Reducen entre un 50 e un 90 por cento a concentración de gas radon na Universidade da Coruña

Un grupo de investigadores aplicou medidas correctoras na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica para mitigar as elevadas concentracións deste gas canceríxeno.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 10/10/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Investigadores do Laboratorio de Radiactividade Ambiental da Universidade da Coruña (UDC) veñen de presentar os resultados dun estudo sobre a concentración de gas radon na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica. Aplicando medidas correctoras (selado de gretas, instalación dun sistema mecánico de ventilación) co obxectivo de mitigar as elevadas concentracións deste gas canceríxeno, verificouse a mitigación de radon en valores que oscilan entre o 50 e o 90 por cento.

Laboratorio n.º 2 da Escola de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña, tras o selado coa pintura epoxi para reducir a concentración de gas radon / Otero-Pazos, A., Fernández-Ibáñez, I., Piñón-Pazos, A. J., Calvo-Rolle, J. L., Giz-Novo, J. (2017). Estudio, medida y mitigación de la concentración de radón en la Escuela Universitaria de Arquitectura Técnica de la Universidade da Coruña. Informes de la Construcción, 69(547): e217, doi: http://dx.doi.org/10.3989/ic.16.101.
Laboratorio n.º 2 da Escola de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña, tras o selado coa pintura epoxi para reducir a concentración de gas radon / Otero-Pazos, A., Fernández-Ibáñez, I., Piñón-Pazos, A. J., Calvo-Rolle, J. L., Giz-Novo, J. (2017). Estudio, medida y mitigación de la concentración de radón en la Escuela Universitaria de Arquitectura Técnica de la Universidade da Coruña. Informes de la Construcción, 69(547): e217, doi: http://dx.doi.org/10.3989/ic.16.101.

Os científicos analizaron a localización do edificio, o terreo e os materiais de construción empregados. Unha vez feito isto, efectuaron medicións para determinar a concentración de gas radon empregando dúas técnicas: medida in situ cun detector de cámara de ionización (curto espazo de tempo) e medida con detectores de trazas (longo espazo de tempo). En función dos resultados obtidos, e tendo en conta a lexislación vixente, aplicáronse medidas correctoras e novas medicións para comprobar a súa efectividade nos espazos analizados: os cinco laboratorios de Materiais de Construción, o taller de maquetas, o despacho PDI de Física e a aula máster II, todos eles no semisoto, a zona máis susceptible de presentar valores altos de concentración de radon

Dos resultados, os investigadores da UDC conclúen que as medidas correctoras conseguiron reducir a concentración de radon considerablemente, entre o 50 e o 90 por cento, ata valores inferiores aos que establece a lexislación, agás no taller de maquetas.

Os resultados atópanse por baixo do establecido na Instrución do 21 de decembro de 2011, do Consello de Seguridade Nuclear, sobre criterios radiológicos para a protección fronte á exposición á radiación natural (Instrución IS-33 n.º 22, Sección III, p. 6833 do BOE, publicada o 26/01/12) que establece que "o nivel para a protección dos traballadores fronte á exposición ao 222Rn nos seus postos de traballo debe ser 600 Bq/m3 de concentración media anual, durante a xornada laboral".

Con todo, se se ten en conta a Directiva Europea 2013/597/EURATOM do Consello do 5 de decembro de 2013, onde se establecen os 300 Bq/m3 como nivel de referencia para a media anual de concentración de actividade de 222Rn no aire, e a recomendación na nota descritiva n.º 291 publicada en setembro do 2009 pola Organización Mundial da Saúde (OMS), todos os resultados obtidos despois de efectuar as medidas correctoras atópanse por enriba das devanditas recomendacións, agás o laboratorio número 4, indican os autores do estudo.

Os autores recomendan realizar unha reevaluación periodicamente para asegurar que a concentración media anual se mantén por baixo dos valores indicados na IS-33, que sería a lexislación aplicable actualmente.

Os resultados e a explicación das medicións e das medidas aplicadas publícanse no último número revista científica Informes de la Construcción, editada polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta