Decenas de alumnos concéntranse en centros de toda Galicia en solidariedade coas vítimas dos incendios

O sindicato de estudantes 'Erguer' convocou paros ás 12.00 horas en todos os centros e facultades

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2017 | Actualizada ás 14:19 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Decenas de alumnos de toda Galicia protagonizaron paros e concentráronse nos seus centros educativos en solidariedade coas vítimas e os afectados polos incendios que rexistra Galicia.

Concentracións de alumnos polos incendios
Concentracións de alumnos polos incendios | Fonte: Europa Press

A convocatoria impulsouna o sindicato de estudantes 'Erguer', ás 12.00 horas en todo o ensino medio, ademais das facultades e centros universitarios.

En Santiago de Compostela, decenas de alumnos concentráronse nas facultades de Filosofía, Ciencias da Comunicación, Educación, Maxisterio ou Traballo Social.

Varios dos estudantes que participaron nas protestas reclamaron "responsabilidades" á administración galega pola súa xestión dos incendios e a súa política forestal.

En Ciencias da Comunicación, por exemplo, varios alumnos portaban unha pancarta na que se lía 'Lumes Nunca Máis. Xunta Culpábel', mentres que no IES Antón Fraguas, da mesma localidade, coreáronse consignas como 'Feijóo dimite, Galicia non te admite'.

Entre os centros que secundaron os paros atopábanse a Escola de Artes Ramón Falcón, o CIFP As Mercedes (Lugo), o IES Virxe do Mar (Noia), e o IES As Barxas (Moaña), n°1 (Ordes), Sánchez Cantón (Ponte).

Tamén acolleron concentracións de alumnos o CIFP Portovello (Ourense), e o IES San Paio e Indalecio Pérez, no Baixo Miño.

SITUACIÓN "CRÍTICA"

En declaracións a Europa Press, Iria Figueroa, portavoz de Erguer, valorou o seguimento "masivo" dos paros en "moreas de centros, institutos e facultades" ao longo do territorio e reclamou "responsabilidades" ante a situación que vive Galicia.

Así, trasladou a "solidariedade" de todo o alumnado coas comarcas "esnaquizadas polo lume", as vítimas e os cidadáns que están "a perder as súas casas" e que tiveron que ser desaloxados.

"Alumnado que se rebela contra esta situación tan triste, tan crítica para o país, que esixe responsabilidades políticas e por parte da Xunta, fronte aos 'balóns' que estivo a botar fora Feijóo onte", criticou.

Neste sentido, advertiu de que os galegos non poden "permitir" que situacións como esta "pasen cada verán", neste caso en outubro, mentres se segue facendo "como que non pasa nada" ou que é "cuestión de pirómanos ou catro tolos".

"Esta situación ten motivos políticos", insistiu, sustentados no cultivo de eucalipto, o "abandono" do monte ou a "nefasta" política forestal.

Finalmente, chamou a participar nas concentracións convocadas ás 20.00 horas en múltiples localidades galegas co lema 'Lume, nunca máis'.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta