Por Xurxo Salgado | Vigo | 27/09/2017 | Actualizada ás 14:00
“Tiven que ir a Portugal desde Lugo para mercar un medicamento fundamental para tratar a miña irmá”. Deste xeito expresaba un lector do GC as súas queixas ante a falla de Trangorex, un antirrítmico moi utilizado e receitado por médicos e cardiólogos para as persoas que sofren de doencia cardíaca.
Tras investigar esta queixa, GC contactou con numerosos pacientes que corroboraron esta denuncia e mesmo suliñaron que era imposible atopalo na maior parte das farmacias galegas. “Teñen Trangorex?”, preguntou este medio en ata tres farmacias distintas de Santiago e Vigo. “Non este medicamento non o temos e xa veu moita xente a preguntar por el”, indicou unha das farmacéuticas. “Nós levamos máis de 15 días sen el”, indicou outra. “Xa pedimos que nolo manden pero todo son evasivas. A ver se a final desta semana o temos”, apuntou unha terceira.
De feito, algunhas das farmacias recomendan ir a Portugal a mercalo ante o desabastecemento xeral que sofre Galicia. Fontes médicas consultadas suliñan que o problema é do fabricante que quere rematar cos stocks, pero critican que a Xunta non sexa “máis taxativa” con este tipo de práticas “monopolísticas”.
A Xunta di que xa avisou á AEMPS
En declaracións a GC, a Xunta suliña que o Servizo Galego de Saúde puxo en coñecemento da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) unha incidencia co subministro do medicamento Trangorex a comezos de setembro. A AEMPS, insiste Sanidade, é o organismo estatal dependente do Ministerio de Sanidade que “é a responsable de garantir aos cidadáns que os medicamentos comercializados en España cumpran cos criterios de calidade, seguridade, efectividade e continuidade no subministro”.
En resposta á comunicación do Sergas, o 14 de setembro a AEMPS informou oficialmente sobre un problema de subministro do fármaco Trangorex 200 mg, 30 comprimidos, indicando que por parte do laboratorio fabricante “se estaba realizando unha distribución controlada das unidades dispoñibles en stock para garantir a cobertura das urxencias que se producisen e as necesidades do mercado ata o restablecemento do subministro”.
A Xunta suliña que, ante o continuado desabastecemento, o Sergas volveuse a dirixir á AEMPS os días 14 e 20 de setembro para indicar que as cantidades que se estaban subministrando a Galicia non eran suficientes. Pola súa banda, o día 22 de setembro a AEMPS realizou un novo comunicado no que facilitaba un número de teléfono para atender peticións urxentes das oficinas de farmacias por parte do laboratorio, información que foi difundida a todos os centros asistenciais e oficinas de farmacia de Galicia.
O medicamento
Trangorex pertence a un grupo de medicamentos coñecidos como axentes antiarrítmicos (utilizados para controlar o ritmo cardíaco rápido ou irregular). O seu uso está indicado para taquiarritmias asociadas coa síndrome de Wolff-Parkinson-White, fibrilación e flutter auricular e todos os tipos de taquiarritmias de natureza paroxística incluíndo: taquicardias supraventricular, nodal e ventricular, fibrilación ventricular.
O fabricante
O Grupo Sanofi, fabricante do trangorex, é un dos maiores grupos farmacéuticos no ámbito da saúde. Na súa web suliña que “ten como máxima prioridade protexer a saúde, mellorar a calidade de vida e responder as necesidades terapéuticas da poboación mundial”.
A súa sede central atópase en París e está presente en 100 países, repartidos no cinco continentes con máis de 110.000 empregados en todo o mundo, 107 fábricas e máis de 20 centros de I+D en América do Norte, Asia e Europa. Ten unha carteira de produtos diversificada, entre medicamentos, produtos de consumo sanitario, xenéricos, saúde animal e vacinas. “Ademais, Sanofi aposta pola investigación e a innovación científica, da man de socios estratéxicos, para poder cubrir con éxito as necesidades terapéuticas dos pacientes, tanto no presente como no futuro”, suiña.
En 2014, o Grupo presentou unha cifra de vendas de 33.770 millóns de euros. Desde 2010, a compañía cotiza na bolsa de París (EURONEXT: SAN) e na bolsa de Nova York (NYSE: SNY), contando cunha das maiores capitalizaciones bolsistas da capital francesa. O Grupo Sanofi é o cuarto grupo farmacéutico máis grande a nivel mundial e o segundo en Europa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.