Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/10/2017 | Actualizada ás 13:06
O fiscal delegado de Medio Ambiente en Galicia, Álvaro García Ortiz, considera que non se debe especular sobre a intencionalidade dos incendios a pesar dos "indicios" polas horas, lugares e formas de producirse, xa que é "moi difícil" de determinar e non cre que tras esta "vaga de incendios tan desaforada" haxa unha trama organizada.
García Ortiz, con todo, estima que o fenómeno é "local" e parece que a natureza dos lumes en Galicia é de orixe "individual", xa que ve "moi difícil" pensar que o mesmo fenómeno de criminalidade organizada se produza no norte de Portugal, Galicia e Asturias dunha maneira coordinada, así que considera que hai que buscar dentro dos individuos os factores que poden influír.
En todo caso, en declaracións á Cadea Ser recollidas por Europa Press, manifestou que este é o momento de deixar aos servizos de extinción actuar e, a partir de aí, comezar as investigacións. "Agora é un bo momento para manter a calma e reflexionar", indicou, á vez que advertiu de que as penas que recolle o Código Penal por delito de incendios son moi elevadas, xa que poden chegar ata os 20 anos de cárcere.
Neste contexto, apelou á "responsabilidade" de quen se dedican á loita contra os incendios, tanto a Fiscalía como a Xunta de Galicia, para dar "datos ou certezas" e "non especular" ou "alimentar os imaxinarios". Aínda que, admitiu que as autoridades da Xunta teñen "algúns indicios e que é innegable que hai xente que incendia o monte".
Ademais, engadiu que as consecuencias dos incendios débense "sobre todo" á actividade incendiaria "pero non só", xa que lembrou que desde o xoves se sabía que ía ser un fin de semana "moi complicado" climatolóxicamente, xa que a cola de furacán Ophelia ía afectar a Galicia e as temperaturas serían moi altas.
OUTRAS VAGAS DE INCENDIOS
O fiscal lamentou a "experiencia" de Galicia neste tipo de fenómenos e lembrou períodos de incendios dos anos 1989, 1995, 2006. Case sempre antes de 2011, indicou, rexistráronse veráns con momentos de 12 días con máis de 2.000 incendios.
"Este é un problema moi complexo e nada sinxelo de abordar, estruturalmente complexo, sociolóxicamente complexo, criminalmente complexo, que nos debe facer reflexionar e volver traballar e case a reinventar Galicia no tema dos incendios", apostilou.
Así mesmo, asegurou que o Código penal é "duro" no delito de incendios, xa que as penas no caso de que haxa risco para a vida pode ser de 10 a 20 anos, sen o prexuízo da pena polo falecemento de persoas. "Son penas altísimas", advertiu.
Sobre o problema dos incendios en Galicia opina que é fácil "globalizar", pero estima que hai que descender ao local, ás motivacións, as causas e os efectos e dixo que os incendios forestais son unha constante en todo o mundo que "ocorreu sempre", tamén noutros países como en Canadá ou Australia pero que debe facer "reflexionar".
Por iso, reiterou que ve prematuro dicir se os lumes son intencionados ou non sen coñecer a orixe ou o número de focos, polo que non se pode "aventurar" que haxa unha actividade "criminalizada organizada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.