Vigo | 07/11/2017 | Actualizada ás 13:36 por EUROPA PRESS
O presidente da Comunidade de Montes de Cabral, Luís Rodríguez, expresou a súa confianza en que "algún dos partidos maioritarios" na Cámara galega asuma a proposición non de lei de iniciativa popular en favor do macrocentro comercial e de lecer 'Porto Cabral', promovido por Intu, e advertiu: "Se non fóra así, significaría que nin PP nin PSOE queren facer nada por Vigo".
Nunha entrevista a Europa Press, Rodríguez lembrou que está a piques de finalizar unha campaña de recollida de firmas, que conta con máis de 60.000 apoios, para instar ao goberno da Xunta a desenvolver ese proxecto pola vía supramunicipal. "Estamos convencidos de que, con este respaldo cidadán, os partidos, polo menos, pensarano", apuntou.
Segundo sinalou, Porto Cabral supón un investimento "privado" de 600 millóns de euros para a parroquia e para a cidade, a creación duns 4.000 empregos directos, e prevese que cada ano pasen polas súas instalacións "entre 18 e 20 millóns de persoas", coa riqueza que iso supón para a economía da área viguesa. "Isto é un proxecto polo que esperan a maioría de cidadáns, queren que vaia adiante. Se os partidos non o asumen, estariamos nunha cidade con poucas perspectivas de futuro", engadiu.
Con respecto á manifesta oposición que proclamaron BNG e En Marea ao proxecto, Luís Rodríguez lembrou que o sector de Liñeiriños, onde se instalaría Porto Cabral, foi deseñado e encadrado no Plan Xeral por un goberno municipal nacionalista, polo que ve "incoherente" a posición do BNG. En canto a En Marea, lamentou que non teñan "ningún proxecto de interese" para a cidade olívica e, en todo caso, subliñou que os defensores do proxecto de Intu levan recollidas "máis firmas que votos tiveron Marea e BNG xuntos" na cidade.
'PLAN B'
O presidente dos comuneiros de Cabral recoñeceu que "non hai un plan B, de momento", no caso de que a iniciativa non prospere na Cámara galega. Se non sae adiante o proxecto, sinalou, "habería que esperar a un novo Plan Xeral, sería lamentable porque seguramente, cando estea listo, os investidores xa non estarán aí".
A ese respecto, lembrou que os promotores de Porto Cabral "levan esperando desde 2013" e, aínda que ratificaron o seu interese por instalarse en Vigo, "ofrecéronlles parcelas noutros sitios próximos". Se a iniciativa non prospera, engadiu, a cidade "perdería unha oportunidade de ouro de ter un investimento forte, como non hai en toda Galicia e como poucas en España".
INTERESE SUPRAMUNICIPAL
O comité de entidades e particulares que impulsa a campaña de recollida de firmas aposta por que Porto Cabral sexa considerado un proxecto de interese supramunicipal, para que a Xunta adopte as medidas necesarias para que poida ser unha realidade, sen ter que depender dun plan urbanístico, o vigués, que foi anulado polo Tribunal Supremo.
Luís Rodríguez recalcou que as administracións buscaron vías alternativas para desenvolver outras iniciativas, como a ampliación do polígono de Balaídos, a estación intermodal ou a construción de vivendas públicas en Navia. "Por que para uns acéndese a luz e para outros apágase? Seica Cabral non ten dereito a desenvolverse, a ter empregos?", cuestionou.
OPOSICIÓN AO PROXECTO
Por outra banda, con respecto ao grupo de comuneiros que se opoñen a 'Porto Cabral', o presidente da xunta reitora insistiu en que son "minoría" e que "non se pode dicir que a Comunidade de Montes estea en contra, é máis, é a primeira promotora desa campaña de recollida de firmas".
Así, descualificou os argumentos que utilizan os opositores para criticar o proxecto, e asegurou que "nunca" coñeceu unha iniciativa que fose máis "pública, explicada e transparente".
Ademais, xustificou a posición da directiva comunal, e lembrou que, se existen os terreos para uso comercial, "o menos que se podía facer era sentar a negociar", que foi o que fixo a directiva. Nesa liña, afirmou que, nese espazo, "está prevista a expropiación forzosa" cando se desenvolva, e para lograr o acordo máis beneficioso, a Comunidade de Montes pactou un prezo de 40 euros por metro cadrado, moi superior á media do prezo en expropiacións dese tipo.
Rodríguez tamén se referiu á polémica asemblea celebrada en novembro de 2013 (despois de ser aprazada por incidentes cos comuneiros críticos). Segundo precisou, o que se someteu a votación nesa reunión foron "as condicións" que a xunta reitora pactou con Intu (o prezo das expropiacións, a reposición de servizos, o acondicionamento dun lugar alternativo para a Romaría do Pan de Millo, etc.), e non se os comuneiros estaban a favor ou en contra de Porto Cabral.
Ademais, defendeu a xestión da xunta reitora desde que el a preside, e destacou que, nos últimos anos, o patrimonio de solo forestal comunal creceu en 55 hectáreas, á vez que lembrou que, por lei, a entidade está obrigada a reinvestir no monte o 40 por cento dos seus ingresos.
30 HECTÁREAS PARA O PROXECTO
Así se fará con Porto Cabral, abundou, e explicou que a previsión de ingresos por esas 30 hectáreas de monte é de entre 11 e 13 millóns de euros, dos que o 40 por cento, como é preceptivo, destinarase "a adquirir patrimonio e xerar emprego".
Luís Rodríguez tamén destacou que, grazas á adquisición de terreos dos últimos anos, aínda sen esas 30 hectáreas, a Comunidade de Montes terá máis superficie que hai 18 anos. "Imos defender o monte por encima de todo. Non corre ningún risco, porque aínda quedarían 25 hectáreas máis de terreo forestal que cando eu cheguei", insistiu.
Segundo aseverou, os que forman a minoría que se opón a Porto Cabral "serán os primeiros en porse á cola" para beneficiarse dos empregos que xere, e lamentou as "perogrulladas" e "intoxicacións" dos críticos con esta iniciativa.
Como exemplo, sinalou a vinculación "intencionada" que se fixo dos incendios do 15 de outubro co desenvolvemento de Porto Cabral, porque "non ardeu nin unha herba" nesa parroquia, grazas a que a Comunidade de Montes mantén os seus terreos "coidados e limpos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.