ABANCA tamén colabora na recuperacion dos danos económicos e ambientais do lume

A entidade creou unha liña de financiamento e anticipo de subvencións e un protocolo para axilizar a xestión dos sinistros.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 18/10/2017 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

ABANCA tamén quere axudar a tentar paliar os danos dos lumes e comezou a aplicar diferentes medidas urxentes deseñadas para contribuír a paliar os danos causados polos incendios en Galicia, Asturias, León e norte de Portugal. Entre elas destaca a creación dunha liña de liquidez por importe inicial de 50 millóns de euros para facer fronte a necesidades económicas máis urxentes xeradas polos incendios.

Unha muller en Vincios (Gondomar), no medio do fume causado pola vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro
Unha muller en Vincios (Gondomar), no medio do fume causado pola vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro | Fonte: 1 Punto 1 Fotografía

Segundo informa a entidade bancaria, “trátase dunha liña de financiamento flexible, con áxil tramitación e que conta con condicións especiais tanto para particulares como empresas que teñan sufrido as consecuencias dos lumes”. A liña de liquidez contempla tanto unha conta de crédito a 12 meses, como préstamos con carencia ata un ano e prazo total de 10 anos, ambos sen comisións de ningún tipo. Tamén se abriu unha liña específica de anticipo de subvencións ata o 100% do importe da subvención da que o afectado poida ser beneficiario. Os afectados poden tramitar estas liñas en calquera das máis de 500 oficinas que ABANCA ten en Galicia.

Por outra banda, ABANCA puxo en marcha un protocolo especial para dar un servizo acelerado na xestión de sinistros dos seus clientes asegurados coa entidade. O banco, que está a transmitir desde o pasado luns o seu apoio e solidariedade a todos os concellos afectados, constituíu un equipo de traballo para ofrecer respostas adecuadas cando se coñezan avaliacións de danos máis detalladas.

Colaboración na recuperación ambiental

A entidade fixouse tamén como obxectivo contribuír activamente na recuperación ambiental. A dirección de RSC do banco está a ultimar liñas de traballo compostas por iniciativas propias e mantense en contacto coa Xunta para analizar accións en coordinación co goberno galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta