O amor entre María Casares e Albert Camus: “Estou que ardo, por dentro, por fóra. Todo arde...”

A filla do filósofo e premio Nóbel de Literatura francés publica 865 cartas inéditas entre o seu pai e a artista galega que certifican a paixón amorosa que mantiveron durante anos.

Por Galicia Confidencial | Paris | 11/11/2017 | Actualizada ás 21:13

Comparte esta noticia

De  "Mon amour chéri" a "Mon cher amour". Así se trataban o filósofo francés Albert Camus e a artista galega María Casares na correspondencia amorosa entre os dous, descuberta e publicada esta semana por varios medios franceses, entre eles, Le Monde.

A actriz galega María Casares
A actriz galega María Casares

"As súas cartas fan que o mundo sexa máis vasto, o espazo máis luminoso, o aire máis lixeiro, simplemente porque existiron", escribe Catherine Camus, filla do premio Nobel de Literatura, que promoveu a publicación destas 865 misivas inéditas.

María Casares e Albert Camus coñecéronse en París o 6 de xuño de 1944, día do desembarco aliado en Normandía da Segunda Guerra Mundial. Ela tiña 21 anos e el 30 e estaba casado con Francine Faure, nai dos xemelgos Catherine e Jean.

Cando ambos os amantes se coñecen, Francine áchase en Alxeria. Regresa a París en setembro e María, esnaquizada, rompe con Camus. O autor de "O estranxeiro" está desconsolado. "Mire cara a onde mire, só percibo a noite (...) sen ti xa non teño a miña forza. Creo que teño ganas de morrer", escríbelle Camus.

Catro anos de separación

A separación durará catro anos. Pero, o 6 de xuño de 1948, Camus e Casares crúzanse por azar nunha rúa de París. Desde entón, non volverán romper. Os seus intercambios epistolares son case diarios. Falan do seu traballo (Casares áchase a miúdo de xira en Francia e o estranxeiro), ponse ao día das faladurías, pero ante todo imponse a súa paixón amorosa.

Maria Cesares e Jean Marais en 'Orphee
Maria Cesares e Jean Marais en 'Orphee

Camus escribe á súa "pequena gaivota", a súa "troita negra", a súa "saborosa". As cartas son ardentes. "Estou impaciente. Imaxino o momento en que pecharemos a porta da túa habitación", escribe Camus. "Estou que ardo, por dentro, por fóra. Todo arde, alma, corpo, encima, debaixo, corazón, carne (...) Entendíchelo? Ben entendido?", escribe Casares.

"Esta correspondencia, ininterrompida durante 12 anos, mostra o carácter irresistible do seu amor", escribe Catherine Camus no prólogo deste libro de máis de 1.300 páxinas.

Como era María Casares

As cartas da filla de Santiago Casares, último presidente do consello de ministros da Segunda República española, permiten descubrir a vida dunha gran actriz de cinema e teatro, "o seu valor e os seus erros", segundo a filla de Camus.

A intérprete, asalariada primeiro da Comedia Francesa e despois do Teatro Nacional Popular de Jean Vilar, actuou xunto a actores franceses como Michel Bouquet e Gerard Philipe. Interpretou a Martha en "O malentendido" e a Dora en "Xustos", dúas obras de Camus.

O seu amor é fusional. Mentres triunfa en Arxentina, en outubro de 1957, Casares escribe "as palabras de agradecemento que tiven que pronunciar, pronuncieinas pensando en ti". Unha semana máis tarde, Camus foi coroado co Nobel de Literatura. El envioulle unha telegrama: "Nunca che botei tanto de menos".

A última carta 

A última de Camus ao seu grande amor está datada do 30 de decembro de 1959. "Última carta", escribe o escritor de forma premonitoria. Instalado na súa casa do sureste francés desde novembro dese ano, anuncia á súa amante que, finalmente, regresará "por estrada" a París o 4 de xaneiro.

"Ata pronto, miña preciosa. Estou tan contento coa idea de volverche a ver, que río mentres che escribo (...) Mándoche bicos, abrázote contra min ata o martes, cando volverei facelo".

Pero Camus non chegou nunca a París. Morreu nun accidente de auto no seu camiño cara á capital. María Casares tardaría aínda 36 anos máis en facelo. Foi en 1996, aos 74 anos.

Albert Camus
Albert Camus
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario