Por Galicia Confidencial | Vigo | 20/10/2017 | Actualizada ás 09:00
Concello de Vigo e Xunta de Galicia manteñen viva a súa particular disputa política polas súas candidaturas de Cíes e do Parque Nacional das Illas Atánticas a Patrimonio da Humanidade. O conflito, lonxe de solucionarse cun consenso, avívase cun novo paso dado á fronte polo Concello da man da Universidade de Vigo, que logo de asinar un convenio de apoio á candidatura de Caballero para que Cíes sexa Patrimonio da Unesco, agora formalizou a creación de dous comités que proverán ao concello vigués dos argumentos científicos e económico-sociais para esta candidatura. Nese comité traballará a elite da comunidade científica galega. Todo un desafío ao plan do Goberno galego.
Este paso foi dado, ademais, cunha solemnidade que busca contrarrestar a candidatura proposta pola Xunta. Foi este mércores no Auditorio Mar de Vigo, onde se fixo un acto de presentación, do que informou a UVigo, dun plan que contará cunha trintena de investigadores das tres universidades, centros e institucións galegas que conforman os comités científico, coordinado polo catedrático Emilio Fernández e o económico-social, dirixido pola tamén catedrática da institución académica viguesa Dolores Garza e aos que se suma un terceiro comité técnico, conformado por persoal municipal.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, presidiron a presentación dos grupos de traballo, integrados, segundo Mato “polas e polos mellores para determinar o rumbo para protexer as Illas Cíes”, mentres que o rexedor municipal afirmou que “aquí hai ciencia, estudo e capacidade de investigación, á marxe de cuestións políticas”, en clara referencia á disputa que mantén co Goberno galego, que propuxo o conxunto das Illas Atlánticas como candidatura.
Tras reiterar que as Illas Cíes contan con “méritos sobrados” para acadar a distinción de patrimonio da humanidade, o que permitirá dotala da máxima protección, “a declaración a queremos para que nos próximos mil anos Cíes permaneza como foron hai outros mil anos atrás”, Caballero incidiu na necesidade de coñecer todas as características do arquipélago. “Queremos comprobar que as Illas Cíes teñen valor universal excepcional e integridade, porque sen estes valores non se dá a declaración”, sinalou o alcalde, que apuntou ás e aos investigadores para dicirlles que “vós seredes os que diredes cales son os valores e en que dirección temos que avanzar desde o estudo científico; a axenda estará marcada polo que nos digades”.
Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, destacou que os integrantes dos comités científico e económico-social “sodes os autores dos principais traballos sobre Cíes e os mellores para determinar o rumbo para protexelas”. O reitor, que asegurou que Cíes é un exemplo perfecto para desenvolver os principios da economía circular, agradeceu a confianza do Concello e manifestou a súa confianza en que “deste traballo sairán novas iniciativas e liñas que permitirán, aínda máis, se cabe reforzar e poñer en valor as illas”, dixo Mato.
BASE CIENTÍFICA
Os docentes e investigadores da Universidade de Vigo Gonzalo Méndez, Jesús Troncoso, Francisco Ramil, Irene Alejo, Alberto Velando, José María Sánchez, Luis Navarro, María Calviño e Adolfo Cordero; o catedrático da (Universidade da Coruña) UDC Rodolfo Barreiro; o docente da Universidade de Santiago (USC) Sebastián Villasante; os investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO) Victoria Besada e Juan Bellas e os científicos do Consejo Superior de Investigaciones Científcas (CSIC) Miguel Planas, Francisco Saborido, Ángel Gónzález e Ricardo Prego, integran o comité científico, que coordina o catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo e director do Campus do Mar, Emilio Fernández.
Fernández recoñeceu a complexidade do reto que lles foi encomendado, que os levará a traballar sobre documentos existentes, identificando lagoas de coñecemento, de xeito que a administración local terá que elaborar as conclusións sobre os resultados que lles achegue o comité. “Está agregado o mellor”, asegurou o director de Campus do Mar, sobre os 18 integrantes do grupo de traballo científico, que suman “máis de 1.300 traballos de investigación en revistas de máximo nivel mundial”. Emilio Fernández comprometeu o traballo “intenso, rigoroso e discreto” do comité para acadar que Cíes adquira máis valor e se protexan as súas características.
COMITÉ ECONÓMICO-SOCIAL
A catedrática de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Dolores Garza é a coordinadora do comité económico-social, do que forman parte, os tamén docentes e investigadores da institución viguesa Xavier Labandeira, Juan Surís, Manuel Varela, María Xosé Vázquez e a investigadora Elena Ojea e aos que engaden o catedrático da UDC Fernando González Laxe, a docente da USC María Loureiro e a ex-ministra de Medio Ambiente Elena Espinosa e o xerente da Fundación Provigo, Alberto Rodríguez, como representantes sociais.
“A nosa tarefa é buscar información sobre o que estaría disposta a pagar a sociedade por conservar o ben natural de Cíes e por incrementara súa protección”, explicou Garza, que agradeceu a invitación do Concello a traballar neste comité, que terá, nunha primeira etapa, que procurar a información existente sobre a cuantificación económica dos beneficios que se derivan da conservación do ben natural Cíes e, nunha segunda etapa, dos beneficios que se derivarían do reforzo desa protección, se o ben é declarado finalmente patrimonio da humanidade.
En canto ao modus operandi, Garza explicou que “faremos circular entre os membros do comité a información existente neste intre sobre eses beneficios e valorarémola. Temos previsto celebrar dúas reunións de aquí a final de ano, unha para a primeira etapa a principios de novembro e outra para a segunda e conclusións a principios de decembro”, sinala Garza.
DESAFÍO Á CANDIDATURA DA XUNTA
Este paso dado polo Concello de Vigo, en estreita colaboración coa Universidade viguesa e renomeados persoeiros das principais institucións científicas do país, supón todo un desafío á candidatura das Illas Atlánticas proposta pola Xunta de Galicia. E chega, ademais, poucos días despois de que o Goberno galego confirmase que o Consello de Patrimonio Histórico, reunido na Rioxa, aprobou a inclusión de Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas na denominada Lista Indicativa, onde figuran as aspirantes a ser candidaturas a Patrimonio da Humanidade da Unesco. Así o explicou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen sinalou que esta decisión é un "paso fundamental" que "cambia absolutamente o escenario" e que pon o proxecto impulsado pola Xunta "no pelotón de saída". "As Cíes e o conxunto do Parque Nacional inician un camiño que xa non ten retorno", indicou hai dúas semanas.
Porén, agora, coa elite científica de Galicia traballando para a candidatura impulsada polo Concello de Vigo, ese escenario volve mudar e sitúa a proposta viguesa cun aparente maior crédito que a da Xunta.
Está por ver quen gañará neste pulso que se están botando Concello de Vigo e Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.