Temas: LUMES INCENDIOS

Toda Galicia mobilizada contra o lume... Como no Prestige

Crónica dun dos días máis negros de Galicia. A seca, as altas temperaturas, o terrorismo incendiario, a descoordinación e a falta de medios provocaron que este 15 de outubro sexa lembrado como un dos máis tráxicos na loita contra os lumes. Os bombeiros comparan a situación co caos de Portugal do pasado xuño. E os veciños, milleiros de veciños de toda Galicia son os que tentan apagar os incendios, como no Prestige.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 16/10/2017 | Actualizada ás 00:30

Comparte esta noticia

“Cóntadeo. Isto é un desastre. Unha auténtica traxedia e non descarto que poida haber mortos”. Miguel, bombeiro, leva un domingo infernal. Coma os seus compañeiros –algúns deles mesmo se incorporaron do día libre para botar unha man-- non dan abasto ante a intensa vaga de lumes que afecta a Galicia neste domingo negro.

Xente tentando apagar un incendio
Xente tentando apagar un incendio | Fonte: Youtube

O ruído é como un trebón. As sereas das motobombas, dos vehículos policias, das ambulancias. É difícil falar con Miguel que está enfadado, exhausto e, sobre todo, triste e rabioso . “Xurxo. Non me estrañaría que cando pase todo esto atopen mortos”, sinala.

A súa dotación acode a Vincios. Teñen que desaloxar o pobo. “Estamos aquí. Todo é un caos. Non hai coordinación. Atopamos patrullas forestais e gardas civís e tentamos coordinarnos entre nós como podemos”, sinala. De feito, os veciños saen á estrada desorientados, sen saber que facer. “Ninguén  informa, ninguén sabe nada”,  din.

De feito, en Vincios, axentes da Garda Civil e a Policía, que tamén están desbordados, tiveron que romper portas e fiestras para desaloxar á xente cuxas casas estaban rodeadas polo lume, e ante o perigo de que poideran morrer asfixiadas.

Miguel ten que deixar o teléfono. Lóxico e normal. As vidas están antes que o xornalismo. “Imos desaloxar o que poidamos, pero isto é un caos”, di nervioso. E volve repetir: “Cóntao. Escríbeo.... Isto é unha traxedia e pode haber mortos”. Non estaba desencamiñado. Pouco depois chaman a GC para confirmar un temor a voces; desgraciadamente, xa hai mortes.

Lume en vincios
Lume en vincios | Fonte: youtube

Redes sociais e whatsapp

Ao longo de todo este domingo foron numerosos as mensaxes recibidas no teléfono móbil, moitas de veciños, de activistas sociais de Ponteareas, Nigrán, Baiona, Vigo, contando o que estaba pasando e, sobre todo, alertando da falta de medios. E tamén moitas mensaxes de bombeiros. “Un desastre, unha auténtica descoordinación, non damos abasto”, indicaba a dun traballador da loita contra os lumes desde Ponteareas. “Está todo o operativo desbordado”, indica outro bombeiro desde Ourense nunha mensaxe de whatsapp.

Fotos, vídeos, comentarios críticos...O móbil é un fervedoiro. A Xunta asegura que hai 5.600 efectivos e que se reforzarán os medios aéreos con 12 avións e 5 helicópteros que mandará o Goberno central, así como novos militares de UME ata chegar aos 500 efectivos. “E onde están?. Aquí non vexo ningún”, critica un profesional da loita contra os lumes desde Nigrán.

A xente, como no Prestige

E non son só os bombeiros os que se queixan da descoordinación. O 112 non existe. Imposible comunicar con el. Os veciños son, como aconteceu co afundimento e a traxedia do Prestige, os que saen a rúa para loitar contra as lapas. Caldeiros, mangueiras, vasoiras de xestas improvisadas...Ata mantas. Todo vale para parar o virulento e traidor lume que tenta queimar as súas casas. En Vigo, centos de persoas facendo cadeas humanas para combatir as lapas.

