Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 22/08/2017 | Actualizada ás 08:00
O sur de Galicia é a zona do Estado con maior incidencia de lumes forestais. É nesta área, nas provincias de Pontevedra e Ourense, onde en 37 anos —entre 1974 e 2010— se rexistrou unha maior densidade de incendios e máis hectáreas calcinadas. Un recente estudo do Centro de Investigación Forestal CIFOR-INIA (Ministerio de Economía, Industria y Competitividad) contabilizou o número de incendios en todo o territorio español durante este período, distribuídos nun mapa de cuadrículas de 10x10 quilómetros. Nesa distribución de todos os lumes, o sur de Galicia é a única área que presenta máis de 500 incendios en practicamente todas as cuadrículas.
Antonio Vázquez de la Cueva, científico do Centro de Investigación Forestal, é o autor deste amplo informe titulado “Incendios forestales en la España peninsular (1974-2010). Análisis temporal y espacial desde una perspectiva ecológica”. Nel, describe:
"O número de incendios rexistrado por cuadrícula presentou unha distribución moi desigual no territorio analizado. Destaca de maneira clara o noroeste peninsular e especialmente o sur de Galicia, onde se rexistraron máis de 500 incendios en practicamente todas as cuadrículas das provincias de Pontevedra e Ourense. No norte peninsular destacan tamén pola alta incidencia de incendios certas zonas dos Montes de León e a vertente norte da Cordilleira Cantábrica. No interior sobresae a vertente sur do Sistema Central cun foco importante na Serra de Gredos e outro ao redor da Serra de Gata".
Estas son as áreas onde se rexistrou unha maior incidencia de incendios forestais en catro décadas. Pero tamén destacan zonas da costa mediterránea e do sur. Vázquez de la Cueva achega:
"Na costa do Mediterráneo destacan certas zonas da contorna de Barcelona e o límite provincial entre Alacante e Valencia. No sur sobresae por unha banda a Serra de Ronda e outras zonas costeiras das provincias de Málaga e Cádiz e, doutra banda, algúns puntos da provincia de Huelva".
Galicia é a autonomía máis afectada, con 1.609.348 hectáreas queimadas, equivalentes ao 54,4 por cento do total do territorio galego, que é de 29.575 quilómetros cadrados.
As cuadrículas con máis de 500 incendios que afectaron a superficie arborizada restrínxense a zonas de Galicia, en concreto, as Rías Baixas. Por outro lado, as cuadrículas con máis de 500 lumes en superficie non arborizada presentaron unha distribución máis ampla e distribúense por todo o noroeste peninsular e zonas do Sistema Central. Os incendios con superficie non forestal queimada foron tamén numerosos, especialmente tamén no noroeste.
En relación á superficie forestal queimada, no noroeste peninsular delimítase máis claramente a maior incidencia no sur de Galicia e o oeste das provincias de León e Zamora, mentres que na Cordilleira Cantábrica os núcleos de incidencia alta limitáronse á parte oeste.
Máis detalladamente, as cuadrículas con máis de 5.000 hectáreas de superficie arborizada queimada concéntranse en áreas como a provincia de Pontevedra, nas Serras de Gata e Hurdes no oeste de Cáceres, diversos puntos de Andalucía e numerosas áreas no levante peninsular.
O estudo tamén subliña que a superficie forestal non arborizada resultou, en xeral, máis afectada no oeste e identifícanse tamén áreas con numerosas cuadrículas con máis de 5.000 hectáreas queimadas en Zamora (Sanabria, Sierra da Culebra) e León (Bierzo, Ancares). Ao longo da costa mediterránea tamén existen áreas cunha elevada incidencia do lume.
1.6 MILLÓNS DE HECTÁREAS QUEIMADAS EN GALICIA
O estudo aporta datos de superficie forestal queimada por provincias, contabilizando todos os incendios nos que arderon unha ou máis hectáreas. Galicia é a autonomía máis afectada, cun total de1.609.348 hectáreas calcinadas, isto é, o 20 por cento do total no Estado. Esta cifra equivale a 16.093 kilómetros cadrados, é dicir, o 54,4 por cento da superficie total do territorio galego, que é de 29.575 quilómetros cadrados.
Galicia, Zamora e León suman 2.837.359 hectáreas queimadas, o 45 por cento do total da superficie calcinada no Estado e equivalente a practicamente todo o territorio galego.
