O novo parque eólico na Costa da Morte ameaza unha ave protexida en perigo de extinción

Salvemos Cabana denuncia que o Parque Eólico Mouriños, de Gas Natural Fenosa, non só ameaza unha das últimas serras virxes da Costa da Morte, senón que tamén podería poñer en perigo especies tan vulnerables como a escribenta das canaveiras, en proceso de recuperación.

Por Galicia Confidencial | Cabana de Bergantiños | 17/07/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A plataforma ecoloxista Salvemos Cabana alertou do perigo que podería supoñer o novo proxecto eólico de Gas Natural Fenosa na Costa da Morte para a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), paxaro en perigo de extinción, incluído no Catálogo Galego de Especies ameazadas, para o que a Xunta puxo en marcha en 2013 un plan de recuperación. Esta é a segunda denuncia que fan os ecoloxistas sobre o Parque Eólico Mouriños, no municipio coruñés de Cabana, onde se instalará unha rede de catro xeradores eólicos de grandes dimensións que ameaza unha das últimas serras virxes da Costa da Morte.

Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus)
Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus) | Fonte: Wikimedia Commons.

Salvemos Cabana anunciou a pasada semana que presentará alegacións ao plan do Parque Eólico Mouriños, que afecta os concellos de Cabana de Bergantiños e Zas e co que a empresa Renovables Aragón S.L.U., filial de Gas Natural Fenosa, pretende instalar na serra do Gontón, moi preto da liña costeira, unha rede de catro superxeneradores eólicos que alcanzan unha altura tope de 151 metros (equivalente a un rañaceos de 40 plantas) nas inmediacións da Rede Natura, "afectando de maneira irreparable á magnífica paisaxe do esteiro fluvial do río Anllóns e hipotecando sen remedio o futuro desenvolvemento turístico sustentable da área", alega a plataforma cidadá.

Agora, os ecoloxistas tamén denuncian que esta instalación se atopa dentro da área de distribución potencial da escribenta das canaveiras, como así recoñece a propia Gas Natural Fenosa no seu informe de impacto ambiental. Aínda que a "zona crítica" desta ave se atopa no esteiro do río Anllóns —a algo máis dun quilómetro—, na contorna do proxecto eólico localízanse zonas húmidas como a de Esmorís e Fornelos — situadas a uns 1.700 e 2.400 metros respectivamente—, utilizadas ocasionalmente polas escribentas das canaveiras como zona de tránsito.

PLAN DE RECUPERACIÓN

Salvemos Cabana lembra que desde a década de 1970 as poboacións desta especie experimentaron un "notable descenso", tanto na contorna de humidais como en terras de cultivo, cuxa principal causa foi a alteración dos hábitats.

Debido a este declive, foi elaborado un plan de recuperación que ten por obxectivo garantir a conservación desta especie 'paseriforme' en estado silvestre, a través de medidas adecuadas que preserven as súas poboacións.

En 2013, a Xunta aprobou o Plan de recuperación da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L.subsp. lusitanica Steinbacher) en Galicia. Con este, o Goberno galego marcouse o reto de "inverter a tendencia demográfica regresiva" da escribenta das canaveiras en Galicia ata que se limite de forma significativa o seu risco de extinción "nun horizonte temporal de 20 anos" e se consiga a súa recuperación nas zonas de reprodución coñecidas que se perderon e unha poboación reprodutora superior a 112 parellas.

Ademais de concretar unhas normas de protección, se apostou pola colonización de humidais de reprodución da subespecie que se perderon —como a lagoa de Budiño ou o encoro de Cecebre—, crear un fondo documental de apoio á xestión e investigación deste tipo de ave e realizar un seguimento e avaliación das medidas adoptadas.

PARQUES EÓLICOS, UNHA AMEAZA PARA AS AVES

Salvemos Cabana lembra ademais un informe sobre a interacción entre a enerxía eólica e a vida salvaxe realizado polo Departamento de Enerxía de Estados Unidos, no que se indica que "as 'paseriformes' son as especies con máis problemas nos parques eólicos, e supoñen a gran maioría das vítimas nas instalacións modernas".

É por iso que a asociación ecoloxista denuncia que a empresa responsable do Parque Eólico Mouriños non realizase ningún estudo da poboación reprodutora da zona, algo que consideran "fundamental" á hora de considerar un proxecto industrial destas características. Realizar un seguimento exhaustivo da poboación reprodutora da zona permitiría avaliar a longo prazo cal é a súa tendencia, levando a cabo un estudo detallado para comprender cómo son os seus requirimentos de hábitats e cales son as súas áreas de alimentación durante os meses outonais e invernais, algo que, din, nin sequera foi contemplado pola empresa nin se inclúe na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) que se atopa en fase de alegacións.

A plataforma ecoloxista considera que "os parques eólicos son bos para Fenosa, pero para a paisaxe e a biodiversidade son un completo desastre se non se fan as cousas como se debe, o que por desgraza é norma a nivel galego". Tamén lembran casos semellantes, como o ocorrido en Tarifa (Cádiz), onde recentemente se denunciou a morte de catro voitres brancos, no que vai de ano, tras chocar contra aeroxeradores, suscitando as denuncias das ONG sobre o perigo que supoñen para a avifauna os parques eólicos que se concentran na costa.

ALEGACIÓNS

O proxecto prevé a instalación de catro superxeneradores eólicos de "dimensións absolutamente colosais (151 metros de altura máxima)", o que "case chega a triplicar a altura da Torre de Hércules na Coruña (57 metros) ou a superar en 30 metros á propia Torre Hercón na cidade herculina, que con 119 metros é o edificio máis alto de Galicia", comparan dende Salvemos Cabana.

O parque afecta os intereses de 234 propietarios e "supoñerá de facto a destrución dunha das últimas serras virxes da Costa da Morte, pois a propia empresa prevee na documentación presentada que se encontra en información pública a ocupación de ata 102.000 m² para a instalación de plataformas, xeradores, viarios e outros usos", denuncian dende Salvemos Cabana.

O tramo superior da serra do Gontón, característico pola súa espectacular paisaxe e biodiversidade, é "un dos últimos paraísos naturais que quedan intactos na Costa da Morte e atesoura, no denominado Pico de Sinde, un dos miradoiros máis espectaculares de todo o noroeste da Península Ibérica", lembran dende a plataforma.

A área afectada atópase moi próxima ao esteiro do río Anllóns, á Zona de Especial Conservación (ZEC) Costa da Morte, á Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte Norte e a tan só 850 metros da Important Bird Area (IBA) Costa da Morte, atesourando ademais unha importante biodiversidade, pois se chegaron a rexistrar máis de 300 tipos distintos de aves.

A plataforma Salvemos Cabana só contempla a denominada "Opción Cero" ou de non realización, e a tal fin presentará alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental (EIA) que se atopa en información pública ata o próximo 4 de agosto, e que pode ser consultado nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio no edificio administrativo da Xunta de Galicia (c/ Vicente Ferrer, 2, A Coruña) e nos Concellos de Cabana de Bergantiños e Zas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta