SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2017 | Actualizada ás 14:46 por EUROPA PRESS
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforzou durante esta noite a rede de transporte sanitario urxente con 24 ambulancias asistenciais de soporte vital básico, tres ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado e dous vehículos de transporte adaptados naqueles puntos considerados zonas de risco sanitario polos incendios forestais.
Así, durante as primeiras horas da madrugada, o 061 decidiu reforzar a cobertura sanitaria duplicando as unidades asistenciais de soporte vital avanzado (ambulancias medicalizadas) nas bases de Pontevedra, Vigo e Mos.
A cidade de Vigo reforzouse con 14 ambulancias asistenciais de soporte vital básico (SVB). Ademais, varias ambulancias da zona que funcionan habitualmente 12 horas alongaron a súa quenda 12 horas máis.
En Ponteareas, o reforzo realizouse con dúas ambulancias básicas da Cruz Vermella e dous vehículos adaptados con capacidade para o traslado de 17 e sete persoas, respectivamente. En Rianxo, a ambulancia asistencial que funciona a 12 horas alongou tamén a súa quenda durante 12 horas máis.
No concello de Arbo, ademais de alongar 12 horas máis a ambulancia asistencial, aumentouse a dotación habitual con dúas ambulancia asistenciais de SVB.
Por último, a cobertura sanitaria nos concellos das Neves e Pazos de Borbén reforzouse con dúas ambulancias asistenciais de soporte vital básico en ambos os concellos.
DISPOSITIVO ACTUAL
Actualmente e dado o "progresivo descenso do risco sanitario nas zonas que sufriron incendios onte á noite", o 061 só mantén os dispositivos sanitarios de reforzo nos concellos de Arbo (unha ambulancia asistencial de SVB) e As Neves (dúas ambulancias asistenciais). Tamén se mantén a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado situada en Mos.
Desde a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia recoméndase a todas aquelas persoas que estiveron nunha zona afectada polos incendios, que inhalasen fume e que presenten dificultade respiratoria, chamen ao 061 ou acudan ao centro de saúde máis próximo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.