Un Stradivarius de 1696 para mellorar a formación dos violonchelistas galegos

O violonchelista Pablo Ferrández impartirá clases maxistrais en Vigo cun instrumento cedido pola Fundación Musical Nipona.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 17/07/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O violonchelista madrileño Pablo Ferrández, de orixe galega, impartirá clases maxistrais a mozos músicos o próximo 17 de agosto en Vigo. Esta iniciativa está promovida pola escola de música e aprendizaxes activas Bambera.

E, para iso, contará cun violoncelo Stradivarius de 1696 (só hai 1.000 repartidos por todo o mundo), cedido pola Fundación Musical Nipona, co que viaxa sempre e úsao tamén para impartir as súas clases. "É unha marabilla de instrumento e teño moita sorte de telo. Agás algúns países aos que non teño permitido levalo, é o meu chelo principal nestes momentos", indica.

Por unha banda, haberá clases activas, dirixidas a alumnos de grao superior de música, máster e posgrao, para os que hai un total de 8 prazas. Cada un deles traballará un determinado repertorio con Ferrández, que lles explicará, de maneira individual, como deben traballar as obras que seleccionaron para sacarlles o máximo partido. Para alumnos oíntes hai 32 prazas e, neste caso, non se esixe ningún requisito de idade nin de estudos e poden asistir a todas as clases. As inscricións, tanto de alumnos activos como oíntes, deberán realizarse a través da páxina web www.bambera.es.

Pablo Ferrández empezou a tocar o violoncelo con tan só tres anos e agora toca con orquestras de toda Europa, Asia e América.Foi nomeado Mellor Artista Novo do ano 2016 nos International Classical Music Awards, cuxo xurado está integrado por membros das revistas sobre música clásica máis importantes do mundo. E fixo historia sendo o primeiro español premiado no prestixioso XV International Tchaikovsky Competition de Moscova.

Nacido en Madrid en 1991, nunha familia de músicos -o seu pai é de Ferrol-, Pablo inicia os seus estudos musicais ao tres anos. Aos 13 ingresa na Escola Superior de Música Raíña Sofía, onde se lle premiou como o estudante máis destacado durante catro anos consecutivos. Continuou a súa formación en Alemaña e tocou coas mellores orquestras de Europa, América e Asia.

Pablo Ferrández cun violoncelo Stradivarius de 1696
Pablo Ferrández cun violoncelo Stradivarius de 1696

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta