SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2017 | Actualizada ás 12:36 por EUROPA PRESS
Medio centenar de persoas, convocadas pola plataforma 'Stop vespa velutina', iniciaron unha marcha desde Santiago de Compostela ata Bilbao para esixir ás administracións un "plan de choque" que pare os "estragos" causados por esta especie que "supón un grave problema ambiental de consecuencias imprevisibles que afecta a toda a sociedade".
A mobilización comezou este xoves cunha concentración ante a sede da Xunta na capital galega, onde o portavoz da Asociación Galega de Apicultores (AGA), Xesús Asorey, reclamou a posta en marcha dun plan, coordinado pola administración xunto coas asociacións e a poboación, para combater os danos causados pola velutina.
Neste escenario, a asociación fixo un chamamento ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que escoite as demandas do sector e inste o seu Executivo a establecer un plan "ordenado, coordinado e financiado" que permita reducir o número de exemplares de velutina para o próximo ano.
E é que, segundo denunciou Asorey, ata o momento, a loita "recaeu principalmente no sector apícola" mentres que, na súa opinión, "a administración limitouse á entrega dunhas 10.000 trampas", métodos que cualificou de "moi escasos".
UN MILLÓN DE EUROS
Fronte a iso, considerou necesario que esta estratexia, que debe contemplar un orzamento dun millón de euros, inclúa a repartición de 50.000 trampas para distribuílas de cara a próxima primavera en colexios, concellos ou outras entidades que permitan estender a loita, a maiores de entre o propio sector apícola.
Ademais, o colectivo asegura que este documento debe apostar tamén pola investigación como rama "fundamental" para "coñecer mellor o comportamento desta especie invasora, o seu impacto ambiental e económico, así como o estudo de métodos de control eficaces".
POLINIZAR A MAN
"Queremos facer ver que, se a velutina non se para, a polinización das abellas, que é moi importante, imos ter que facela a man", manifestou para advertir de que "para polinizar igual que unha abella unha persoa tería que actuar en 10.000 flores ao día".
Ante esta situación, a Asociación Galega de Apicultura, en colaboración coa Confederación en defensa da abella da Cornixa Cantábrica (Codacc), convocaron do 19 ao 23 de outubro a marcha Stop Velutina para sensibilizar á poboación sobre este problema. Con este fin, o percorrido incluirá distintas concentracións e actos informativos.
Entre os obxectivos desta iniciativa, a Asociación Galega de Apicultura tamén busca divulgar as ferramentas que os cidadáns teñen sobre a mesa para frear o avance desta praga. Así, entre outras cuestións, informarán os resultados obxectivos co sistema de "trampa eléctrica" que o sector puxo en marcha para protexer as colmeas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.