“As empresas que hai que apoiar son as pequenas e as locais”

En menos dunha semana, máis de 13.000 persoas asinaron contra a Proposición de Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais en Galicia en change.org. Falamos cos promotores da mobilización, os activistas de Contraminacción, que este venres se concentraron diante do Parlamento, sobre as próximas mobilizacións e o impacto que este texto terá en proxectos como a mina de Touro e a eucaliptización do monte.

Por M.V. | Santiago de Compostela | 06/10/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

No seu manifesto argumentan que non existe demanda social nin política para facilitaren os trámites a instalación de industrias con impacto no medio ambiente. Sen embargo, o Goberno pode alegar que así fomentarase a creación de postos de traballo e, ao fin e ao cabo, o paro é problema que máis preocupa a cidadanía, convertendo a Galicia nunha "terra de oportunidades" ...

Membros da plataforma contraMINAcción, tras presentar no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia alegacións ao proxecto mineiro de cobre en Touro e O Pino.
Membros da plataforma contraMINAcción, tras presentar no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia alegacións ao proxecto mineiro de cobre en Touro e O Pino.

Nada, tampouco os postos de traballo,  pode xustificar que se intenten saltar os trámites que nos dan unha mínima garantía de que as cousas non se van facer dun xeito irregular e con danos ao noso medio. Pero ademais, á hora de botar as contas, cómpre calcular cantos postos de traballo se van destruír a longo prazo coa entrada desta lei, se esas garantías desaparecen e poñemos a terra nas mans dos especuladores. Sectores como o mineiro , un dos piares desta lei,  achegan postos de traballo de curta duración e moitos deles moi especializados , postos para os que moitas veces as empresas xa teñen persoal adxudicado que vén de fóra . Por contra, a actividade destes sectores ten graves consecuencias sobre sectores como o agrícola, gandeiro e mariñeiro, que proporcionan postos de traballo estables e duradeiros. A contaminación xerada pola actividade mineira provoca graves afeccións nas augas que se utilizan para o gando e o rego, nos nosos ríos e tamén nas nosas rías, que, coa súa riqueza e biodiversidade, son non só a nosa despensa, senón tamén unha importante fonte de postos de traballo. Contabilízanse estas perdas cando se fala de activación da economía? Gustaríanos recordar o ocorrido coa piscifactoría de Pescanova que se instalou en Portugal. Supostamente ía ser unha fonte de postos de traballo para moito tempo. En poucos anos, esa piscifactoría está pechada, e a compañía con varios millóns de perdas. É o que pasa cando se xestiona a economía desde a especulación. Para activar a economía a longo prazo cómpre apostar por actividades sustentables e impulsar os nosos sectores produtivos. Pensamos que é necesario mirar un pouco máis aló do curto prazo. E ver, por exemplo, como moitos lugares que foron mineiros, hoxe son pobos abandonados. Galiza é xa unha terra de oportunidades. Que se poñan a xestionalas a xeito. Permitir que se destrúa o rural non é o camiño, xa que é a maior riqueza que temos. As iniciativas empresariais que cómpre apoiar son as pequenas e locais, as que de verdade están interesadas en manter con vida o tecido social galego. O mellor teatro enche as salas e bares de Carballo

 

Por que cren que o Goberno saca esta Lei agora? Quen pensan que é o principal beneficiado? 

Concentración contra la ley de fomento empresarial
Concentración contra la ley de fomento empresarial

Os principais beneficiados son os lobbies da minaría, dos eólicos e das pasteiras. Resulta obvio que se trata dunha lei escrita ao ditado por eles. 

Que semellanzas ten co TTIP?

Niso é no que se semella ao TTIP: en que favorece os intereses das grandes empresas, esquecendo absolutamente o ben común. Para iso, o que fan e chamarlle utilidade pública aos intereses privados de lucro. Para iso cambian a lexislación, recortando os nosos dereitos ambientais e de participación pública.

Que consecuencias prácticas tería a nova norma na aprobación de proxectos mineiros. Por exemplo, Corcoesto, con esta lei, tería sido posible? Eetá a tempo a afectar a reapertura da mina de cobre de Touro?

A primeira, que se reducen os prazos para que os órganos competentes emitan os seus informes. Onde antes eran dous meses, agora é un. Calquera informe emitido fóra dese prazo non será tido en conta. Cal é a consecuencia? Que os órganos competentes, que xa antes tiñan dificultades para emitir os seus informes dun xeito minimamente garantista,  agora non van ter tempo nin para empezar a analizar a situación, e menos para emitir informe ningún.

O obxecto de todo isto non é senón blindar o departamento de minas, impedindo que outros departamentos fagan a pertinente valoración especializada. Estes órganos quedan, deste xeito, á marxe de toda decisión que se tome respecto aos proxectos presentados. Esta maneira de apremiar aos restantes departamentos da administración contrasta coas maneiras da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, que aplica o silencio por sistema ante as solicitudes de informes por parte doutros organismos, como temos comprobado en máis dunha ocasión. Ademais, a nova lei recolle a posibilidade de que sexa o propio órgano sectorial o que emita o informe que substitúa ás correspondentes autorizacións que deberían ser emitidas por outros organismos. Así, unha autorización de verteduras que debería ser emitida por Augas de Galicia, poderá agora ser tramitada pola Dirección X. de Enerxía e Minas. Pensamos que este punto en concreto contravén normas de rango superior, como a Lei de Augas.

A pretensión do Grupo Popular é clara: deixar en mans do Departamento mais opaco e de funcionamento espurio de toda a Administración autonómica, o de Minas, todas as autorizacións sectoriais que precisen o capitalismo de amiguiños que practica a Xunta.

