SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2017 | Actualizada ás 12:46 por EUROPA PRESS
A escritora viguesa An Alfaya (Mª Ángeles Alfaya Bernardez) gañou a segunda edición do Premio Xosé Neira Vilas de novela curta coa súa obra 'O home de negro'. A entrega terá lugar o vindeiro venres, día 3, na sede da Fundación en Gres, coincidindo co 89 aniversario do nacemento do autor.
Este galardón, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, está dotado con 1.000 euros e a publicación da novela, tal e como destacou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nun comunicado.
O presidente da Fundación Luís Reimóndez; os membros do padroado Rosalía Morlán, Fernando Redondo e Juan Andrés Fernández; así como o crítico literario Armando Requeixo forman o xurado, que destacou a "gran calidade das decenas de traballos presentados a concurso".
Entre eles, o tribunal valorou a capacidade da obra gañadora para "tecer unha historia con fortes doses de intriga" e unha "notable economía de recursos, adelgazando a presenza de personaxes e escenarios para lograr unha extraordinaria concentración expresiva na que a linguaxe da súa prosa xoga un papel principal".
"Autorreflexiva, metaliteraria e ben suxestiva, esta obra recolle a herdanza pirandelliana e unamuniana para actualizala e ofrecer unha alternativa novela do século XXI", sinala o xurado.
OBRA PREMIADA
An Alfaya (Vigo, 1964) ten unha extensa obra literaria dirixida tanto ao público xuvenil como ao adulto. Así, publicou as novelas 'A recortada (Xerais, 1999)', 'Desventura (2003)', 'Matei un home (2005)', 'A sombra descalza (Xerais, 2006)', 'Illa Soidade (Xerais, 2007)', 'Area quente (2009)', 'Vía secundaria (Xerais, 2011)' e 'Muros de aire (Xerais, 2015)'.
Ademais, dentro dos seus traballos para o público infantil publicou, entre outras, a peza teatral 'O maquinista Antón (1995, 2009)' e os relatos 'O caderno azul (1996)', 'Sireno, Sireno!, A buguina namorada (2003)', 'A encontadora (2003)', 'Os seres con raíces na cara (Galaxia, 2007)', 'Vacas na cidade? (Galaxia, 2007)', 'O aroma do liquidámbar (2012)' así como 'O fío vermello (2014)'.
Gañou numerosos premios e recoñecementos literarios como son o Premio Lazarillo 2005, o Premio Xosé Neira Vilas 2006 ao mellor libro infantil e xuvenil, o Premio White Ravens 2007, ou o Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2007, entre outros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.