Por Xurxo Salgado | Portugal | 13/09/2017 | Actualizada ás 08:00
Dúas das grandes empresas galegas de transformación de peixe, a Marfrio e a Atunlo, decidiron deixar as súas inversións en Galicia e marchar a Portugal. Investirán seis millóns de euros nunha fábrica en Vila Nova de Cerveira. Un paso que dan a pesar de que a Xunta ten visitado as dúas factorías e ten destacado a súa importancia na economía galega. Os sindicatos lusos critican que as empresas galegas marchan a portugal polos baixos salarios e a "precariedade".
Baixo o nome de Central Lomera Portuguesa, a factoría entrará en funcionamento en marzo de 2018. A nova planta de transformación de atún do grupo Marfrío -un dos principais procesadores e comercializadores de produtos ultraconxeados do mar en Europa- e Antunlo -sociedade cun volume de negocio próximo aos cen millóns de euros- xerará un total de 200 postos de traballo.
As futuras instalacións estarán no Parque Empresarial de Fulão xa que, segundo o alcalde de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, esta localidade "é unha referencia para investir e crear postos de traballo" pola súa localización estratéxica como porta de saída ao Atlántico.
"Cos dous polos industriais xa en lote e perante o interese de potenciais novos investidores, o municipio estabeleceu, en 2016, un protocolo de cooperación coa Construciones Gradin - entidade propietaria do parque empresarial do Fulão e tamén galega - para unir esforzos na promoción e flexibilización das cerca de 40 hectáreas dispoñíbeis", explicou o rexedor portugués.
Marfrío en Antunlo non son as únicas empresas galegas que decidiron cruzar o río Miño. Neste mesmo parque empresarial hai 40 empresas, o 90% delas de capital galego, e dan emprego a 3.600 traballadores.
Atunlo, con base loxística en Vigo, dá emprego en Galicia a 600 persoas e a 300 en Cabo Verde, onde ten unha factoría desde o ano 2014. Marfrío, inaugurada en Pontevedra en 1985, conta con tres factorías e dá emprego a 350 persoas.
Referentes para a Xunta
Curiosamente, estas empresas marchan a Portugal logo de ser postas como referentes por parte da Xunta. O presidente galego visitaba hai uns anos a factoria de Marfío en Marín, acompañado de la conselleira do Mar, Rosa Quintana.
Nesa xuntanza, o presidente galego destacaba que "o traballo desta compañía é fundamental para requilibrar o balance entre o que importamos e o que exportamos". "O feito de que máis 150 familias de forma directa e outras tantas indirectamente vivan deste traballo é unha mensaxe cargada de optimismo e confianza", matizaba.
Pouco despois, en 2016 era a conselleira do Mar, Rosa Quintana,a que participaba na presentación das novas instalacións do Grupo Atunlo, situadas en Beiramar, en Vigo. Alí adiantaba que a Consellería do Mar investiría 100 millóns de euros na modernización e innovación tecnolóxica da industria transformadora e comercializadora de produtos do mar ata o ano 2020, a través de subvencións ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).
Tamén felicitaba ao Grupo Atunlo pola posta en servizo das novas instalacións e da nova imaxe corporativa coas que “reforza a consolidación dun grupo empresarial referente en Galicia, en España e no mundo dentro do sector da transformación de produtos do mar”. Nesta liña fixo fincapé na expansión e crecemento da empresa que dende a súa constitución “buscou alianzas e participación que permitiran unha maior eficiencia e valor engadido nos seus produtos”, dixo.
Na procura de baixos salarios
Esta fuga de empresas galegas ten unha explicación. Para os sindicatos portugueses Uniâo Geral dos Trabalhadores (UGT) e Confederaçâo Geral dos Trabalhadores Portugueses (CGTP) trátase de deslocalizacións de empresas que abandonan Galicia en busca de "salarios baixos" e condicións laborais "máis precarias", e non polos incentivos fiscais ou o prezo do solo industrial.
"A deslocalización é en busca de salarios baixos e precarios. Ese é o problema. Hoxe trasládanse empresas de Galicia a Portugal, pero mañá haberá outra deslocalización, de Galicia e Portugal cara a Europa do Leste", advertiu Armenio Carlos, secretario xeral da CGTP nunha recente conferencia de prensa. Lamentou que esas denuncias de competencia desleal serven para "xustificar a incapacidade" das administracións para atraerse ás multinacionais.
Pola súa banda, o responsable de UGT-Portugal, Carlos Silva, recoñeceu que as medidas das empresas, o Goberno luso e, sobre todo, dos dirixentes locais (autarcas) teñen "gran impacto" e xeraron un crecemento do investimento de empresas estranxeiras."Non valoro se iso é dubidosa legalidade, iso depende das autoridades, pero as empresas non poden investir nun país sen cumprir as regras dese país", sinalou.
Pola súa banda, o secretario xeral de UXT-Galicia, José Antonio Gómez, ten advertido de que o problema da deslocalización suxire un "debate trampa", e que "a Xunta debería dicir algo". "Ten que analizar por que Portugal ten axudas e velar por un sistema de formación que está paralizado. A Xunta tense que pór as pilas e non botar a culpa a outros, que igual teñen feitos os deberes", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.