Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/10/2017 | Actualizada ás 08:00
Cobre San Rafael S.L. é a empresa sinalada como responsable da polémica megamina a ceo aberto que se pretende reabrir nos municipios de Touro e O Pino, na área de influencia de Santiago de Compostela. Porén, tras este proxecto hai toda unha armazón empresarial que nos leva dende Galicia até Chipre, e mesmo China.
En realidade, e como sinala a plataforma contraMINAcción, Cobre San Rafael S.L. só é "a punta do iceberg dunha escura armazón empresarial" na que estarían os dereitos mineiros na zona que tiveron anteriormente Explotaciones Gallegas e Minas Metálicas del Noroeste, que se unificaron en Explotaciones Gallegas del Cobre SL, pero tamén multinacionais estranxeiras como a chipriota Atalaya Mining, participada ademais por un importante capital chinés como xa detallara Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) .
"Este ocultamento da verdadeira identidade dos inversores que queren explotar a mina de San Rafael favorecería a elusión de responsabilidades diante do inevitable impacto socioeconómico e medioambiental da actividade mineira na zona", denuncian dende contraMINAcción.
O certo é que, como puido comprobar este xornal e denuncia contraMINAcción, da lectura dos documentos non é posible formar unha imaxe clara das empresas responsábeis e participantes neste proxecto mineiro. Na documentación, por exemplo, indícase por unha parte que "a principios del año 2012 Explotaciones Gallegas y Minas Metálicas del Noroeste llegaron a un acuerdo para unificar los derechos mineros contiguos que poseían en la zona; creando una nueva empresa denominada Explotaciones Gallegas de Cobre S.L.”. E dise: "En la actualidad, Explotaciones Gallegas del Cobre S.L. es el propietario de los derechos mineros.”
GC comprobou que Explotaciones Gallegas de Cobre S.L. é unha sociedade limitada con sede social en Salamanca e cun capital social de apenas 3.010 euros, dedicada á extración de minerais e cuxo último depósito de contas remóntase ao ano 2013. Segundo contraMINAcción, os datos do Censo Catastral Mineiro de Galicia, a concesión AC/C/02946 SAN RAFAEL non sería da titularidade de Explotaciones Gallegas de Cobre S.L. —como indica o proxecto de explotación de marzo de 2017—, senón de Explotaciones Gallegas S.L., empresas distintas, aínda que de nome similar. Esta segunda empresa ten sede en O Castelo (A Coruña) e dedícase á construción de estradas e autoestradas. A Consellería de Medio Ambiente abriu precisamente a esta última dous expedientes ante as sospeitas de que no antigo xacemento mineiro de Touro se depositaron residuos non autorizados que poden poñer en perigo a calidade da augas subterráneas da zona, que chegan á canle do Ulla a través dos afluentes Brandelos e Lañas, cuxos niveis de contaminación xa son moi elevados debido ao impacto negativo que tivo a extracción de cobre ata finais da década dos oitenta pasada.
Pola súa parte, Minas Metálicas del Noroeste S.L. cun capital social de 15.050 euros e con sede en Oleiros, non consta como titular de ningunha concesión de explotación, pero si dalgún dos permisos de investigación contiguos a este proxecto, indica contraMINAcción.
Tanto esta empresa como Explotaciones Gallegas de Cobre S.L. teñen en común os administradores Joaquín Eulalio Ruiz Mora e José Manuel Corbal Debén, enxeñeiros anterioremente responsábeis da empresa en liquidación Incremento Grupo Inversor S.L., que tentou explotar de xeito fracasado as minas de San Finx (Lousame) e Varilongo (Santa Comba), despois de que se lle adxudicasen case dous millóns de euros en subsidios públicos.
"A Xunta de Galicia, e en particular a administración de minas e hidráulica, é consciente dos problemas ambientais e legais asociados á actuación destas empresas noutras minas, polo que o seu papel neste proxecto debe clarificarse", din dende a plataforma contraMINAcción.
Mesmo así, no mesmo Proxecto de Explotación de marzo de 2017 indícase, separadamente, que: “El promotor de la actualización del proyecto de explotación de la mina de Touro (A Coruña) es Cobre San Rafael S.L, con CIF B-70491121, domiciliada en Touro.” Por súa vez, “Cobre San Rafael representa a la empresa Francisco Gómez y Cía. S.L. que es una empresa de continuidad familiar que trabaja con medios propios y ejecuta todo tipo de obras”, detallan dende contraMINAcción. Esta empresa ten sede en Touro.
