Por Ubaldo Cerqueiro | A Coruña | 24/10/2017 | Actualizada ás 08:00
"Saín da Coruña con 3.000 litros de auga nun camión, e non a puiden entregar”. Así de triste foi o periplo de José María, Chema, o luns 16 de outubro, despois de 242 quilómetros e 6 horas. Non houbo quen quixera aproveitar un camión de auga para botar unha man. E todo, pola falla de información e coordinación en plena vaga de lumes.
Despois de pasar a noite do domingo negro sufrindo dende a casa, vendo como novamente era a sociedade galega, como no Prestige, a que salvaba o país, Chema decidiu botar tamén unha man. Chamou ao seu amigo Javi, cargaron o camión con 3.000 litros (en recipientes de 1 grg ou 1.000 litros), armáronse con material de traballo (máscaras, botas, traxes imnífugos…), encheron o depósito de gasoil e chamaron ao 112 para ver onde podía meter unha man. Explicaron que dispuñan dun camión, que ademais pode accecer por pistas forestais, con 3 grg autovaciables con billa e unha con mangueira con saída por gravidade. É dicir, unha boa axuda tal e como estaba a cousa. Ou iso crían eles.
Foi entón cando comezou a clásica batalla “burrocrática” que acabou en frustración. Dende o 112, que coordina a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) deriváronos ao 085, a coordinadora dos lumes, onde tiña que volver explicar a historia. O 085 díxolles que chamaran ao servizo de Protección Civil máis próximo, pero nin sequera lle puideron dar un teléfono, e lle dixeron que chamara ao 112 para solicitalo.
Volta a chamar ao 112 para explicar de novo toda a situación, ademais da resposta do 085. Pero dende o 112 reiteraron que tiña que ser o 085 o que coordinase a acción. Tras 5 minutos de espera, pasaron a chamada directamente ao 085, e lle pediron o número do móbil a Chema, e que o chamarían para indicarlle onde podería ir, agradecéndolle a axuda... Pero, aínda está esperando a chamada.
Frustración
Pararon a viaxe. Decidiron descansar e planificar, de novo, os seus pasos. Colleron a AP9, gracias ás indicacións que daban os boletíns informativos, que indicaban que a zona de Pontevedra era a máis afectada. Chegando a Santiago chamaron de novo ao 085. “Xa che avisaremos”. Aí comezaron a comprender que os medios oficiais non ían ser de gran axuda.
Chema chamou entón a dous deses 500 brigadistas que non foron renovados o pasado mes de setembro. Chamou tamén a un bombeiro e un garda civil amigos, para ver se sabían onde podía ir coa auga. Só o garda civil estaba operativo (como retén no sur da provincia da Coruña), e mesmo ao bombeiro só o deixaron ir como voluntario pero sen medios individuais nin colectivos. “Niguén quere que vaias botar unha man, e menos cun camión tan grande. Se vas e axudas, e alguén o ve, para o ano non teñen nin subvencion nin orzamento para o seu traballo”, explicoulle un dos moitos bombeiros coruñeses que se ofreceron voluntarios pero que tampouco foron aproveitados, ou foron mobilizados xa oito horas máis tarde do debido.
Novos plans
Novamente, decidiron planificarse. Viron na web da Xunta que estaba activo un lume en Silleda, preto da súa ubicación nese momento, e ata alí se dirixiron. Atoparon un coche da Garda Civil de Tráfico e preguntaron se sabían onde podían axudar, e os mandaron aos bombeiros. Máis sorprendente foi a súa chegada ao centro dos Bombeiros de Silleda, pois había 4 cambións e dous todoterrenos aparcados, sen traballar, porque non tiñan ordes específicas.
Contáronlle a historia solidaria, outra vez, e responderon que “tampouco era cousa deles”, que son bombeiros urbanos, e que non había ningún lume onde eles puideran facer nada porque non tiñan ordes de nada. Tocaba ir ás Brigadas forestais que estaban xusto enfronte. Alí lucían outros dous helicópteros antiincendios en terra…
Por novena vez tocaba contar a historia, pero de novo: “Tendes que ir falar cos técnicos… Pero os técnicos non precisaban de nós… Preguntamos onde podíamos ir coa auga pero non sabían, porque non tiñan onde consultalo…” Déronlles, polo menos, o teléfono dos Bombeiros de Pontevedra e Ourense, pero despois de chamalos, ningún precisaba nin da auga ni de axuda para carregala.
Así que, a pesar de que en varios incendios non había medios, nin auga suficientes --o propio Feijoo recoñeceu que a situación estivo descontrolada durante doce horas--, tiveron que arrincar de volta cos 3.000 litros. "Puxemos a Radio Galega, e o alcalde de Viana do Bolo laiandose que non tiña axuda, que había lume nas casas… Na páxina da RTVG, dicían que aínda había 9 focos activos en alerta 2, afectando a vivendas, entre eles Viana do Bolo, Cervantes, Ponteareas… E nós, de volta cos 3.000 litros de auga…", lembra enfadado.
Aínda chamaron ao 085 nun último intento e repetiuse a historia, coma se non os coñeceran. "Xa vos chamaremos", dixéronlles... Ata hoxe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.