A megamina de Cobre San Rafael: os mesmos técnicos e as mesmas promesas que en Corcoesto

Profesores das tres universidades galegas que asinaron informes favorables á mina de ouro na comarca de Bergantiños, cancelada pola Xunta por carecer de solvencia "financeira e técnica", rubrican agora a documentación técnica presentada para o tamén polémico proxecto mineiro que se pretende desenvolver nos municipios de Touro e O Pino.

Por Galicia Confidencial | Touro | 26/09/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A polémica megamina a ceo aberto que se pretende explotar nos municipios de Touro e O Pino ten moitas semellanzas co frustrado proxecto de Corcoesto. O máis chamativo é que algúns dos técnicos encargados da documentación do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental da concesión San Rafael son os mesmos que se encargaron dos informes a prol da mina de ouro que pretendía explotar en Cabana de Bergantiños a empresa canadense Edgwater. Pero as coincidencias non rematan aí. Ao igual que en Corcoesto, a empresa mineira promete tamén aos veciños de Touro e O Pino a creación duns 1.400 postos de traballo. Os responsables destes informes son profesores das tres universidades galegas.

Mina en Touro.
Mina en Touro.

QUEN SON?

Na documentación que puido consultar GC sobre o proxecto de Cobre San Rafael S.L. aparecen nomes vinculados á proposta de explotación da mina de ouro de Corcoesto, como o o catedrático da Universidade de Vigo Javier Taboada Castro, cuxo grupo na Escola de Minas asinara un acordo coa empresa Edgewater para asesorala no cumprimento das medidas correctoras e protectoras fixadas pola Xunta para a mina en Cabana de Bergantiños. Os ecoloxistas xa denunciaran daquela, no ano 2013, que Taboada, xunto co seu colega Jordi Delgado, catedrático da Universidade da Coruña, participara nunha visita a Bruxelas apoiada polo lobby Euromines, xunto co xerente de Mineira de Corcoesto-Edgewater, Lluis Boixet, o seu director de Medio Ambiente, Francisco Ruiz, e o alcalde de Cabana, José Muiño, co obxectivo de "vender" o proxecto como "de grande interese para a zona" como "fonte de creación de emprego e alternativa á crise do rural". 

Javier Taboada aparece na documentación do Proxecto Touro de Cobre San Rafael S.L. como responsable do Estudo de Caracterización do Medio Físico e do Estudo de Impacto e Integración Paisaxística.

Pero Taboada non é o único que repite. Precisamente o nome de Jordi Delgado Martín tamén aparece na documentación do Proxecto Touro como responsable do Estudo Hidrolóxido e Hidroxeolóxico, xunto co tamén profesor da Universidade da Coruña Ricardo Juncosa Rivera.

Máis nomes que se repiten: o de Felipe Macías Vázquez, catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago, e o de Aureliano García González-Llanos, economista e profesor tamén na USC.

Tamén contratado por Edgewater, Macías chegou a afirmar no seu día que era "posible” a compatibilidade da explotación mineira de Corcoesto “co mantemento da calidade ambiental“ e defendeu tamén que “a comunidade científica avala a rehabilitación da mina de Touro“. O certo é que a restauración da mina de Touro, abandonada na década dos anos oitenta do pasado século, foi presentada en 2010 por Felipe Macías como "exemplo de restauración do medioambiente", malia as verteduras perceptibles a simple vista que chegan aos afluentes do río Ulla, como se ten demostrado. Macías liderara o proxecto experimental desenvolvido por Tratamientos Ecológicos del Noroeste S.L. (TEN) na zona como un espazo para o estudo e demostración académica dos procesos de restauración de augas e solos, pero non se chegou a contemplar unha restauración integral da contorna polo seu elevado custo.

Macías é unha das figuras máis polémicas vinculadas a estes proxectos, xa que se lle ten acusado de ter intereses propios nestes, tanto pola súa parte como pola do seu fillo,  Felipe Macías García, quen foi precisamente técnico de laboratorio e I+D+I na empresa Tratamientos Ecológicos del Noroeste S.L. e director técnico do Centro de Valorización Ambiental del Norte, S.L.

Un documento asinado por Macías co título "Datos para a corrección dos problemas de contaminación potencial derivados das labouras da mina de Corcoesto“ deixaba patente en 2013 a incorporación e apoio incondicional deste profesor ao proxecto.

