SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2017 | Actualizada ás 13:54 por EUROPA PRESS
A Garda Civil de Lugo identificou a máis dunha ducia de persoas en relación aos incendios que afectan á montaña da provincia.
Segundo fontes do Instituto Armado, centran os seus esforzos, principalmente, nos concellos de Cervantes, As Nogais, Pantón e Chantada.
Estas mesmas fontes deixan claro que se trata de "identificacións", e non detencións, de persoas que se atopaban nas zonas onde se declararon os lumes na provincia. Agora investígase se teñen "antecedentes" como incendiarios, entre outros aspectos.
A Garda Civil de Lugo está "a acumular toda a información da que se dispón" e "rastrexando" os lugares onde se produciron os lumes, tras ser parte activa o fin de semana na seguridade das persoas e dos bens.
Estas mesmas fontes sinalan que de momento non se atoparon artefactos incendiarios na provincia de Lugo.
O propio subdelegado do goberno, Ramón Carballo, sinalou que "de momento non hai ningún detido", aínda que tamén houbo un identificado na contorna do HULA, na cidade de Lugo, pero "non" detido. "Colleuse algunha foto que tiña no seu móbil", apuntou.
Carballo explica que "se seguen varias pistas, está o equipo do Seprona da Garda Civil que tomou mostras en distintos sitios, están a tomar testemuños de persoas da contorna (onde se produciron os incendios) por se puidesen dar información".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.