Por Galicia Confidencial | Madrid | 17/10/2017 | Actualizada ás 09:57
Logo da chegada do presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, hoxe visitan os lugares arrasados pola vaga de lumes en Galicia os secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, e de Podemos, Pablo Iglesias, para coñerce in situ os efectos dos incendios.
Sánchez chega co obxectivo de trasladar o afecto e solidariedade do seu partido cos afectados. Así o anunciou o portavoz da Executiva Federal, Óscar Puente, que trasladou o pésame do PSOE aos familiares das catro vítimas mortais que deixaron os incendios e que tamén tivo unha mensaxe de solidariedade para co pobo portugués, onde o lume deixa xa un balance dunha trintena de falecidos.
Tras eloxiar o traballo de operarios e voluntarios nos labores de extinción, así como aos cidadáns que están a demostrar a súa solidariedade ofrecendo aloxamento a quen se quedaron sen casa, Puente expresou o "absoluto rexeitamento" do PSOE cara aos "responsables" destes incendios, os "pirómanos", así como a quen lles alentan e protexen.
Pero evitou criticar as políticas de prevención de incendios da Xunta de Galicia que preside Alberto Núñez Feijóo porque, dixo, non lle parece "responsable". Para o PSOE, este é un "problema de fondo" que ten que ver coa normativa, cos medios para a extinción incendios, pero tamén co cambio climático e o fenómeno do despoboamento da contorna rural.
Por este motivo, o PSOE avoga por non facer unha análise "cortoplacista á calor dos incendios" e anima ao resto de forzas políticas a abordar o debate con certo percorrido.
Pola súa banda, o secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, e o secretario de Sociedade civil e Movemento Popular da formación, Rafa Mayoral, visitan tamén este martes as zonas afectada polos incendios en varios puntos da provincia de Pontevedra.
Acompañados por Carmen Santos, viceportavoz de En Marea no Parlamento galego e secretaria xeral de Podemos Galicia, Iglesias e Mayoral desprazaranse ás zonas afectadas de Monte Freixo (Valadares) e de Navia (Vigo) para coñecer 'in situ' a situación.
Durante a súa visita, a delegación de Podemos manterá reunións con representantes das Brigadas de Reforzo de Incendios Forestais (BRIF), da Organización Galega de Comunidades de Montes, da mesa intersindical de bombeiros de Galicia, así como representantes sindicais dos axentes forestais da comunidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.