Por Galicia Confidencial | Brasil | 21/09/2017 | Actualizada ás 11:14
Experiencias como a Eurocidade Chaves-Verín, a comisaría conxunta de Policía de Tui, as políticas de infraestruturas ou os programas culturais ou deportivos do Eixo Atlántico foron presentados na conferencia inaugural do Observatorio de Fronteiras Brasil-Uruguai, no marco da reunión do Comité Binacional de Fronteira de Intendentes e Prefeitos que está a ter lugar estes días na poboación uruguaia de Rivera.
Neste foro, Xoán Vázquez Mao expuxo a cooperación como unha estratexia de desenvolvemento para os territorios de fronteira en base á experiencia e ao modelo desenvolvido polo Eixo Atlántico durante os seus 25 anos de experiencia. A sesión foi presentada polos alcaldes de Rivera (Uruguai) e Santana do Livramento (Brasil).
A experiencia galega abriu á delegación brasileira todo un abanico de posibilidades e expectativas que poderían servir de inspiración para as actuacións a desenvolver nas súas fronteiras. “O traballo mantido durante estes anos tradúcese en novas pautas de actuación que poderían ser viabilizadas e financiadas polos programas de cooperación que a Comisión Europea está a impulsar en América Latina e onde as políticas de cooperación transfronteiriza son un dos eixos centrais”, apuntan desde o Eixo.
A aprobación da Axenda Urbana e o debate que se celebrou en Braga en xuño deste ano xunto a celebración do 25 aniversario do Eixo Atlántico foron algúns dos elementos determinantes para a invitación ao secretario xeral do Eixo Atlántico e sobre os que os alcaldes do Observatorio de Fronteiras mostraron un maior interese.
Desde o punto de vista da Eurorrexión o Eixo Atlántico pretende impulsar un Foro Transatlántico de Cooperación entre autoridades locais (coa participación do sector empresarial e a Universidade) que aproveite as oportunidades que abre o financiamento da Comisión Europea e impulse acordos en materia de comercio, educación, cultura, turismo e política ambiental e de innovación, onde os intereses das cidades de Galicia e do norte de Portugal estean representados.
Encontros
Durante a súa estancia entre Rivera e Santana do Livramento o secretario xeral do Eixo mantivo reunións con dirixentes de entidades uruguaias E brasileiras, tanto da Asociación de Intendentes como a Organización dos Prefeitos do Estado de Rio Grande do Sur (Brasil), con quen se estableceu un calendario de traballo que se iniciará o próximo ano coa organización dun Foro Transatlántico de Cooperación Transfronteiriza Municipal.
Con carácter previo ao seu desprazamento a Uruguai Vázquez Mao mantivo unha reunión en Bos aires co secretario xeral de Fronteiras de Arxentina, Luís Green e con Ramón Ortellado, secretario xeral de Bripam (bloque rexional de intendentes, prefeitos e alcaldes de Mercosur), unha entidade que integra a máis de 600 representantes de cidades e poboacións que conforman as zonas de fronteira entre países de Mercosur e especialmente a fronteira de Uruguai, Paraguai, Arxentina e Brasil.
Nesta reunión tamén se analizou un posible calendario de actuacións conxuntas enmarcadas nas políticas que a Comisión Europea vai financiar en América Latina, onde o Eixo Atlántico pode achegar unha asistencia técnica de gran valor engadido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.