Un proxecto eólico ameaza unha das últimas serras virxes da Costa da Morte

Salvemos Cabana presentará alegacións ao plan do parque eólico que proxecta na serra do Gontón unha filial de Gas Natural Fenosa.

Por Galicia Confidencial | Cabana de Bergantiños | 13/07/2017 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

Salvemos Cabana presentará alegacións ao plan do parque eólico Mouriños, que afecta aos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas e co que a antiga Renovables Aragón S.L.U., —agora Parque Eólico Mouriños S.L.— filial de Gas Natural Fenosa, pretende instalar na serra do Gontón, moi preto da liña costeira, unha rede de catro superxeneradores eólicos que alcanzan unha altura tope de 151 metros (equivalente a un rañaceos de 40 plantas) nas inmediacións da Rede Natura, "afectando de maneira irreparable á magnífica paisaxe do esteiro fluvial do río Anllóns e hipotecando sen remedio o futuro desenvolvemento turístico sustentable da área", alega a plataforma cidadá.

Comparativa da altura dos aeroxeneradores do parque eólico Mouriños coa Torre de Hércules
Comparativa da altura dos aeroxeneradores do parque eólico Mouriños coa Torre de Hércules | Fonte: Salvemos Cabana.

O proxecto, que lembra Salvemos Cabana, afecta os intereses de 234 propietarios, "supoñerá de facto a destrución dunha das últimas serras virxes da Costa da Morte, pois a propia empresa prevee na documentación presentada que se encontra en información pública a ocupación de ata 102.000 m² para a instalación de plataformas, xeradores, viarios e outros usos", denuncian.

O tramo superior da serra do Gontón, característico pola súa espectacular paisaxe e biodiversidade, é "un dos últimos paraísos naturais que quedan intactos na Costa da Morte e atesoura, no denominado Pico de Sinde, un dos miradoiros máis espectaculares de todo o noroeste da Península Ibérica", lembran dende a plataforma.

A área afectada atópase moi próxima ao esteiro do río Anllóns, á Zona de Especial Conservación (ZEC) Costa da Morte, á Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte Norte e a tan só 850 metros da Important Bird Area (IBA) Costa da Morte, atesourando ademais unha importante biodiversidade, pois se chegaron a rexistrar máis de 300 tipos distintos de aves.

"HIPOTECA PERMANENTE PARA O FUTURO DA COMARCA"

Zona afectada pola localización dun dos aeroxeneradores que se prendende instalar no parque eólico Mouriños
Zona afectada pola localización dun dos aeroxeneradores que se prendende instalar no parque eólico Mouriños | Fonte: Salvemos Cabana.

A instalación dun parque eólico de semellantes características é, para Salvemos Cabana, "claramente incompatible co futuro desta parte da Costa da Morte, actualmente centrado no desenvolvemento dun turismo de calidade coa paisaxe como principal valor engadido".

O proxecto prevé a instalación de catro superxeneradores eólicos de "dimensións absolutamente colosais (151 metros de altura máxima)", o que "case chega a triplicar a altura da Torre de Hércules na Coruña (57 metros) ou a superar en 30 metros á propia Torre Hercón na cidade herculina, que con 119 metros é o edificio máis alto de Galicia", comparan dende Salvemos Cabana.

O desenvolvemento deste proxecto supón para este plataforma cidadá a "activación do plan eólico proxectado na localidade de Laxe ao compartir infraestrutura eléctrica con futuros proxectos, e que este recuncho da Costa da Morte ata agora intacto perda a súa singularidade e atractivo".

Os denunciantes consideran que o desenvolvemento deste proxecto suporía unha "hipoteca permanente para o futuro da comarca".

PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS

Por todo isto, a plataforma só contempla a denominada "Opción Cero" ou de non realización, e a tal fin presentará alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental (EIA) que se atopa en información pública ata o próximo 4 de agosto, e que pode ser consultado nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio no edificio administrativo da Xunta de Galicia (c/ Vicente Ferrer, 2, A Coruña) e nos Concellos de Cabana de Bergantiños e Zas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta