As ondas de calor multiplicaranse por tres na Coruña a medida que avance o século

Científicos portugueses analizaron os futuros escenarios climáticos de 12 cidades da Península Ibérica. Predín que Barcelona será a urbe máis calorosa en 2100, mentres que cidades como Xixón e A Coruña estarán entre as máis tépedas, aínda que a frecuencia e os días de calor intenso aumentarán considerablemente en Galicia, até tres veces máis cós valores actuais.

Por Alberto Quian | A Coruña | 02/08/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Até tres veces máis na frecuencia e case catro veces máis na duración das ondas de calor. Ese é o escenario que terán que afrontar os habitantes da Coruña a finais deste século. O cambio climático mudará o clima da cidade herculina, até levala a situacións descoñecidas, cun aumento dos períodos de extrema calor e un descenso dos episodios de frío. Con todo, a cidade herculina será un paraíso climático se se compara o seu escenario co prognosticado para a maior parte da Península Ibérica, especialmente o interior, costa mediterránea e sur, onde os episodios de calor extrema serán de até 80 días nun só ano, como no caso de Barcelona, que mostra os valores máis altos, con até cinco ondas de calor ao ano. Eses 80 días de calor parecen deixar os 15 prognosticados para A Coruña case nunha anécdota. Pero o certo é que non o é. 

Cruceiros no Porto da Coruña
Cruceiros no Porto da Coruña

Un estudo climático realizado por científicos portugueses e coordinado polo Departamento de Física da Universidade de Aveiro conclúe que A Coruña pasará de 1,14 ondas de calor e 4,43 días de calor extrema ao ano (datos do período 1986–2005) a 2,14 episodios de calor extrema e 10,48 días ao ano entre 2046–2065. Pero o peor chegará a finais de século, con até tres ondas de calor en 15,62 días ao ano no período 2081–2100.

En canto aos períodos de frío, estes irán diminuíndo na cidade da Coruña, de xeito que no período 1986–2005 se rexistrou unha media de 1,10 ondas de frío e 4,48 días ao ano, para 2046–2065 estímase que caerán a 0,38 e 1,52 de media e para os anos 2081–2100 apenas exisitirán, cunha media de tan só 0,05 ondas de gran frío e 0,14 días ao ano.

A cidade herculina é a única galega analizada no estudo 'Heat wave and cold spell changes in Iberia for a future climate scenario', publicado no International Journal of Climatology, no que participaron tamén o Instituto Meteorolóxico e Hidrolóxico de Suecia e o investigador luso do Instituto Español de Oceanografía da Coruña, Martinho Marta-Almeida. As outras localidades das que se ofrecen datos son: Lisboa, Porto, Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Bragança, Beja, Xixón, Cáceres e Xerez.

Aínda que o cambio será moi significativo, o certo é que a cidade galega, xunto con Xixón, presenta os valores máis baixos no que se refire ás temperaturas máis altas, de xeito que galegos e asturianos terán menos períodos de calor extrema e menos intensos que o resto de cidades. De feito, as zonas onde menos subirán os termómetros serán os litorais atlántico e cantábrico.

Evolución do número de ondas de calor e de días de calor extremo calculados para doce cidades da Península Ibérica / Pereira, S. C., Marta-Almeida, M., Carvalho, A. C. and Rocha, A. (2017), Heat wave and cold spell changes in Iberia for a future climate scenario. Int. J. Climatol. doi:10.1002/joc.5158.
Evolución do número de ondas de calor e de días de calor extremo calculados para doce cidades da Península Ibérica / Pereira, S. C., Marta-Almeida, M., Carvalho, A. C. and Rocha, A. (2017), Heat wave and cold spell changes in Iberia for a future climate scenario. Int. J. Climatol. doi:10.1002/joc.5158.

UNHA MEDIA DE 40-50 DÍAS AO ANO DE CALOR EXTREMA

Os investigadores calculan que as ondas de calor afectarán a Península Ibérica durante unha media de 40 a 50 días ao ano, con picos de até 7,14 ondas de calor nun só ano en Xerez, aínda que será Barcelona a que sume máis días de calor extrema, con máis de 80 ao ano. De feito, os científicos portugueses prognostican que cara a fin de século Barcelona será a frixideira da Península Ibérica.

En España, cidades do interior como Madrid, Cáceres ou Sevilla veranse tamén moi afectadas pola calor. E en Portugal, as temperaturas máis intensas rexistraranse en Beja (sur) e Bragança (norte).

O escenario futuro, en xeral, é moi preocupante, xa que as ondas de calor serán moito máis frecuentes en toda a Península. No canto de haber unha, repetiranse ata 4 e 5 veces cada ano, sobre todo na época estival. Así o mostran as simulacións de clima feitas por estes investigadores con escenarios do Panel intergobernamental de expertos en cambio climático da ONU (IPCC).

