SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2017 | Actualizada ás 14:31 por EUROPA PRESS
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cargou con dureza contra os "responsables" do "terrorismo incendiario" que atacou á Comunidade nas últimas horas e que "deben saber" que as súas accións --manifestou en relación ás vidas que se cobraron os lumes na comunidade ata o momento-- "poden matar e matan".
"Toda Galicia chora esta mañá ao ver os nosos montes calcinados, pero sobre todo polas perdas das vidas humanas", proclamou o xefe do Executivo, na rolda de prensa convocada tras reunir con urxencia ao seu Goberno e no marco dunha declaración institucional na que denunciou unha actividade incendiaria que tachou de "homicida".
Feijóo reflexionou acerca de que en Galicia poden rexistrarse puntualmente incendios causados por un descoido, pero constatou que este domingo "houbo unha intensa intención de facer dano nos lugares de maior impacto, incluíndo zonas urbanas e periurbanas". "Atacáronnos indiscriminadamente e non puideron facer máis dano", advertiu.
"Galicia está farta de verse atacada por incendiarios que se valen das condicións meteorolóxicas; farta de que se relativice a actividade incendiaria cando se fala de terrorismo incendiario. Desde onte aínda somos máis conscientes de que se trata de producir danos irreparables na poboación", proclamou Feijóo, quen, en todo caso, enxalzou a "resolución" dun país cuxos cidadáns non se darán "por vencidos" nin contra os incendios nin contra os incendiarios.
O presidente defendeu o dispositivo --remarcando que "nunca" nun mes de outubro houbo tantos medios como neste-- e aos efectivos que permitiron na pasada xornada "salvar moitas vidas humanas", á vez que chamou a "mobilizarse" en homenaxe aos equipos de loita contra incendios e avanzou un minuto de silencio ás 12,30 horas deste xoves.
Feijóo, quen se reunirá en Vigo co presidente do Goberno, Mariano Rajoy, tamén avanzou a comparecencia no pleno da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, e ratificou tres días de loito en Galicia.
(HABERÁ AMPLIACIÓN)
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.