Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2017 | Actualizada ás 13:01
O paso do furacán 'Ophelia' polo Atlántico no seu camiño cara a Irlanda deixará un episodio de temporal no mar durante a madrugada do luns en Galicia, con ventos de forza 7-8 no litoral atlántico, ondas superiores ao cinco metros e refachos de vento do sur de entre 70 e 90 quilómetros por hora na franxa costeira e zonas altas.
En declaracións a Europa Press, María Souto, de Meteogalicia explicou que este episodio pasará "moi rápido" en terra, entre as 00,00 e as 6,00 horas do luns, mentres que o aviso por ondas de máis de cinco metros manterase toda a xornada no litoral das Rías Baixas e Costa da Morte.
"Haberá moita xente que non se decate", concretou Souto, que insistiu en que este episodio de meteoroloxía adversa "vai pasar moi rápido e pola noite".
Deste xeito, en terra por refachos de vento máximo --de entre 70 e 90 quilómetros por hora-- o aviso será amarelo entre as 00,00 e as 6,00 horas do luns na provincia de Pontevedra, así como no noroeste, interior e suroeste da provincia da Coruña, ademais de na Mariña luguesa.
O mesmo aviso manterase entre as 00,00 e as 3,00 horas do luns por vento na montaña de Lugo e na de Ourense, onde se esperan refachos de entre 80 e 90 quilómetros por hora.
Meteogalicia advirte de que, en concreto, entre as 00,00 e as 3,00 horas do luns o aviso será laranxa na zona oeste da provincia da Coruña --área da Costa da Morte-- por ventos do sur con refachos de 100 quilómetros por hora.
No mar o episodio de vento manterá avisos activados entre as 00,00 e as 12,00 horas, mentres que por ondas de entre cinco e sete metros terá o aviso laranxa activo toda a xornada nas Rías Baixas e Costa da Morte.
OUTONO
A próxima semana chegará, ademais, o outono meteorolóxico a Galicia, con choivas e unha caída de temperaturas media de dez graos, desde os 28-30 graos de máximas que se esperan este domingo ata os 20-18 previstos para o luns en diferentes puntos do país.
Isto débese a que durante as primeiras horas da noite do domingo entrará unha fronte con choivas pola Costa da Morte e, co avance do día, chegarán as precipitacións a toda Galicia.
Por iso, destacou Souto, "a próxima semana será máis ben de outono", con choiva e "baixada de temperaturas impresionante", polo que "volverá a normalidade" meteorolóxica para esta época do ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.