Os expertos prevén que a temperatura global da Terra aumente entre 4 e 5 graos centígrados cara o 2100, valores que deixan case en ínfimo o aumento experimentado desde 1880 até os nosos días, período no que a temperatura subiu 1,1 graos.

Os científicos calculan que estas ondas de calor terán unha media de entre 40 e 45 graos, sendo cada vez máis habituais, aumentando os riscos de incendio, para o sistema de cultivos agrarios, pero tamén para saúde da xente, entre outros efectos.

AS CIDADES DE VIGO E BREST SERÁN XEMELGAS CLIMÁTICAS

Outra cidade galega citada nun estudo recente sobre o cambio climático é Vigo. Investigadores das universidades de Xenebra (Suíza) e Twente (Países Baixos) atoparon evidencias científicas de que a maior urbe de Galicia e Brest (Bretaña francesa) —disntanciadas por 760 quilómetros— serán cidades xemelgas climáticas no futuro.

Guillaume Rohat e Stéphane Goyette, do Instituto de Ciencias do Medio Ambiente de Xenebra, e Johannes Flacke, da Facultade de Ciencias da Xeo-Información e Observación da Terra en Enschede, presentaron na revista Mitigation and Adaptation Strategies for Global Change os resultados do seu estudo 'Twin climate cities—an exploratory study of their potential use for awareness-raising and urban adaptation'.

En total, os científicos investigaron 100 urbes de 37 países europeos, das cales "70 teñen polo menos unha rexión de clima xemelgo e 39 teñen unha cidade de clima xemelgo", aportan os investigadores, que atoparon que destas 70 cidades, o promedio é de 10,3 xemelgos por urbe, cun máximo de 53 xemelgos climáticos no caso de Oslo (Noruega) e un mínimo de un no caso de Brest, que atopa en Vigo o seu xemelgo climático.

GALICIA SALVARASE DAS ONDAS DE CALOR MORTAIS

O certo é que Galicia non escapará dos efectos do cambio climático na temperatura. De feito, todos os estudos relevantes publicados nos últimos tempos prognostican un aumento da temperatura media no país. Con todo, o noroeste da Península Ibérica será un refuxio ante as ondas de calor mortais que se agardan para finais do século XXI.

Investigadores da Universidade de Hawai presentaron recentemente un mapa interactivo que recolle as grandes ondas de calor acontecidas nas últimas décadas e as predicións para este século. Galicia non se atopa entre as zonas con máis riscos, pero si aporta dous dos casos máis destacados polos científicos nos últimos tempos.

O estudo, publicado recentemente en Nature Climate Change, estima que o 74% da poboación mundial estará exposta no ano 2100 a ondas de calor letais. O peor dos escenarios contemplados polos científicos é apocalíptico, xa que a finais deste século case toda África, Oceanía, sur de Asia, toda América Central e boa parte do sur, a metade este de Estados Unidos e toda a contorna mediterránea terán longos períodos de calor extrema que causarán miles de mortes. A zona tropical será a máis afectada.

Na Península Ibérica, o peor dos escenarios contémplase para a costa mediterránea e toda Andalucía, onde aínda que non é tan alarmante como o do trópico, os modelos realizados predín temperaturas e niveis de humidade que traspasarán nos meses de verán o límite no que estas condicións se volven mortais. O resto, incluída Galicia, quedarían libres desas ondas de calor habituais con consecuencias letais.

ASÍ CONTRIBÚE GALICIA AO EFECTO INVERNADOIRO E O CAMBIO CLIMÁTICO

A principios de xullo pasado, GC adiantou os resultados dunha investigación desenvolvida por investigadoras da Universidade de Santiago e do Environmental Life Cycle and Sustainability Assessment de Montpellier na que se detallan as emisións de CO2 en Galicia. En concreto, estimaron que o 88% da pegada de carbono das actividades de consumo corresponde aos galegos e o 12% restante, ao turismo, sendo a vivenda a principal fonte de emisións. Na produción, a electricidade e a fabricación de alimentos son os principais contribuidores de gases de efecto invernadoiro. En total, Galicia xera 17,8 millóns de toneladas de CO2 equivalente por consumo e 34,9 millóns por produción. Comparandos os datos con outros países, o informe conclúe que os galegos contaminan menos que australianos, estadounidenses, británicos, xaponeses ou noruegueses.

Os resultados deste traballo —o máis detallado feito sobre a pegada de carbono de Galicia— publicáronse recentemente na revista científica Journal of Environmental Management nun artigo titulado 'Determination of the carbon footprint of all Galician production and consumption activities: Lessons learnt and guidelines for policymakers'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 XanKaraLlás

O cambio climático é consecuencia da economía depredadora que pretende un crecemento sen límites e cagándose na ecoloxía e na saúde pública.

1 anonimo

Buscando desperadamente noticias para encher o vran.