Por Manuel Vilas | A Coruña | 18/08/2017 | Actualizada ás 08:00
A Fundación Changing Markets publicou este verán un duro informe sobre o impacto ambiental da industria téxtil. “Algunhas das marcas de moda máis importantes no mundo, incluíndo a sueca H&M e a española Inditex/Zara, están a mercar viscosa procedente de fábricas moi contaminantes”, di a nota de prensa que resume o detallado informe titulado “Moda sucia”.
GC cuestionou a Inditex sobre este documento. A empresa de Amancio Ortega relativiza o seu protagonismo, afirma que deu xa pasos para solventar a cuestión e presume de ser a industria téxtil máis transparente do sector.
Aumento dos casos de cancro
Con todo, a galega é canda H&M, a máis sinalada polas crítcas da ONG: “H&M merca directamente de sete das industrias contaminantes investigadas e Zara/Inditex de catro delas”, salienta a nota de prensa de resume. Changing Markets admite que estas dúas compañías e outras marcas xa se comprometeron a usar fórmulas máis sustentábeis, pero denuncia que a día de hoxe “a produción de viscosa non se controla, recibindo escasa supervisión por parte dos comercializadores”.
As malas prácticas ambientais dos produtores teñen consecuencias directas na saúde dos veciños. De acordo ao informe, hai "evidencias claras de que os fabricantes de viscosa están evacuando augas sen tratar, que contamina lagos e ríos locais". Esta contaminación é sospeitosa de "estar detrás dunha suba da mortaldade por cáncer e de feito algunhas familias locais pararon de beber auga das zonas afectadas polas fábricas por medo ao efecto na súa saúde, especialmente entre os nenos".
Inditex dá explicacións
En conversa con GC, dende Inditex explícase que en 2014 botaron a andar unha iniciativa, bautizada Canopy, canda outro cento de marcas, para “atopar as vías máis ecoeficientes na fabricación de viscosa” e protexer os bosques en perigo. A industria de Arteixo asegura que se está a vixiar aos 10 grandes produtores de viscosa para garantir “que todas as fontes de materia prima proveñen de madeira sostible certificada a través de Rain Forest Alliance e que usan procesos sostibles na súa cadea de produción”.
A industria téxtil explica que os “seus provedores deben cumprir con estes requirimentos”. Tamén promete que antes de 2018 publicará o listado deses provedores e se están a cumprir cos controis establecidos a través de Canopy. A cuestión é que de acordo a “Moda suxa”, ningún dos seus provedores asiáticos están a cumprir.
A ONG admite que a viscosa por si mesa non ten porque ser unha mala opción, agora ben, todo depende de como se produza. “Como unha fibra de orixe vexetal, a viscosa é a miúdo presentada aos consumidores como unha alternativa verde; pero este informe mostra que a viscosa nos mercados hoxe en día está producida a través de procesos con moitos químicos”, argumenta.
Aplausos por certa transparencia de Inditex
Changing Markets aplaude a Inditex, e tamén a H&M, por seren transparente ao proporcionar información sobre os provedores, en China e na India. As fábricas chinesas serían a Nanjing NCFC, Fulida, Sateri, Shandong Helong, Shandong Yamei, Xinxiang Bailu, Jiangsu Xiangsheng, Aoyan Technology e o proveedor indio Aditya Birla.
Máis transparente que moitas competidoras, pero non de todo, dado que “Inditex proporcionou unha lista dos provedores e onde están baseados, pero non especificou cales das súas fábricas producen para eles”.
A ONG tamén admite que Inditex está a aumentar moito o uso de fibras sostibles, especialmente unha chamada Lyocell, da que é o maior consumidor no mundo.
Silencio mediático total nas grandes cabeceiras galegas
O citado documento acaparou bastante atención a nivel internacional, fíxose eco por exemplo BBC World News. O resto de medios británicos importantes (por exemplo The Guardian e The Independent) tamén informaron sobre o tema.
No Estado Español, os grandes medios non lle deron difusión algunha. A penas houbo algunha mención nalgunhas cabeceiras da Internet, como Público, ou portais, como Yahoo.
En Galicia, país onde naceu Inditex e onde mantén a súa base de operacións, ningún dos grandes medios de comunicación abordou o informe até o de agora.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.