SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2017 | Actualizada ás 14:28 por EUROPA PRESS
Máis de medio centenar de persoas deuse cita este venres fronte ao Parlamento, coincidindo coa última xornada do Debate sobre o Estado da Autonomía, para censurar a "depredación do rural" que persegue o PP coa súa proposta de lei de fomento da iniciativa empresarial.
Para explicar aos xornalistas a posición da recentemente creada Plataforma contra a Lei de Depredación de Galiza, Margarida Prieto Ledo, do Sindicato Labrego Galego, advertiu de que a norma pretende "anular todos os controis e a protección" existente para converter en "donas do territorio" galego a "as grandes multinacionais".
Ademais, subliñou que os proxectos que se verían favorecidos por esa normativa "destrúen máis emprego do que crean" e que este, en todo caso, "é precario e temporal".
Así é que deixou claro que a plataforma chegará "onde sexa" para "impedir" a aprobación deste texto introducido na Cámara galega pola vía de urxencia. Nese sentido, avanzou a convocatoria dunha manifestación a nivel autonómico para o próximo día 22, ademais doutras medidas que se irán decidindo.
E é que, como dixo Prieto Ledo, esta norma facilitaría a posta en marcha de "moitos proxectos", como o de extracción de cuarzo na Terra Cha (Lugo), pois "se evitarían moitos informes" que ata agora eran necesarios para as actividades mineiras.
"ESTOCADA AO RURAL"
E, mentres insistía en que a lei sería "unha estocada ao rural galego", os concentrados coreaban cánticos contra "o espolio" dos recursos e para censurar "a caradura do PP".
Ata a protesta, con pancartas 'En defensa da nosa terra' e advertindo de que 'Galiza non é unha mina', achegáronse deputados do BNG e En Marea para expresar a súa coincidencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.