As cidades de Vigo e Brest, xemelgas climáticas

Científicos de Suíza e Países Baixos presentan os resultados dun estudo co enfoque dos xemelgos climáticos, que compara pares de urbes para as cales é apropiado asumir que o clima futuro dunha cidade 'A' (Brest) será significativamente similar ao clima actual doutra cidade 'B' (Vigo).

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 13/07/2017 | Actualizada ás 10:11

Comparte esta noticia

760 quilómetros en liña recta e 1.630 por estrada separan Vigo, no sur de Galicia, de Brest, na Bretaña francesa. Ambas as dúas cidades están gobernadas por alcaldes socialistas —Abel Caballero e François Cuillandre—, presumen dos seus portos e son parte de dous países con lazos culturais e cadanseu Finisterre. Agora, investigadores das universidades de Xenebra (Suíza) e Twente (Países Baixos) atoparon evidencias científicas de que estas dúas cidades serán xemelgas climáticas no futuro.

De arriba abaixo, as cidades de Vigo (Galicia) e Brest (Bretaña francesa)
De arriba abaixo, as cidades de Vigo (Galicia) e Brest (Bretaña francesa) | Fonte: Wikipedia.

Guillaume Rohat e Stéphane Goyette, do Instituto de Ciencias do Medio Ambiente de Xenebra, e Johannes Flacke, da Facultade de Ciencias da Xeo-Información e Observación da Terra en Enschede, presentan na revista Mitigation and Adaptation Strategies for Global Change (agosto 2017, volume 22, número 6, pp 929–945) os resultados do seu estudo 'Twin climate cities—an exploratory study of their potential use for awareness-raising and urban adaptation'.

Neste traballo explórase o uso potencial do enfoque dos xemelgos climáticos para o desenvolvemento de estratexias de adaptación ao cambio climático en áreas urbanas de todo o mundo. A idea das cidades xemelgas climáticas refírese a pares de urbes para as cales é apropiado asumir que o clima futuro dunha cidade 'A' será significativamente similar ao clima actual doutra cidade 'B'. No caso de Brest e Vigo, a primeira sería a cidade 'A' e a segunda, a 'B'.

Para establecer esas relacións, os investigadores propoñen un "método innovador e robusto de adaptación ao clima que sexa axeitado para vincular os climas actuais e futuros das cidades", explican.

En total, os científicos investigaron 100 urbes de 37 países europeos, das cales "70 teñen polo menos unha rexión de clima xemelgo e 39 teñen unha cidade de clima xemelgo", aportan os investigadores, que atoparon que destas 70 cidades, o promedio é de 10,3 xemelgos por urbe, cun máximo de 53 xemelgos climáticos no caso de Oslo (Noruega) e un mínimo de un no caso de Brest, que atopa en Vigo o seu xemelgo climático.

O estudo fíxose aplicando varias variables estatísticas e climáticas (temperatura, precipitacións, nevaradas e vento), e revelou, en xeral, unha similitude moi significativa para as variables de temperatura e os índices relacionados coa calor, pero unha similitude menos significativa para as variables de precipitacións. 

CONCIENCIAR SOBRE O CAMBIO CLIMÁTICO

O enfoque dos xemelgos climáticos parece ser "un mecanismo potencialmente eficaz para concienciar sobre o ritmo do cambio climático e para identificar doadamente os impactos e vulnerabilidades futuros asociados co cambio climático, así como políticas, infraestruturas e mellores prácticas que deberían ser implementadas nunha cidade co fin de facer fronte de maneira eficiente a futuros eventos de temperatura extrema", argúen os autores desta investigación. 

"Saber que o clima futuro dunha cidade será similar ao clima actual doutra cidade situada a varios miles de quilómetros cara ao sur (no caso de Europa) permite comprender mellor o ritmo e os próximos impactos do cambio climático", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Se Brest asume o clima de Vigo, daquela Vigo será coma Senegal ?

1 Xosé

Pois moi ben