| 16/10/2017 | Actualizada ás 12:08 por EUROPA PRESS
No termo municipal de Vigo permanecen "activos e consistentes" dous incendios, no Monte Alba e no Monte Galiñeiro, e focos de escasa entidade noutras áreas, como A Madroa, Freixo, Zamáns, Alcabre, Roteas, Coruxo e Fragoselo (onde as lapas se achegaron perigosamente a unha vivenda).
Así o confirmou este luns en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero, quen fixo balance das actuacións de policías locais, bombeiros, e efectivos de Protección Civil nas últimas horas na cidade, onde se rexistraron unha vintena de incendios.
Así, segundo relatou, prendéronse diversos focos de lume en zonas como o Alto de San Cosme, o CUVI, o Monte Cepudo, o Monte Alba, Fragoselo, Freixo, Sobreira, Matamá, a VG-20, a avenida Clara Campoamor, Coruxo, San Andrés de Comesaña, Zamáns, Sampaio, ou Vilar, en áreas do rural, pero tamén en pleno centro urbano, como en Navia, en Espedrigada, o Parque da Bouza, o monte do Castro ou a praza de España.
Como consecuencia dos incendios, 400 persoas tiveron que abandonar os seus fogares, entre elas varias decenas de aloxados na residencia de estudantes do campus de Vigo. Algo máis da metade foron trasladadas a 8 hoteis da cidade, aínda que este luns a media mañá tan só quedaban 21 persoas en dous establecementos hoteleiros.
O rexedor olívico explicou que, desde o mediodía do domingo ata altas horas da madrugada deste luns, estiveron mobilizados máis dun centenar de axentes da Policía Local con todos os vehículos dispoñibles, e 35 axentes de reforzo; do mesmo xeito,80 bombeiros estiveron participando nos labores de extinción, e habilitáronse tamén 6 autobuses da concesionaria de transporte urbano para facilitar a evacuación dos veciños afectados polos incendios.
Caballero indicou que non hai constancia de danos persoais, pero si materiais e expresou o seu recoñecemento a todos os veciños que colaboraron de forma voluntaria na extinción dos numerosos focos de lume. Ademais, engadiu, mantéñense os labores de vixilancia e prevención.
"NON FOI ACCIDENTAL"
Con respecto ás causas dos incendios, o alcalde evitou pronunciarse ata que non dispoña dos informes técnicos, pero precisou que, dado o gran número de focos, distanciados varios quilómetros, e os lugares onde prenderon (algúns en pleno centro urbano) "todo sinala que isto non foi accidental".
"Chaman a atención, incendios case simultaneamente, separados por 2,5 ou 10 quilómetros", incidiu, e engadiu que "é sorprendente, por exemplo, un lume na Praza de España, que non obedece a ningunha lóxica".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.