Na documentación do novo proxecto megamineiro de Cobre San Rafael S.L. Macías aparece como o responsable das Medidas Experimentais de Medio Natural.

No que respecta a Aureliano García, foi o responsable dun estudo sobre o impacto económico que a mina de Corcoesto causaría na zona, defendendo a súa viabilidade, aínda que por un curto prazo de tempo, estimando en 187 millóns de euros ese impacto económico no primeiro ano de actividade. Ao igual que nos casos anteriores, Aureliano García asinou o informe positivo por encargo da empresa mineira responsable do proxecto, o que tamén cuestiona obxectivamente a súa independencia. Segundo aquel informe, a mina de Corcoesto sería unha "grande oportunidade" para a comarca de Bergantiños, xa que contribuiría a paliar o problema do paro e a sangría demográfica actual.

Aureliano García aparece na documentación do Proxecto Touro como o responsable do Estudo socieconómico, xunto cos tamén profesores da Universidade de Santiago Alfonso Herías García e Melchor Fernández Fernández.

As coincidencias non rematan nos nomes dos responsables da documentación técnica. Resulta que malia ser proxectos totalmente distintos, en comarcas distintas e cunha dimensión distinta, sobre un material distinto (ouro en un, cobre no outro), os técnicos da Universidade de Santiago de Compostela contratados pola empresa encargada do Proxecto Touro volven prometer aos veciños exactamente o mesmo número de postos de traballo que os que publicitaran con Edgewater para Corcoesto: 1.400 empregos.

Cabe salientar, por último, que a Xunta de Galicia cancelou defintivamente o proxecto da mina de ouro en Corcoesto aducindo que a explotación da multinacional Edgewater carecía de solvencia "financeira e técnica", cuestionando así o labor deses mesmos expertos que agora asinan a documentación técnica do Proxecto Touro, cuxa fase de alegacións remata a finais deste mes.

UN PROXECTO CUESTIONADO POR ECOLOXISTAS, EN MAREA E BNG

Logo de que se dese a coñecer o proxecto de reapertura da explotación mineira para a extración de cobre, organizacións ecoloxistas como Salvemos Cabana e Adega, ademais de partidos políticos como En Marea e BNG veñen denunciando as eivas medioambientais deste plan, no que detrás se atopa a multinacional chipriota Atalaya Mining, responsable da mina de Río Tinto en Huelva.

Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) mesmo sinalou intereses chineses nesta operación para abastecer o mercado asiático, cunha gran demanda de cobre.

"Dáse a circunstancia que, ao igual que acontece co seixo en Mesía, o capital para o proxecto pódese rastrexar até China. Así, Atalaya Mining, a empresa chipriota que case monopoliza a explotación do cobre no Estado, e que pretende facerse co 100% de Cobre San Rafael SL -se a Xunta autoriza a explotación- está participada por Yanggu Xiangguang Copper Co. Ltd (case o 22%)", advertiron os ecoloxistas.

Salvemos Cabana e En Marea tamén teñen alertado de que este proxecto é un bo exemplo de como o Goberno do PP pretende "vender a cachos e a prezo de saldo" Galicia a empresas multinacionais, mediante a súa proposición de Lei de fomento da implantación empresarial, que xa recibiu numerosas críticas, incluída a da Sociedade Galega de Historia Natural, que a cualificou de "indecente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Lois G.

Para empezar o que non se entende é que catedráticos de universidades galega dedíquense a proxectos de consultoría para empresas, supostamente moi ben pagos. Non teñen os señores catedráticos dedicación exclusiva para ensino e investigación? Como permite a Xunta este tipo de irregularidades?

1 xilgaro

este é un asunto de compatibilidade concedido ou non pola universidade. cuestión distinta é o papelon de cientificos, catedráticos e investigadores galegos que se venden vergoñentamente ás multinacionais depredadoras de recursos.Por certo, se a zona é tan saludable é a mina so vai trager beneficios,ofrecemos a esstes "craneos privilegiados" uns terreiños con vistas á mina para que dando exemplo se empadronen en touro ou no Pino.

2 xilgaro

este é un asunto de compatibilidade concedido ou non pola universidade. cuestión distinta é o papelon de cientificos, catedráticos e investigadores galegos que se venden vergoñentamente ás multinacionais depredadoras de recursos.Por certo, se a zona é tan saludable é a mina so vai trager beneficios,ofrecemos a esstes "craneos privilegiados" uns terreiños con vistas á mina para que dando exemplo se empadronen en touro ou no Pino.