parte na existencia dunha poboación única en Galicia e no norte da Península Ibérica de Quercus lusitanica. Outros exemplares atópanse no sur de Portugal, suroeste de Andalucía e norte de África. En 2013, o incendio que arrasou o Pindo puxo ao bordo da extinción o carballo anano en Galicia: o lume destruiu practicamente o 99 por cento dos exemplares que existían. Porén, sorprendentemente, o carballo anano logrou recuperarse.
LABOR FUNDAMENTAL DE CIENTÍFICOS, ECOLOXISTAS E VECIÑOS
Dende hai varios anos, esta especie conta co soporte científico do CSIC, afanado na súa conservación en Galicia, malia a insuficiencia de recursos e contar tan só cos seus propios medios, sen financiamento, pero coa colaboración de entidades como a Asociación Monte Pindo Parque Natural, como así recoñece o propio CSIC neste estudo que agora se presenta na revista Trees. Antes do incendio de 2013, os científicos do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas xa tentaran en dúas ocasións, sen éxito, acadar financiamento para crear un banco de xermoplasma para garantir a supervivencia futura do carballo anano no Monte Pindo. Pero o lume non esperou polos vagarosos trámites burocráticos. Porén, grazas á sorprendente recuperación desta especie tralo lume, e cando xa practicamente se daba por perdida a especie, puideron retomar o seu proxecto e agora empezan a obter resultados.
Por outro lado, os esforzos de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), en colaboración cos veciños de Carnota, comezou a dar os seus froitos en 2008, cando se solicitou a incorporación do carballo anano ao Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Esta iniciativa partiu dun intenso traballo de campo desenvolvido polo biólogo Martiño-Fiz López Lindoso para localizar as cepas, comprobar o seu estado e tentar delimitar a súa densidade e extensión real, que resultou ser maior á que se agardaba, tendo en conta que a poboación máis cercana está a uns 500 quilómetros de distancia cara ao sur. Finalmente, o 1 de xullo de 2011 a Consellería de Medio Rural aprobou incluír o Quercus lusitanica no Catálogo.
Todos a unha —científicos, ecoloxistas e veciños— e a Xunta a outra cousa, porque ademais teima en retrasar a necesaria declaración do Monte Pindo como Parque Natural, fundamental tamén para a protección do carballo anano. Teñen pasado xa máis de 2.500 días dende que se lle empezou a esixir á Xunta esta declaración. Unha longa espera que continúa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.