Por X.M. Fernández | Monforte de Lemos | 28/07/2017 | Actualizada ás 09:20
Comezou a cuarta edición deste festival que se alongará ata o domingo e que intenta reunir os mellores traballos audiovisuais relacionados co cinema fantástico. Segundo contan os organizadores, Asociación Fancine de Lemos, este ano chegaron máis de 250 curtametraxes a concurso e só 24 foron as seleccionadas como finalistas e poden verse na Casa da Cultura Lois Pereiro ata o sábado a partir das 20.30 h. No mesmo horario pero en domingo poderán verse os traballos gañadores e a entrada para ver as curtas será de balde ata completar aforo.
Os gañadores coñeceranse na Gala de Clausura o sábado ás 22.30 h na Casa da Cultura. Tres serán os traballos gañadores; un primeiro premio do xurado á mellor curtametraxe nacional dotado con 800 €, un segundo premio escollido pola organización que valora a mellor curta galega e un terceiro premio que escolle o público. O importe económico para segundo e terceiro é de 200 €.
O xurado está composto por Borja Luna, actor da serie “Las chicas del Cable”, Iolanda Muíños, actriz galega de dilatada traxectoria e presenza en teatro e ficcións galegas, e Helena Gallego Abad, escritora de literatura fantástica.
Ademais das 24 curtas a concurso tamén se poderán ver catro longametraxes ao aire libre no Parque dos Condes e un ao remate do festival no Multicines Hollywood.
Como actividades complementarias destacan varias masterclass, exposicións permanentes, o desfile das Tropas Imperiais de Star Wars e un concurso de escaparates para establecementos monfortinos ambientados sobre a Guerra das Galaxias. O mellor recibirá 150 € de premio.
O Concello de Monforte complementa o financiamento do evento que vén en gran parte de inversores privados e venda de material do fancine.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.