SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2017 | Actualizada ás 18:42 por EUROPA PRESS
Varios dos municipios ourensáns máis afectados pola vaga de incendios forestais que afecta a Galicia e que, ata hai poucas horas, tiñan decretada a 'situación 2', viron como a situación "mellora" desde as últimas horas deste luns e os seus alcaldes, consultados por Europa Press, agradecen o "alivio" que proporcionou a choiva da pasada noite.
O alcalde de Paderne de Allariz, José Manuel Fernández Gómez (PPdeG), explicou que o lume na súa localidade está "practicamente apagado". "Xa está todo o mundo nas súas casas e restablecéronse servizos como o da luz", explicou, á vez que celebrou que non haxa que lamentar danos persoais.
"Dentro do malo estou moi contento porque os veciños non sufriron danos e a situación foi moi difícil porque, cando conseguiamos frear un lume, aparecía outro á vez nun sitio distinto", reflexionou, antes de incidir na "desgraza" que supón o monte queimado.
"Aínda que o valor económico non sexa moito, tiñamos un monte, un sitio no que a xente podía estar e divertirse", apuntou, remiso, como outros cargos municipais, a anticipar quen ou que está detrás dos lumes, aínda que si subliña que "non hai dúbida de que foron intencionados".
Por iso, aínda que "arranxar o que xa ocorreu é difícil", defende que "hai que pór seriedade" e "a xente debe saber o dano" que causan os lumes. "Puideron morrer persoas", aseverou.
"SEGUNDO INTENTO" EN BOBORÁS
O tamén popular Cipriano Caamaño, alcalde de Boborás, destacou, do mesmo xeito que o resto de rexedores consultados, a incidencia positiva da choiva á hora de favorecer os labores de extinción, e tamén destacou o traballo dos requisitos.
"Tiñamos recursos suficientes e choveu moito, o que deu moito alivio á situación", explicou, en declaracións a Europa Press. Nesta localidade foi desaloxado un núcleo, pero os veciños xa retornaron ás súas casas. Tampouco houbo que lamentar grandes danos materiais.
En canto á orixe do incendio, sinalou que se activou á beira do local social e que o feito de que estea "todo seco" facilitou que ardese.
Sobre a causa, o rexedor apuntou que lle trasladaron que este é "o segundo intento en pouco tempo no mesmo sitio" onde se tentou prender lume previamente. "E iso é sospeitoso", resolveu.
RETORNO DOS MONXES DE OSEIRA
Por outra banda, o rexedor de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares, informou a Europa Press de que o retorno dos 14 monxes do mosteiro de Oseira estaba previsto para a tarde deste martes tras ser evacuados o domingo ao convento de Ferreira de Pantón (Lugo) debido á vaga de incendios que afectou o municipio ourensán.
O traslado dos monxes decidiuse, segundo explicou o rexedor, posto que os lumes xeraron moito fume que se concentrou en Oseira debido á zona baixa na que se sitúa o mosteiro. En termos xerais, subliñou que "está todo apagado xa" na localidade, aínda que se mantén o control para evitar que se reavive o lume.
BAÑOS DE MOLGAS E PARADA DE SIL
A rexedora de Parada de Sil, Yolanda Jácome (PSdeG), constatou que desde a última hora da pasada xornada a situación mellorou "moi significativamente". De feito, percorreu cun axente forestal a zona dos lumes para ver se se pode facer un balance inicial.
"Non houbo danos persoais nin nas vivendas. Tivemos que desaloxar dous pobos, pero onte pola noite os veciños xa durmiron nas súas casas", indicou.
Pola súa banda, o alcalde de Baños de Molgas, Xaime Iglesias (BNG), constatou que a choiva contribuíu a "solucionar a situación" e ratificou que na súa localidade, a pesar de que o lume si provocou "certo temor", non chegou a haber "desaloxos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.