SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2017 | Actualizada ás 14:52 por EUROPA PRESS
En Marea rexistrou un total de 123 enmendas á proposición de lei de fomento da actividade empresarial en Galicia, un texto normativo que só servirá, ao seu xuízo, para "legalizar os roubos e o espolio" das grandes empresas.
Diso deu conta en rolda de prensa o viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, quen incidiu en que esta norma pretende ser "a coartada para legalizar a depredación" do noso territorio por parte de grandes compañías.
"É unha infame concesión colonial que entrega ás multinacionais a ganancia mentres deixa os impactos medioambientais en Galicia", enfatizou Sánchez, dende o convencimiento de que esta forma de lexislar é "propia de ladróns de luva branca".
É por isto que, pese a que "previsiblemente" o PP pasará "o rolo" e non aceptará as súas propostas, a formación rupturista enmendou o proxecto legal para "rectificar" a "desprotección" do patrimonio cultural e medioambiental.
Tamén pretende que non se recorte o tempo de exposición pública nas expropiacións, mentres pon o foco na necesidade de apostar polas renovables e de que se prime a pequena produción.
"Temos alternativas", recalcou o tamén líder de Anova, sen deixar de facer fincapé na necesidade de regular adecuadamente o eólico, para que deixe máis beneficios públicos, e a minería, para controlar os seus impactos e que a reconstrución unha vez finalizada a extracción non corra a cargo do erario público.
"CORRUPCIÓN LEGALIZADA"
Fronte a ese "modelo colonial" que propugna o PP, Antón Sánchez apelou á movilización cidadá para frear este texto, que constitúe unha "evidencia" de que existe a "corrupción legalizada".
Tras indicar que xa se creou unha plataforma contra "a depredación de Galicia", con sindicatos e asociacións agrarias e ecologistas, pediu aos concellos que "se movan tamén" nese sentido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.