Galicia só acolleu o 13% dos refuxados comprometidos desde 2015

Este martes remata o prazo dado pola UE para acoller o cupo de refuxiados e a Galicia só chegaron 159. Onde están e cantos son os refuxiados acollidos no País?. GC fai unha radiografía da súa situación.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/09/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Desde que comezou o Plan Europeo de Reasentamentos e Reubicacións de refuxiados en zonas de conflito, aprobada pola UE logo da crise humanitaria provocada pola guerra de Siria, chegaron a Galicia un total de 159 persoas, un 13% do total previsto, preto de 1.200 refuxiados. Un número ridículo que ten provocado xa o inicio de mobilizacións para que se cumpran os compromisos acordados.

Un home observa o aramado que arrodea o campo de refuxiados de Idomeni
Un home observa o aramado que arrodea o campo de refuxiados de Idomeni | Fonte: Miguel Núñez.

Este martes, 26 de setembro, remata a data para cumprir coa cota de acollida de 17.337 refuxiados  marcado pola UE para España. Pero, polo momento son menos de 2.000 os que chegaron, polo que o Estado non vai cumprir co seu compromiso. Durante o 2016 tan só chegaron a Galicia 88 dos 1.600 refuxiados previstos. Unhas cifras ridículas que tamén se repitan noutras partes do Estado. 

Dificultades

Este ano a Galicia chegaron 28 persoas. A propia Xunta asume que esa cifra é “escasa” e que non se está a cumplir co plan previsto de acollida. De feito, desde a Consellería de Asuntos Sociais recoñecen a dificultade de coñecer o número exacto de persoas que chegan a Galicia. "Non podemos dar una cifra de previsións de acollemento posto que é o Ministerio o que se encarga da distribución das persoas que chegan a España e  a Xunta de Galicia da coordinación e posta a disposición dos recursos que precisen unha vez en Galicia”, engaden as fontes consultadas por GC.

“A última chegada que nos foi comunicada é a dunha familia siria de catro membros que viña para o Barco de  Valdeorras  (Ourense ) o 4 de setembro de 2017”, indican. Precisamente, o país maioritario de procedencia é Siria, pero tamén hai outras nacionalidades relevantes como Venezuela,  Honduras e Ucrania.

O sorriso desta nena refuxiada en Idomeni desafía a tristura do muro de arame que a priva dunha vida segura en Europa
O sorriso desta nena refuxiada en Idomeni desafía a tristura do muro de arame que a priva dunha vida segura en Europa | Fonte: Miguel Núñez.

Como son os refuxiados que chegan?

Segundo os datos dos que dispón a Xunta, as últimas chegadas son todas de familias comprendidas na franxa de idade entre 18 e 64 anos  con dous ou tres menores a cargo,  varios deles con idades entre 0-3 anos.  Estas persoas están a ser atendidas por Cruz Roja e por Accem, principalmente na Coruña, pero tamén en Vigo, Vilagarcía, Sarria , Vilamartín  e o Barco de Valdeorras.

Foi en 2015 cando o Goberno español e distintas institucións de todo o Estado se comprometeron a recibir un cupo de refuxiados. Galicia ofreceuse entón ao Goberno central para acoller a un mínimo de 1.198 persoas fuxidas das guerras.

Nese momento, o Executivo Feijoo e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) elaboraron unha listaxe de recursos para acoller a estes refuxiadosñ Nesa listaxe figuraba con 300 prazas a propia Xunta; a Deputación da Coruña, con 150; a de Lugo, con 30; e, con 718, os de 39 concellos: 13 coruñeses, 10 lucenses, outros tantos ourensáns e 6 pontevedreses. Entre os concellos, as maiores peticións realizaron foron os da Coruña (150), Narón (67), Lalín (46) e Riós (40).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta