Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2017 | Actualizada ás 11:51
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que unha das primeiras medidas que planea o Executivo autonómico é axudar ás persoas que perderon a súa vivenda habitual debido á vaga de incendios que afectou a Galicia en pleno outubro. Pola súa banda, a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, comprometeuse coa reforestación e recuperación das zonas afectadas.
Así, e no marco dunha reunión na sala de coordinación contra incendios de Galicia, Goberno autonómico e central confirmaron que xa teñen en conta as consecuencias que deixan os lumes forestais, con miles de persoas desaloxadas en todo o país e miles de hectáreas arrasadas.
Feijóo agradeceu ao Executivo central que "arroupase" a Galicia nesta situación. "Sentímosnos arroupados polo Goberno de España e iso é moi importante, e en consecuencia hai que polo en valor porque é xusto", manifestou o presidente da Xunta, quen se referiu a as palabras do presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, este luns de visita en Galicia para asegurar que "xa están a pensar na segunda parte".
Neste sentido, Feijóo desvelou que xa se puxeron en contacto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e mandáronlle unha mensaxe a todos os alcaldes para que lles transmitan se teñen algún veciño que perdeu a súa vivenda habitual.
De feito, avanzou que o Goberno galego "vai avaliar o número de vivendas habituais que se puideron perder, porque hai que recuperalas". Así, "se ten un seguro, que é o lóxico", Feijóo manifestou que a Xunta "terá que axudarlles a cobrar o seguro"; e se non é así, estudará "unha resposta con diñeiro público".
A partir dese feito, o Goberno autonómico fará unha avaliación de danos máis amplos desde o punto de vista ambiental e estará "en contacto" co Ministerio. "Pero a mensaxe que queremos é que desde onte, e especialmente a partir de hoxe, empezamos a segunda parte: a de axudar e garantir que ningunha persoa en Galicia queda sen a súa vivenda habitual", concluíu.
REFORESTACIÓN
Pola súa banda, a ministra de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, asegurou que "a axuda virá por parte de todo o Goberno e do Ministerio sen ningunha dúbida". "Especialmente no que ten que ver coa reforestación forestal, ímonos a empregar en restablecer o dano causado", afirmou.
Tejerina insistiu en que a sociedade "ten que volverse intolerante" ante estas situacións e defendeu que estaban "preparados para extinguir incendios", pero "outra cousa é ter un dispositivo para atacar incendiarios".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.