A segunda autonomía con máis superficie arrasada é Castela e León, que suma 1.228.011 de hectáreas, sendo as provincias máis noroccidentais, fronteirizas con Galicia, as máis afectadas: León, con 500.321 hectáreas arrasadas, e Zamora, con 312.291, sumando ambas as dúas o 66 por cento da superficie total queimada nesta autonomía. Isto fai da zona noroccidental delimitada por Galicia, Zamora e León, a área máis arrasada, cun total de 2.837.359 hectáreas queimadas, nada menos que o 45 por cento do total da superficie forestal calcinada no Estado. Esta cifra equivale a 28.373 quilómetros cadrados, é dicir, practicamente Galicia enteira.
Dos 1,6 millóns de hectáreas queimadas en Galicia, 538.966 son da provincia de Ourense, a máis danada por superficie afectada; máis, por exemplo, que toda Asturias, que suma 429.603 hectáreas calcinadas.
Galicia é, ademais, a autonomía con máis superficie arborizada queimada —o 27 por cento do total no Estado—, con 644.769 hectáreas, máis do dobre que a segunda, a Comunidade Valenciá, onde foron arrasadas 311.681 hectáreas.
CASE A METADE DOS INCENDIOS DO ESTADO
Con 52.173 incendios rexistrados entre 1974 e 2010, Ourense é a provincia en todo o Estado co maior número de casos, seguida por Pontevedra, con 50.010. A terceira é A Coruña, onde se rexistraron 43.976 lumes. Moitos menos se contabilizaron na provincia de Lugo, en concreto, 28.454; con todo, sitúase no quinto posto, por detrás de Asturias, cuarta zona máis afectada por número de casos, con 35.157.
As catro provincias galegas suman 174.613 incendios forestais no tempo analizado, o que equivale ao 45,2 por cento do total de casos rexistrados en todo o Estado.
GRANDES INCENDIOS
O informe distingue, entre os grandes incendios forestais, con ≥500 hectáreas de superficie forestal queimada, e os moi grandes, con ≥ 1.500 hectáreas de superficie forestal e/ou ≥ 750 hectáreas de superficie arborizada queimada. Entre estes, o valor más elevado (161) no conxunto do Estado, se acadou no ano 1985.
Os núcleos máis afectados por grandes incendios localízanse na metade sur de Galicia e oeste de Zamora, na parte occidental do Sistema Central e no litoral mediterráneo.
Os grandes incendios foron responsables durante o período 1974-2010 dun 39% da superficie forestal queimada e dun 49% da arborizada. De media afectaron a unhas 66.000 hectáreas anuais, destacando os anos 1978, 1985 e, sobre todo, 1994 con máis de 300.000 hectáreas queimadas.
Os moi grandes, pola súa parte, queimaron unhas 43.000 hectáreas anuais, sendo responsables do 27% da superficie forestal e dun 40% da arborizada no período 1974-2012. Destacan os anos 1985, 1994 e 2012 (que se sitúa como o terceiro), con máis de 100.000 hectáreas de superficie forestal queimada nestes incendios.
Nos mapas de distribución dos incendios máis grandes rexistrados entre 1974-2012, un total de 525, os núcleos máis afectados localízanse na metade sur de Galicia e oeste de Zamora, na parte occidental do Sistema Central (Sierra de Gata e As Hurdes) e no litoral mediterráneo (desde o norte de Alacante a Xirona onde destaca o Cabo de Creus). Outras zonas relevantes localízanse ao longo de Sierra Morena (norte de Huelva e Xaén) e outras serras do litoral andaluz (como a Serra de Ronda, Serra Bermeja e Serra da Almijara). En relación á superficie forestal queimada, destaca especialmente a costa mediterránea con numerosas cuadrículas con máis de 15.000 hectáreas relacionadas en moitos casos cos grandes incendios de 1994.
A superficie arborizada queimada mostra tamén o contraste, pola magnitude dos incendios, entre a costa mediterránea e o interior e oeste da península no que, agás excepcións como o incendio de Guadalaxara (xullo de 2005), Huelva (xullo de 2004) e outros rexistrados no oeste de Zamora e o Sistema Central, non se chega ás magnitudes dos rexistrados nas serras circundantes á costa mediterránea.
Por outra banda, nos 1.726 grandes incendios rexistrados no Estado entre 1974-2010, os valores máis altos (con 10 lumes ou máis na mesma cuadrícula) rexistráronse na comarca de Sanabria (Zamora) e Serra Morena (norte de Xaén). En relación á superficie queimada por estes incendios volve destacar o levante peninsular, aínda que se destaca que en numerosas comarcas do oeste estes lumes afectaron tamén a cantidades significativas de superficie.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.