Por Galicia Confidencial | O Porriño | 09/10/2017 | Actualizada ás 13:59
A CIG Ensino fíxose eco hoxe das supostas “investigacións” que estaría a desenvolver a Guardia Civil para saber se os comentarios dun docente puideron “incitar ao odio”. O profesor de Historia en cuestión traballa no IES Pino Manso de O Porriño e na súa clase debateuse sobre os acontecementos en Cataluña.
O profesor mostrou vídeos da represión policial e tamén dos ataques sufridos por algúns axentes. Segundo explicou Alejandro Martínez na Voz, isto chegou aos oídos dalgúns pais. Molestos, algúns pais pediron explicacións ao profesor, ao director e puxeron en coñecemento da Guardia Civil a polémica, que “leva a cabo xestións para averiguar a veracidade dos comentarios”.
Ante isto, a central máis numerosa no ensino público galego dá o seu apoio ao funcionario, “denuncia a inxerencia da Guardia Civil” e esixe que a Consellería apoie a actuación do profesor.
“O caso que nos ocupa, de se confirmar, sería un exemplo perfecto do despropósito por parte da Guardia Civil, que tería levado a que se efectúen indagacións sobre como un docente imparte a súa materia, o que implica non só un feito condenábel desde a perspectiva da defensa da liberdade de cátedra senón tamén desde os mínimos principios democráticos dun Estado que formalmente se define como de dereito por máis que cada día amose cruamente ter abandonado eses principios”, argumenta o sindicato nacionalista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.