SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2017 | Actualizada ás 14:04 por EUROPA PRESS
Tres persoas continúan ingresadas este luns por queimaduras relacionadas cos incendios forestais e unha cuarta por unha fractura nun nocello, segundo informa a Consellería de Sanidade.
Sanidade explica que dous feridos por queimaduras foron trasladados ao Hospital A Coruña e outro paciente ingresado en Povisa. Ademais, está ingresada unha cuarta persoa no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo por unha fractura nun nocello.
En total, concreta Sanidade, foron oito as persoas que recibiron asistencia por queimaduras motivadas polos incendios das últimas horas.
Ademais, os servizos de urxencias do Sergas atenderon cadros leves motivados por inhalación de fume amiental e procesos de ansiedade, principalmente nas áreas de Vigo, Pontevedra, Ourense e Lugo. "En xeral son atencións que non requiren ingreso e que cursan de forma leve", concreta Sanidade.
SITUACIÓN NORMALIZADA
Deste xeito, a Consellería de Sanidade subliña que a "situación sanitaria está normalizada" e non se rexistrou "gran impacto asistencial en relación cos lumes".
Tamén agradece Sanidade a "profesionalidade e esforzo" de todos os traballadores sanitarios, hospitais e centros de saúde, así como de puntos de atención de urxencias e 061.
Pola súa banda, fontes hospitalarias explicaron a Europa Press que en complexos hospitalarios como o CHUO en Ourense espérase este luns unha "alta afluencia en urxencias" tras un inicio "tranquilo" da xornada.
Nesta provincia ourensá rexístranse numerosos incendios forestais, polo que se aconsella ás persoas non abrir xanelas e evitar saír de casa a causa do fume, sobre todo a nenos e pacientes con patoloxías respiratorias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.