Ademais, deixa a criterio das propias empresas mineiras a determinación dos datos que van ser considerados segredo profesional. Isto contradí o recollido na Ley 27/2006, de 18 de julio, por la que se regulan los derechos de acceso a la información, de participación pública y de acceso a la justicia en materia de medio ambiente (incorpora las Directivas 2003/4/CE y 2003/35/CE). Non é o titular mineiro quen debe determinar que datos se exclúen do acceso á información pública, esa decisión non pode en ningún caso deixarse ao arbitrio do “xuízo da persoa solicitante”, senón que veñen marcados polo texto da Convención Aarhus, e a xurisprudencia de aplicación do seu propio tribunal e da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, no caso do Estado español.

Vostedes tamén falan de que a lei fomentará a eucaliptización dos montes. Por que?

Na nova lei non serán necesarias as autorizacións para os aproveitamentos de eucaliptos, senón que bastará cunha declaración responsable. Novamente, deixamos en mans da persoa solicitante a decisión sobre a autorización. Isto será así mesmo en Rede Natura. De feito, modifícase a lei 9/2001 de conservación da natureza, referida as zonas de especial protección dos valores naturais (zonas ZEC) da Rede Natura, introducindo unha excepción para os aproveitamentos madeireiros. A partir de agora, en solo de especial protección como é a Rede Natura, poderán facerse aproveitamentos madeireiros sen autorización de medio ambiente e só se rexerán pola lei de montes. A lei de conservación da natureza  non permitía esta excepción. Equipáranse os usos de explotación madeireira aos tradicionais, vulnerando a directiva hábitat 92/43/CEE.  Segundo esta normativa, nestas áreas só se permiten actividades de conservación así como as declaradas de orde prioritario (casos excepcionais de índole social e económica). Queremos subliñar que, na actualidade, para poder facer esa declaración responsable a Xunta previamente deberá ter informado á Comisión e mandar  un informe que avale esta decisión onde recollese a necesidade para o desenvolvemento da zona e quen non provoca ningún tipo de afectación. Todo iso óbviase na nova lei. Sáltanse os principios  da Lei de patrimonio e biodiversidade 42/2007. Eliminan dun plumazo o principio de precaución nas intervencións que podan afectar aos espazos naturais e/ou especies silvestres; a promoción do emprego ordenado dos recursos para garantir o aproveitamento sostible do patrimonio natural e a integración dos requirimentos da conservación, uso sostible, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade nas políticas sectoriais.

 Argumentan tamén que incumpre a normativa española e europea. Daquela, van explorar levar o asunto a vía xudicial?

Carecemos de medios humanos e materiais para emprender o camiño xudicial. Pero instamos aos partidos da oposición a que o fagan. Contan con equipos xurídicos que lles permiten abordar o tema. É a súa responsabilidade como representantes nosos e encargados de velar polo interese público. O lexítimo interese público: o do ben común; non o espurio que esgrimen os poderes económicos para defender os seus intereses privados.

Que mobilizacións teñen previstas a nivel político? Van reunirse cos grupos parlamentares, incluído o PPdeG?

Cos partidos da oposición xa nos temos reunido. Co PP non temos inconveniente en facelo se aparca a lei e se avén a dialogar antes de continuar con ela. Na exposición de motivos da lei falan de que no procedemento de elaboración desta lei “promoveuse a máis ampla participación da cidadanía en xeral”. Non. A menos que esteamos confundindo “cidadanía en xeral” con “os nosos amiguiños”. Non houbo diálogo ningún co movemento ecoloxista galego, e poñelo negro sobre branco resulta insultante para nós.  Pero aínda están a tempo de facer desa mentira que aparece na exposición de motivos unha verdade: paren a lei e séntense a dialogar e buscar puntos de consenso. Coa oposición, cos movementos sociais e os colectivos ecoloxistas.

E a nivel de rúa. Teñen previsto unha mobilización en fronte do Parlamento. Hai algunha outra acción prevista?

Si. hai prevista unha concentración o vindeiro día 6 diante do Parlamento, coincidindo co debate sobre o estado da Autonomía. A seguinte mobilización será unha manifestación que se celebrará o día 22 de outubro.

Ademais diso, estamos facendo un esforzo para facer chegar o contido desta lei á poboación en xeral. Non é doado, porque somos activistas que traballamos de xeito voluntario no noso tempo libre, e faltan mans para levalo a cabo. Pero pensamos que é preciso que o contido do texto desta lei chegue a canta máis xente mellor. Que coñezan as consecuencias que pode ter para a poboación en xeral, moi especialmente a poboación do rural.

A nosa intención é seguir traballando no tema aínda que se aprobe a Lei.

En menos de catro días superaron as 7.000 sinaturas de apoio a través de change.org . É unha cifra considerable. Agora ben, que posibilidades reais estiman que teñen vostedes de parar este cambio normativo?

Contamos xa con máis de 13.000 apoios nesta iniciativa. Por suposto, somos conscientes de que con firmas de Change non se pode parar unha lei, pero tamén sabemos que é unha boa ferramenta para visibilizar o rexeitamento da poboación cara esta barbaridade. É, ademais, un modo de concienciación sobre o problema, xa que a xente que descoñecía o tema, ao ler a información faise máis consciente dos riscos derivados da implantación da lei.

Rolda de prensa en Compostela para anunciar o inicio dunha campaña informativa e de mobilizacións contra a   Lei de Fomento das Iniciativas Empresariais en Galiza
Rolda de prensa en Compostela para anunciar o inicio dunha campaña informativa e de mobilizacións contra a Lei de Fomento das Iniciativas Empresariais en Galiza | Fonte: SLG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pina

Mina de Touro? dende cando a esa mezcolanza nacionalista que se fai chamar Contraminacción que nin tan sequera existe legalmente lle interesou a mina Touro ou as xentes de O Pino? veña por favor!