Se no Proxecto de Explotación se diferenciaba a titularidade dos dereitos mineiros da promoción do proxecto, que recaerían en sociedades distintas, no Estudo de Impacto Ambiental redactado igualmente en marzo de 2017, e que acompaña o anterior proxecto de explotación, indícase que “La sociedad Explotaciones Gallegas del Cobre S.L. es el propietario de los derechos mineros hasta marzo 2017. Con fecha marzo de 2017 se efectúa la transmisión de derechos mineros de Explotaciones Gallegas a Cobre San Rafael S.L, pasando ésta a ser el promotor de la actualización del proyecto vigente”.
Por isto, contraMINAcción considera que "non é comprensíbel como en documentos datados no mesmo mes e presentados para un mesmo procedemento se poden afirmar extremos opostos nalgo tan básico como a titularidade (e por tanto responsabilidade) sobre o proxecto".
Para esta rede contra a minaría destrutiva en Galicia é evidente que "non queda claro no proxecto cal é a relación entre Cobre San Rafael S.L. e Explotaciones Gallegas de Cobre SL", presentada en parte da documentación como propietaria dos dereitos mineiros en cuestión.
Tamén denuncian que tampouco se inclúe entre a documentación a resolución pola que se aproba a transmisión dos dereitos mineiros, e os condicionantes impostos á que se supón nova concesionaria.
"As referidas empresas apenas parecen ter en común á administradora Eva Gómez Portela, que tamén o é do Centro de Valorización Ambiental del Norte SL, responsábel por diversas actuacións realizadas na última década na zona degradada pola mina de Touro", sinalan dende esta plataforma.
Esta última empresa é participada tamén por Felipe Macías Vázquez (administrador mancomunado), que asina o documento “Medidas Experimentais de Medio Natural” que acompaña o Estudo de Impacto Ambiental do proxecto mineiro, aínda que o asina na súa condición de Catedrático da Universidade de Santiago, a pesar dos indicios de conflito de intereses. De feito, GC xa detallou como este e outros profesores das tres universidades galegas teñen intereses neste proxecto e foron tamén promotores da frustrada megamina de ouro en Corcoesto.
A plataforma contraMINAcción subliña que tampouco se explica o papel da empresa chipriota Atalaya Mining ou os víncullos con Río Narcea Nickel e as restantes titulares doutros dereitos mineiros contiguos que se refiren. En febreiro de 2017, Atalaya Mining anunciou que exercería a opción de compra para adquirir o 10% do capital social de Cobre San Rafael S.L., subsidiaria de Explotaciones Gallegas S.L., parte do Grupo F. GOMEZ. Un acordo para, segundo a propia empresa, adquirir finalmente o 80% de Cobre San Rafael S.L. "Isto é, existe a previsión de que sexa Atalaya Mining, e non a referida «empresa de continuidad familiar» a que acabe asumindo a práctica totalidade do proxecto", advirten dende contraMINAcción.
Atalaya Mining é responsable da mina de Río Tinto en Huelva e está participada por Yanggu Xiangguang Copper Co. Ltd, con case o 22% do capital. China sería, canda India, o principal mercado a abastecer pola mina que se pretende explotar en Touro e O Pino.
RESPONSABILIDADES EMPRESARIAIS
Un proxecto destas características, apuntan dende contraMINAcción, debería "deixar meridianamente claras as responsabilidades empresariais" sobre o mesmo, as "garantías ambientais" e as "responsabilidades que puideran derivarse de accidentes ou desastres antes ou despois dunha eventual operación".
Este tecido de empresas vinculadas dun xeito ou doutro a este proxecto mineiro, sendo unhas titulares dos dereitos mineiros (supostamente e en contradicción co propio Censo Catastral Mineiro), outras promotoras da actualización do proxecto de explotación, e outras aínda sen un papel específico, esperan dúbidas entre a veciñanza, plataformas ecoloxistas e partidos políticos sobre a asunción de responsabilidades, "especialmente tendo en conta os antecedentes e vinculacións dalgunhas das empresas", comentan dende contraMINAcción nas súas alegacións presentadas a este proxecto.
"Que relación gardan Minas Metálicas del Noroeste SL e Explotaciones Gallegas de Cobre SL co proxecto?". "Se estas dúas empresas non son titulares de ningunha concesión de explotación, cal é o seu papel? Que relación gardan con este proxecto os permisos de investigación colindantes ou próximos que manteñen estas dúas empresas, en particular os AC/C/7115, 7116, 7119, 7144, así como os 7167, 7168 e 7169 de Río Narcea Nickel, empresa igualmente vinculada aos anteriores promotores? Cales son as implicacións do “acuerdo para unificar los derechos mineros contiguos que poseían en la zona” ao que se refire a documentación do proxecto de Touro? Representa isto unha tentativa de fragmentación de proxectos, téndose como horizonte unha explotación masiva en toda a comarca?", pregúntanse na rede contra a minaría destrutiva en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.