Por Galicia Confidencial | A Coruña | 06/11/2017 | Actualizada ás 14:00
A Xunta de Galicia segue subvencionando, a través de cuantiosas axudas públicas, aos grandes medios de comunicación, especialmente, La Voz de Galicia. Faino, ademais, cun espazo sobre o medio ambiente xusto cando hai pouco máis de quince días Galicia sufriu unha das súas peores vagas de lumes que calcinou case 50.000 hectáreas en cinco días.
Este contrato materializarase a través da empresa pública SOGAMA. A Corporación Voz de Galicia recibirá a cambio 62.000 euros máis IVE desta compañía, participada nun 51% pola Administración. Na resolución do procedemento non figura o nome do programa nin da emisora, pero ao tratarse dun programa de radio será en Radio Voz, a cadea do grupo de Santiago Rey.
SOGAMA escolleu Radio Voz malia que esta cadea é a 12ª en audiencia entre as grandes emisoras que se escoitan en Galicia e a sexta de audiencia entre as xeneralistas que emiten no país. SER, Cope, Radio Galega, Onda Cero e Radio Nacional teñen máis audiencia que a filial da Voz de Galicia; segundo o EGM.
Máis axudas para Voz Natura
Con todo, cómpre lembrar que La Voz leva lustros beneficiándose do diñeiro da Xunta para promocionar a defensa do medio, a través do programa Voz Natura, suplemento do xornal herculino.
A adxudicación fíxose o pasado 2 de novembro cun prazo de execución de 5 meses. O que chama a atención é que este contrato é exactamente igual a outro publicado na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia o pasado maio tamén para a mesma empresa e coa mesma cantidade.
Máis contratos
Por outra banda, a Secretaría Xeral de Medios acaba de oficializar outro contrato de "Servizos de axencia de noticias", tamén polo procedemento negociado sen publicidade por exclusividade, coa empresa Axencia EFE. En total, 247.933,89 € sen IVE.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.