Por ENGALIZA | GC ABERTO | 26/09/2017
Entendemos que a opinión pública espera das forzas políticas estatais actitudes de compromiso da oposición parlamentaria co interese xeral do estado, por enriba de conveniencias políticas partidistas. Existe unha xerarquía de valores e intereses que son percibidos pola cidadanía coma patrimonio común da sociedade política, e tales intereses e valores priman sobre calquera comportamento oportunista de carácter partidario. O mantemento da unidade territorial do Estado, a conservación da soberanía do pobo na súa integridade colectiva como suxeito activo protagonista das decisión vertebrais da comunidade política constituída en organización estatal.
A elaboración e reforma da Constitución, en canto conxunto ordenado de dereitos e deberes dos cidadáns así como as competencias e límites das comunidades autónomas no exercicio dos seus dereitos recoñecidos, son principios discutidos e aceptados polas forzas parlamentares. Estes principios teñen vixencia e carácter imperativo no seu cumprimento ate que a propia comunidade, nun momento histórico preciso, decida engadir, suprimir ou modificar a orde das prioridades constitucionais. Este respeto común o acordado expresa a lealdade constitucional, premisa incuestionable da convivencia pacífica dentro dunha orde política democrática. O dereito de secesión non está contemplado na Constitución. Digamos que formalmente nun Estado unitario non procede a expresión dese dereito, pois aínda que descentralizado, non e misión do Estado favorecer a súa propia mutilación territorial pola vía do recoñecemento do dereito de secesión das súas nacionalidades constitutivas. Pola contra, as identidades son recoñecidas e favorecida a súa aspiración ao autogoberno, pero, está expresamente excluída a federación das autonomías (artg.145), tentación política que conduciría a unha confrontación por parte dalgunhas delas co poder central do Estado. Tanto a historia de España, así como a de outras nacións europeas (Francia, Italia, Inglaterra, o Alemaña), teñen padecido unha experiencia secular para frear a expansión dos seus respectivos nacionalismos fracionais internos, e afirmar a organización estatal unitaria dentro das súas fronteiras. A natureza histórica do Estado abunda na necesidade de protección para garantir a súa vocación de permanencia. Non se pode acusar a unha Constitución de antidemocrática, ni a un Estado de autoritario, por afirmar a súa autoconservación, porque a existencia do estado e condición indispensábel para a protección dos dereitos individuais dos cidadáns. Non hai dereitos garantidos onde non existe un Estado.
O primeiro deber do estado, e o de afirmar a súa propia existencia. Os partidos políticos constitucionalistas alumbraron no ano 1978 un modelo de estado que se procuraba compatible co recoñecemento das identidades diferenciadas de nacionalidades e rexións, pero advertidos os constituíntes pola nosa historia común limitaron a deriva separatista para evitar a desintegración territorial e política de España (artgs. 1,145,155). Non semella actitude responsable atribuír ao goberno a responsabilidade da situación en Cataluña, cando as forzas políticas catalanistas promoven a secesión do territorio e loitan pola instalación de facto dun novo Estado.
As acusacións de indolencia política e falta de diálogo son eufemismos para non recoñecer que os independentistas non aceptan outro diálogo que non sexa a separación do estado. Con seguridade prefiren unha separación branda e indolora, pero non aceptan compensacións, nin reformas, nin promesas. Non se arredran as institucións catalanas de autogoberno ante o desafío que implica ignorar a Constitución. Rachan o pacto constitucional, proclaman a desconexión do estado e declaran cinicamente que padecemos a férula dun estado autoritario nunha democracia devaluada e corrupta. Conservar o Estado que apelamos España, é opción que defendemos unha maioría de españois que votamos a Constitución e que a súa defensa, aínda que deber fundamental do goberno, atínxenos a todos. Apoiar ao goberno pois, non pode considerarse políticamente incorrecto, pola contra tal actitude expresa o compromiso das forzas políticas e dos cidadáns coa lei que nos demos en democracia.
*Miguel Barros é militante de Compromiso por Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.