“Gracias á colaboración dos veciños porque de medios, nada de nada”, conta Carlos, propietario dun bar en Vincios, que tivo que ser desaloxado ante a proximidade das lapas. Unha escea que se repeite en Ponteareas, en Nigrán, en Baiona ou en Allariz. “Os veciños teñen que ir a regar con caldeiros, pechar as fiestras para evitar as muxicas”, comenta José de Baiona. Mariela leva toda a tarde na praia da Ladeira, coma moitos veciños, ollando como o lume consume todos os recunchos do Val Miñor. “Miro á esquerda e á dereita e todo arde. O único que queda sen arder é o mar”, asegura. “E aquí non vexo a ninguén do Exército”, engade. “ Vos facedes o que podedes pero... joder, joder”, laiase outra veciña en Padrende de Allariz ante a falta de medios.

Centos de veciños desaloxados, pero sen coordinación. Moitos deles están no pavillón de Panxón. “Por favor, se tedes amigos ou familiares en Panxón, que vaian ao pavillón. Hai unha chea de xente desaoloxada que os deixaron alí tirados”. É outra das mensaxes que circula polas redes sociais. E varios hoteis anuncian que pon a disposición dos afectados e das súas familias os seus cuartos. E xente que vai con auga e bocadillos para darlles aos que combaten coas lapas. Igual que no Prestige... Sempre a xente... A solidaridade da xente.

“Faise o que se pode”

A visión sobre o que pasa é ben diferente se quen fala son os representantes da Xunta. O vicepresidente galego, Alfonso Rueda, di contundente que “se está facendo o que se pode” e que “os medios están onde poden”. Falar na Radio Galega. Está tamén en Baiona e alí confirma a gravidade da situación. “Pensando na época do ano na que se dá, con seca, ventos por temporal, non sei se é a situación máis grave da última década pero si unha das peores. Eu non lembro unha situación como esta con lumes tan cerca de poboacións”, indica.

Pero apunta a un responsable; aos terroristas incendiarios. Tamén a administración é a responsable de apagalos, e de ter medios para facelo. “Estase facendo o mellor que se pode, dado a virulencia da situación”, indica ao tempo que agradece a colaboración da UME. “Non se escatima en medios e imos vencer esta batalla. E logo que non lle quede dúbidas a ninguén que chegaremos aos culpables”, indica.

Portugal

E como noutras traxedias, volve a aparecer Portugal. Os terroristas incendiarios son os reponsables, pero tamén Portugal, porque, segundo a Xunta, non é quen de deter os lumes antes de que cheguen á fronteira galega. Unha escusa ou unha acusación que non convence a moitos. 

“Hai que chamar á responsabilidade ao goberno portugués. Se non se estingue na parte portuguesa, cando chega á galega é todo moi difícile e o acontecido nas Neves pois é un exemplo”, di Rueda en alusión a ese lume que veu de Portugal. 

Tamén o presidente da Xunta non dubida en colocar a Portugal entre os responsables do domingo negro que sofre Galicia. Unhas críticas ás que se suma o Goberno de España. De feito, a ministra de Agricultura anuncia que se queixará ante o Goberno luso por non controlar os seus lumes... Como se os lumes foran animais aos que se pode prender cunha correa. 

Vehículos atrapados no túnel da Cañiza na autovía A-52 pola onda de incendios.
Vehículos atrapados no túnel da Cañiza na autovía A-52 pola onda de incendios.
Temas: LUMES INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Noa

Repulsivo. El BNG y la CIG tratando se sacar rédito político de una tragedia.

2 zarza moura

Son o toxo Ceferino as miñas cordenadas son 230,85,198 N e 323.14.081 E - vide pronto e socorredeme con caldeiros de auga, a ser posible mineral de sousas... O VOSO PICUDIÑO O VAI AGRADECER!!!

1 drXP

Isto vai ser sempre así, ata que sustituan eucaliptos por otro tipo de árbores, que os hai de rápido crecimento coma os chopos, e non arden tanto.