Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 08/08/2017 | Actualizada ás 11:00
A problemática sobre os parques eólicos en Galicia polo seu impacto paisaxístico e ambiental está medrando como unha bola de neve nas últimas semanas. No foco da polémica están dous proxectos de Gas Natural Fenosa: o de Pena Forcada-Catasol II, en Laxe, e o de Mouriños, en Cabana de Bergantiños e Zas. Mentres o segundo está suscitando unha marea de reaccións no país contra esta instalación, que se atopa en fase de información pública e alegacións, o de Laxe atópase en fase de evaluación nos despachos de Bruxelas. O plan de Pena Forcada-Catasol II será analizado polo Parlamento e a Comisión europea, logo de que a Xunta de Galicia aprobase o documento ambiental do parque eólico, en contra do criterio das organizacións ecoloxistas.
Para a Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, responsable de levar este proxecto aos máximos órganos da Unión Europea, "non cabe dúbida de que Unión Fenosa é 'La niña de tus ojos' da Xunta de Galicia". A asociación lembra que o Goberno galego aprobou "nun tempo récord" a declaración de impacto ambiental do proxecto eólico de Laxe, "a pesar da forte oposición social" e, practicamente á par, "saca a información pública o proxecto de Mouriños, no municipio limítrofe de Cabana de Bergantiños".
Os ecoloxistas manexan a hipótese de que "a Xunta de Galicia trataría de reforzar a posición de Gas Natural Fenosa ante un hipotético mercado único europeo das enerxías renovables", polo que consideran que "a aprobación destes proxectos obedece a intereses puramente especulativos e de posicionamento nos mercados globais".
Recordan, ademais, que "a directiva relativa á conservación de aves silvestres estende os seus efectos ás zonas que están fóra das áreas de protección como é a área de ubicación do parque eólico de Laxe".
Por iso, "non se poden terxiversar as normas para favorecer o que aparenta ser unha 'trama eólica' máis que un proxecto dun parque eólico normal", alertan dende Petón do Lobo.
Estes son os motivos polos que Petón do Lobo trasladou ao Parlamento e Comisión europea este proxecto. Unha baza coa que avisa á Xunta que "non lle vai a ser fácil saírse coa súa". "Terá que lidar coas institucións europeas, que analizarán con lupa a incidencia dos parques proxectados sobre a Rede Natura e a Zona de Especial Protección de Aves", anuncian.
DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL "INSUFICIENTE"
Mediante a Resolución do 26 de xuño de 2017, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia publícou a Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático do 8 de xuño de 2017, relativa ao proxecto de parque eólico Pena Forcada-Catasol II, no municipio de Laxe (A Coruña), promovido pola sociedade Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U.
Petón do Lobo expón que o parque eólico proxectado atópase a 980 metros da zona especial de conservación (ZEC) Costa da Morte, que ostenta tamén a categoría de zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN) e que, cunha delimitación parcialmente coincidente cos espazos anteriores, constitúe unha zona de especial protección de aves (ZEPA) Costa da Morte (Norte). A paisaxe protexida Penedos de Pasarela e Traba atópase a 2.250 metros de distancia e a lagoa protexida de Traba a uns 1.590 metros.
A Directiva 2009/147/CE do Parlamento europeo e do Consello, do 30 de novembro de 2009, relativa á conservación dás aves silvestres contempla non só a creación de zonas de protección, senón que tamén se refire á obriga dos Estados membros de manter e ordenar de acordo cos imperativos ecolóxicos os hábitats que se atopen tanto no interior como no exterior das zonas de protección, e mesmo se refire á obriga de desenvolver novos biotopos. Como o parque eólico de Laxe non se atopa dentro da zona de protección de aves, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia limítase a establecer mostraxes durante a época de invernada e nos pasos migratorios prenupciais e otoñais debido ao corredor migratorio e á proximidade da lagoa de Traba, detallan dende Petón do Lobo.
Por todo isto, os ecoloxistas consideran que "a declaración de impacto ambiental do parque eólico Pena Forcada-Catasol II é claramente insuficiente en relación á protección das aves migratorias da zona de especial protección de aves".
Petón do Lobo tamén destaca que a área afectada se atopa moi próxima ao esteiro do río Anllóns, a Zona de Especial Conservación (ZEC) Costa da Morte, a zona de especial protección para as aves (ZEPA) Costa da Morte, e a poucos metros da Bird Area (IBA -Costa da Morte), que están "afectadas significativamente polo parque eólico cabanés de Mouriños", engade Petón do Lobo.
"Na Declaración de impacto ambiental non se tivo en conta a alteración de longa duración dos aeroxeradores na avifauna das zonas protexidas da Rede Natura, próxima ao parque eólico. Tan só se limitou a establecer medidas de seguimento (xa citadas), sobre a zona onde se sitúan os aeroxeradores", lamentan os ecoloxistas.
A declaración tampouco contempla as "medidas previstas para previr, reducir e, na medida do posible, corrixir calquera efecto negativo relevante no medio ambiente da aplicación do proxecto eólico sobre a Rede Natura próxima ao mesmo, tomando en consideración o cambio climático".
"MATADOIRO DE AVES SILVESTRES"
Para Petón de Lobo, ao respecto, "non se establecen medidas suficientes para previr e minimizar os impactos significativos dos aeroxeradores sobre as zonas de especial protección da Rede Natura e das zonas de especial protección de aves (ZEPA) Costa da Morte, xa que o parque eólico está situado na zona inmediatamente adxacente ás zonas protexidas".
Os ecoloxistas aseguran que o proxecto eólico conta cun "gran rexeitamento social" na comarca porque, precisamente, "ameaza con converterse nun futuro matadoiro de aves silvestres pola súa proximidade a espazos de Rede Natura e Zona de Especial Conservación de Aves, espazos de nidificación, crianza e corredores de aves silvestres".
"A preservación, o mantemento ou o restablecemento dunha diversidade e dunha superficie suficiente de hábitats son indispensables para a conservación de todas as especies de aves. Determinadas especies de aves deben ser obxecto de medidas de conservación especiais con respecto ao seu hábitat co fin de asegurar a súa supervivencia e a súa reprodución dentro da súa área de distribución. Ditas medidas deben, así mesmo, ter en conta as especies migratorias e estar coordinadas con miras ao establecemento dunha rede coherente", consella Petón do Lobo.
ALTERNATIVAS
A asociación Petón do Lobo cre que non se consideraron "suficientemente" as alternativas aos novos proxectos, como a repotenciación dos parques eólicos máis antigos ou a revisión do plan sectorial eólico co fin de que "precise máis a delimitación das áreas de aproveitamento eólico, tendo en conta criterios paisaxísticos na planificación das mesmas", piden os ecoloxistas.
"A proximidade á Zona de Especial Conservación (ZEC) Costa da Morte- á zona de especial protección para as aves (ZEPA) -Costa da Morte e a poucos metros da Bird Area (IBA-Costa da Morte) ameazan con converter este parque nun temible matadoiro de avifauna. O mesmo ocorre co proxecto eólico de Mouriños, na serra do Gontón", conclúen os tamén coordinadores do Manifesto de Laxe contra este proxecto eólico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.